A Consellería de Infraestruturas inclúe a obra entre as que desbloquea polo coronavirus e asegura que destina máis dun millón de euros “para favorecer a actividade económica”
Nas estradas autonómicas OU-122 e OU-123, segundo admite a propia Xunta, hai “treitos que soportan o tráfico de vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras de lousa de Carballeda de Valdeorras, polo que o firme sofre importantes cargas que obrigan a actuar sobre o mesmo para rehabilitalo”. Porén, esa rehabilitación non a realizarán os causantes do deterioro das vías, como establece a Lei de Estradas de Galicia, senón que a asumirá a propia Xunta cun millón de euros de fondos públicos que di investir “para favorecer a actividade económica”. A obra licítase dous meses despois de que o propio presidente Feijóo visitase a zona para gabar a “capacidade para xerar riqueza” do sector da lousa e anúnciase agora, como parte do grupo de obras públicas que o Goberno galego considera necesario reactivar tras o parón polo coronavirus.
A Xunta admite que as vías públicas están a usarse como "camiño de comunicación para as canteiras"
A propia Consellería de Infraestruturas anunciou o pasado venres que vén de licitar por máis dun millón de euros obras de mellora do firme das dúas estradas autonómicas que atravesan o concello de Carballeda de Valdeorras ata conectar coa provincia de León atravesando unha zona na que se sitúan algunhas das principais canteiras de lousa de Galicia. Ademais de atribuír na propia nota de prensa o seu deterioro aos vehículos de grande tonelaxe das canteiras, a documentación técnica incluída na licitación salienta que os desperfectos das estradas débense “fundamentalmente ás incidencias climatolóxicas e á gran cantidade de tráfico pesado procedente das canteiras de pizarra existentes na zona (ao tratarse este treito principalmente dun camiño de comunicación para as canteiras)”.
Isto é, as estradas autonómicas non se deterioran só polos camións que entran e saen das canteiras senón que son empregadas como vías internas das propias explotacións. O propio proxecto técnico da Xunta así o reflicte con fotografías como as que ilustran esta información
A propia Xunta salienta o seu investimento nesta obra malia que a Lei 8/2013 de Estradas de Galicia establece, no seu artigo 58, que os danos ao dominio público viario deben ser asumidos por quen os cause ou polo seu asegurador. A Consellería de Infraestruturas di na súa nota de prensa que as obras “consisten na mellora do estado dos firmes, con saneos profundos alí onde sexa necesario, limpeza de gabias e reperfilado de noiros” así como “o repintado da sinalización horizontal e reposición da sinalización vertical e balizamento”, polo que asegura que a actuación “vai máis alá das obras de mellora de firme, sendo unha actuación fundamental para a actividade económica da comarca de Valdeorras”.
Hai dous meses Feijóo visitou a zona e salientou a "capacidade para xerar riqueza e emprego na comarca de Valdeorras" do sector da lousa
A Consellería de Infraestruturas salienta que “con esta licitación, o Goberno galego continúa a reforzar a seguridade viaria nas estradas autonómicas, ao tempo que impulsa investimentos para favorecer a actividade económica”. A súa licitación da obra prodúcese dous meses despois de que o pasado 14 de febreiro o propio presidente Feijóo visitase a zona e salientase “a internacionalización do sector da lousa e a súa capacidade para xerar riqueza e emprego na comarca de Valdeorras”, que cuantificou en “preto de 2.500 traballadores” de xeito directo e “arredor de 10.000 persoas” de maneira indirecta. O control da Xunta sobre ese sector vén sendo posto en cuestión polo Defensor do Pobo.