Mariña Patrimonio denuncia que as talas de eucalipto destruíron 30 xacementos arqueolóxicos

Destrución do patrimonio arqueolóxico por parte da industria do eucalipto © Mariña Patrimonio

Mariña Patrimonio traballa na posta en valor do patrimonio cultural e natural da Mariña, identificando aqueles elementos aínda non inventariados e protexidos e, tamén, denunciando os ataques e agresións que sofren estes espazos. En máis dunha ocasión teñen sinalado os efectos producidos pola acción da maquinaria pesada empregada nas talas de eucaliptos. Porén, nas últimas semanas a entidade iniciou unha campaña específica de denuncia, pedindo a través da redes sociais que a cidadanía identifique e informe das situacións que puido detectar na súa contorna. O obxectivo é documentar estes atentados para poder despois realizar as pertinentes denuncias ante o Seprona ou a Xunta.

"Estamos elaborando unha serie de denuncias pola destrución do patrimonio arqueolóxico por parte da industria do eucalipto. Xa temos un número considerable de casos. Se coñecedes algunha agresión deste tipo, agradeceríamos que nos achegarades información", destacan na súa páxina de Facebook. O colectivo explica a través do seu presidente, Manuel Miranda, que teñen constancia xa de ao redor de 30 xacementos arqueolóxicos (castros, mámoas e outros) das comarcas do norte de Lugo que sufriron danos por mor "do paso de maquinaria pesada para talas, pola construción de camiños para sacar a madeira ou polos movementos de terra para cortar ou plantar eucaliptos".

Cren que o número de caso pode ser moi superior. Na Mariña hai ao redor de 250 xacementos arqueolóxicos catalogados e protexidos pola Dirección Xeral de Patrimonio e Mariña Patrimonio calcula que os eucaliptos, que seguen estendéndose, están presentes en máis da metade deles.

Non só denuncian os prexuízos causados no patrimonio arqueolóxico, tamén no patrimonio natural. Nos últimos días, por exemplo, alertouse da destrución por parte da maquinaria pesada empregada polas empresas forestais que traballan co eucalipto dun valioso bosque de ribeira en Santo Estevo do Ermo, no Concello de Barreiros. Foron destruídas especies autóctonas, como ameneiros, salgueiros, abeleiras e bidueiros, así coma as canalizacións de auga tradicionais, nun espazo que ficou irrecoñecible.

"Unha cousa é que se corten os eucaliptos para aproveitamento forestal e outra moi distinta é aproveitar que se fai unha tala para cargarse tamén un bosque de ribeira ben consolidado para posteriormente poder plantar unha liña máis e sacar maior beneficio económico a costa do patrimonio natural de todos", destaca o colectivo Santo Estevo Espazo Natural.

Destrución do patrimonio arqueolóxico por parte da industria do eucalipto © Mariña Patrimonio
Outro exemplo de dano causado pola maquinaria empregada nas talas © Mariña Patrimonio
Outra imaxe dos danos © Mariña Patrimonio
Destrución causada pola maquinaria forestal nun bosque de ribeira © Mariña Patrimonio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.