A Xunta Electoral ordena ao PPdeG retirar ou modificar o seu vídeo "Galicia é moito" para eliminar as bandeiras e emblemas do Goberno galego e pídelle que o faga "á maior brevidade posible". Cuestiona que se faga unha "apropiación dunha institución galega, a Xunta, nun vídeo de presentación do candidato do Partido Popular".
A autoridade electoral atende parcialmente a denuncia do BNG e considera que a difusión do vídeo musical pode levar o electorado a unha "confusión" entre o PP e a Xunta
Esta resolución, á que tivo acceso Praza.gal, súmase á coñecida esta mesma semana que obriga á Consellería de Medio Rural a deixar de usar unha campaña pola súa similitude co lema dos populares.
O órgano electoral estima de novo parcialmente unha denuncia do BNG e, para o caso do vídeo, "subliña a posible confusión implícita que nos electores puidera provocar a difusión do vídeo entre a entidade política 'Partido Popular', concorrente á contenda electoral en curso, e a institución autonómica 'Xunta de Galicia', máxime cando aínda non se ten iniciado a campaña electoral".
A resolución cita o artigo 53 da lei electoral e unha instrución de 2011 sobre ese mesmo punto que concreta "a prohibición de difusión de propaganda electoral entre a convocatoria e o inicio da campaña electoral" e puntualiza que o que si se pode é realizar e distribuír en soportes electrónicos "vídeos nos que se dan a coñecer os candidatos ou o programa electoral".
A denuncia presentada polo BNG, prosegue o texto, cuestiona o uso reiterado do nome e do logo da Xunta porque entende que atenta contra o principio de neutralidade dos poderes públicos. Tras ver o vídeo e analizar as alegacións do PPdeG, a Xunta Electoral "constata que no mesmo, e en arredor de 24 ocasións, aparece unha bandeira coa palabra 'Xunta' de tipografía coincidente coa empregada pola institución". "Bandeira que ondea en maquetas de obras ou de edificios públicos ao longo dos aproximadamente tres minutos de duración do vídeo", engade.
A Xunta "constitúe unha das institucións autonómicas de Galicia", segundo recolle o Estatuto de Autonomía, e os acordos da Xunta Electoral Central do 12 de maio de 2014 e do 8 de novembro de 2016 indican que "non resulta admisible" que as entidades políticas fagan "unha utilización ou apropiación partidista das institucións do Estado" na súa publicidade ou programas electorais, expón.
A decisión considera que "non resulta admisible" que os partidos fagan "unha utilización ou apropiación partidista" das institucións do Estado
A Xunta Electoral aclara que "non cuestiona" que un partido difunda "logros ou actuacións levadas a cabo polo goberno autonómico" ou que presente imaxes do presidente da Xunta e candidato do PPdeG. "O que se cuestiona é a apropiación dunha institución galega, a Xunta, nun vídeo de presentación do candidato do Partido Popular", indica.
A resolución apunta que non procede incoar un expediente sancionador e indica que se pode interpoñer un recurso de alzada contra a decisión ante a Xunta Electoral Central, que deberá presentarse ante órgano galego, para o seu informe, antes das 14:00 horas do sábado 7 de marzo. Fontes do PPdeG indicaron que están analizando esta posibilidade.