A Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Xunta vén de recoñecer que unha canteira ocupou parte do espazo protexido do castro da Trinidade, situado entre Mondoñedo e Lourenzá, "alterando substancialmente o terreo e subsolo, sen que dita intervención teña amparo dunha autorización desta Administración”. A canteira afectou tamén a espazos "do territorio histórico do Camiño de Santiago do Norte”, segundo se destaca no documento remitido ao Concello de Mondoñedo.
O pasado ano ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaron o caso ante a Fiscalía para que investigase a responsabilidade da Xunta na desfeita
O pasado ano as asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaran a situación, levando o caso ante a Fiscalía para que investigase a responsabilidade da Xunta na desfeita. O castro está catalogado dende o ano 1997, un momento no que se estableceron límites á canteira para protexer a zona arqueolóxica. Porén, iso non impediu que as actuacións de Canteras Santa Cecilia prexudicasen notablemente o xacemento.
Mariña Patrimonio destaca que o documento remitido pola Xunta baséase en informes realizados por técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio que "contradín e mesmo deixan en evidencia os elaborados polo Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo". "Desde o Servizo provincial pretendíase demostrar a inexistencia do sitio arqueolóxico, así como xustificar as desfeitas provocadas por Canteras Santa Cecilia, argumentando que se trataba dunhas 'antigas remocións de terras' nunha 'canteira hoxe abandonada'", denuncia Mariña Patrimonio a través de Manuel Miranda.
A entidade destaca que "o Servizo de Patrimonio de Lugo mesmo tiña solicitado a descatalogación deste sitio arqueolóxico; descatalogación e desprotección que non se chegou a materializar porque o Servizo de Lugo posiblemente non tiña seguido os procedementos legais para conseguilo". E subliña que "a descatalogación do xacemento conlevaría uns beneficios económicos moi elevados para a empresa propietaria da canteira e legalizaría a posible situación irregular, derivada da ocupación e explotación dunha zona arqueolóxica protexida".
Consumada a desfeita, o Servizo de Patrimonio da Xunta propuxo en marzo de 2016 a "exclusión" do xacemento do preinventario malia estar xa catalogado
A denuncia presentada o pasado ano ante a Fiscalía facía fincapé no intento de desprotección do xacemento por parte do Servizo de Patrimonio de Lugo. O outeiro sobre o que se sitúa o castro foi arrasado pola actividade extractiva da canteira. Consumada a desfeita, o Servizo de Patrimonio da Xunta propuxo en marzo de 2016 a "exclusión" do xacemento do preinventario malia estar xa catalogado e reclamou que se excluíse do PXOM de Mondoñedo. Porén o PXOM ratificou finalmente o Castro da Trinidade entre os bens protexidos.
O avance dos traballos da canteira foron ocupando aos poucos non só a franxa do perímetro de protección --duns 200 metros-- senón o propio xacemento, ata comelo practicamente por completo. O pasado ano ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaron que "a canteira continúa a destruír o xacemento sen que a Xunta nin Concello fagan nada para evitalo".