A Fiscalía investiga xa se a Xunta tivo responsabilidade na desaparición do castro da Trinidade --ou castro de Flores--, un importante xacemento que comparten os concellos de Mondoñedo e Lourenzá e que foi destruído polos traballos dunha canteira malia estar protexido desde hai máis de 20 anos. O fiscal de Medio Ambiente en Galicia, Álvaro García Ortiz, abriu dilixencias penais logo da denuncia presentada pola entidade Mariña Patrimonio e pola asociación ecoloxista Adega, que levan tempo pescudando sobre un caso que sinala o Servizo de Patrimonio da Consellería da Cultura en Lugo. A pesar das varias denuncias presentadas desde nos últimos anos, dos importantes achados arqueolóxicos ou dos informes municipais que advirten do seu amparo, a Administración autonómica non só obviou o seu deber de salvagardar a zona e permitiu o avance da pedreira, senón que intentou legalizar as presumibles actuacións ilegais cometidas.
A Fiscalía investiga a responsabilidade da Xunta na destrución por parte dunha canteira dun castro catalogado e protexido desde 1995
Así o advirten as dúas entidades denunciantes no detallado informe presentado á Fiscalía, e ao que tivo acceso Praza.gal. Nel alértase dos "danos irreparables e de forma xeneralizada" causados sobre un ben patrimonial catalogado desde 1995 e xa antes, en 1991, incluído no inventario de Xacementos Arqueolóxicos. O outeiro sobre o que se sitúa o castro foi arrasado pola actividade extractiva da canteira sen que ninguén o impedise e malia as denuncias. Consumada a desfeita, o Servizo de Patrimonio da Xunta propón en marzo de 2016 a "exclusión" do xacemento do preinventario malia estar xa inventariado e catalogado e insiste en que se exclúa do PXOM de Mondoñedo tan só tres meses antes de que fose aprobado definitivamente. Malia os intentos, o plan urbanístico saíu adiante e ratificou o Castro da Trinidade entre os bens protexidos.
Adega e Mariña Patrimonio acusan o Servizo de Patrimonio de Lugo de amparar os labores da canteira e intentar legalizar as súas accións ilegais
No entanto, o dano estaba feito e tanto Adega como Mariña Patrimonio advirten de que "o feito de non ter actuado para protexer este sitio arqueolóxico, xunto cos informes e mais a solicitude de exclusión do preinventario, puideron ser determinantes nos danos sufridos neste ben patrimonial". Refírense fundamenalmente ao presentado en marzo de 2016 por un arqueólogo do Servizo de Patrimonio de Lugo da Xunta, no que fala da desaparición do castro por "unha canteira hoxe abandonada", cando os traballos aínda se realizan a tal hora, ou da inexistencia de "indicios de ningunha estrutura arqueolóxica visible en superficie" nin "restos arqueolóxicos".
Patrimonio de Lugo instou en 2016 a "excluír" o castro dos bens protexidos argumentando a inexistencia de "restos arqueolóxicos" que foran achados e documentados anos antes
O seu informe contrasta con moreas de documentos e imaxes que desmenten as súas teses. Xa en 2000, os informes de avaliación do impacto da canteira sobre o castro documenta a existencia do xacemento e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autoriza a explotación da canteira, pero excluíndo o xacemento e a súa área de protección. Mesmo se advirte de que a explotación non pode avanzar na dirección do castro para protexelo.
A canteira avanzou ata destruír por completo o castro: "Comeu case todo o terreo", advertiu o arqueólogo municipal de Mondoñedo
Tal e como se pode comprobar nas fotografías aéreas achegadas no informe á Fiscalía, o avance dos traballos da canteira foron ocupando aos poucos non só a franxa do perímetro de protección --duns 200 metros-- senón o propio xacemento, ata comelo practicamente por completo. Así o expresa en 2006 o arqueólogo municipal de Mondoñedo, que na súa tese doutoral advirte de que “unha canteira comeu case todo o terreo” da zona norte do castro. Logo dunha denuncia presentada no Concello mindoniense, o mesmo arqueólogo insiste en 2008 que o xacemento está sendo afectado polos traballos da pedreira. Tras unha inspección, atopa restos cerámicos, metálicos e óseos da época castrexa entre os materiais remexidos pola canteira, reclama que se suspenda a actividade e se informe á Dirección Xeral de Patrimonio (DXPC) e avisa de que a explotación "excede do ámbito territorial da autorización".
Evolución da destrución do castro da Trinidade polos traballos na canteira desde 2001 a 2013
O Concello pídelle á empresa que exclúa das súas actividades a superficie do xacemento e que adopte as medidas necesarias para evitar danos, ademais de advertir á DXPC, que envía un arqueólogo para inspeccionar o xacemento. O técnico asegura que o lugar está inventariado e catalogado. É a mesma persoa que logo en 2016 propón que se exclúa dun suposto "preinventario".
En 2010, o Servizo de Arqueoloxía de Santiago tamén advertía sobre o castro que "o aproveitamento mineiro da área de ocupación dos dous elementos indicados como canteira ocasionou practicamente a súa total destrución, sen que conste a realización de ningunha actuación arqueolóxica previa”. En 2016, a denuncia chega da Asociación Nacional Española de Fabricantes de Hormigón Preparado por terse "invadido o perímetro de protección dos xacementos arqueolóxicos, onde existe un castro celta catalogado". É daquela cando a arquitecta municipal de Mondoñedo elabora un informe no que insiste en que a canteira afecta os terreos onde está inventariado o xacemento.
O Concello de Mondoñedo, a patronal dos fabricantes e formigón ou o Servizo de Arqueoloxía de Santiago advertiron da "destrución" do xacemento
Tan só uns días despois deste último informe municipal, o arqueólogo do Servizo de Patrimonio de Lugo intenta xustificar a pretendida exclusión do xacemento do Inventario de Cultura aludindo a unha ficha de 1991 para o preinventario, obviando frases claves, así como a información dos arqueólogos municipais de Mondoñedo, do PXOM do Concello, do Servizo de Arqueoloxía de Santiago ou dos documentos elaborados para a construción da Autovía do Cantábrico ou do gasoduto Ribadeo-Vilalba.
O arqueólogo do Servizo de Patrimonio de Lugo mesmo alude a unha inspección realizada en 2008 na que non puido "darlle unha adscrición cronólóxico-cultural concreta" a unha cerámica atopada na zona. No entanto, o arqueólogo de Mondoñedo xa tiña remitido á DXPC un informe no que detalla que o material "parece adscribirse á cultura castrexa" e no que xa se recomenda "parar a actividade" á espera dunha resolución da Dirección Xeral.
No xacemento achouse un "excepcional machado votivo de bronce", peza arqueolóxica de gran valor que Patrimonio de Lugo obviou
Nesa inspección é onde se atopou un "excepcional machado votivo de bronce", unha das pezas arqueolóxicas máis importantes das que se atoparon en Galicia nese ano. "O machado é unha peza de sobra coñecida por todo o mundo da arqueoloxía e, evidentemente, non puido pasarlle desapercibida ao Servizo de Patrimonio de Lugo", advirten Adega e Mariña Patrimonio sobre unha figura que ten representado un torques que "sitúa o xacemento nunha cronoloxía e nunha cultura moi concretas".
Machado votivo de bronce achado no castro da Trinidade
"A día de hoxe a canteira continúa a destruír o xacemento sen que a Xunta nin Concello fagan nada para evitalo", denunciaron este martes en rolda de prensa representantes de Adega e Mariña Patrimonio, que insistiron en que a Administración galega "tiña no seu poder diferentes informes arqueolóxicos alertando de que a canteira estaba a destruír o xacemento". Ademais, lembran que tiveron que recorrer ao Valedor do Pobo para poder acceder á documentación relacionada con estes feitos logo de solicitala "infructuosamente" á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
"A día de hoxe a canteira continúa a destruír o xacemento sen que a Xunta nin Concello fagan nada para evitalo"
Por outra banda, fontes coñecedoras da investigación aberta advirten da contundencia das probas e indicios e advirten das responsabilidades do Servizo de Patrimonio da Consellería de Cultura en Lugo. "Persoal técnico da Xunta elaborou un informe no que se pretendía demostrar a inexistencia do sitio arqueolóxico, coa finalidade de quitarlle a protección que lle corresponde, a pesar de que os citados arqueólogos contaban con numerosa documentación que certificaba a existencia do castro, que xa figura desde os anos 90 no Inventario e no Catálogo de bens patrimoniais de Galicia", resumen as entidades denunciantes.