Ducias de veciños e veciñas protestaron este sábado en Mondoñedo contra os prexuízos causados pola empresa Pizarras Veira do Río S.L. (PIVERI), que explota louseiras en Lindín e Santa María Maior. A Asociación de Afectados polas louseiras do Val do Río Baos denunciou nesta concentración "a situación de atropelo dos nosos dereitos e a indefensión que sentimos polo abandono de todos os que teñen poder de tomar decisións para defendernos", segundo se destacaba no manifesto da mesma.
"Constituímonos en Asociación precisamente para defender os dereitos dos veciños sobre as súas propiedades privadas, para defender o equilibrio ecolóxico do Río Baos garantindo a saúde e benestar dos poboadores de todo o seu val ata o mar, para promover o desenvolvemento sostible no rural asegurando a calidade de vida tamén dos nosos fillos e fillas e para velar polo cumprimento da normativa que foi aprobada para protexer cada un deses dereitos", sinalaba tamén o texto, que foi lido ao remate da mobilización.
A protesta contou co apoio dos partidos da oposición no Concello de Mondoñedo (PSdeG-PSOE, BNG e a marea local) e foi tamén atendida polo Sindicato Labrego Galego e por En Marea, que levou o tema ao Congreso. Na concentración tamén se manifestou o apoio aos traballadores e traballadoras das canteiras que, segundo se denunciou, neste momento non están cobrando os seus soldos.
"A empresa PIVERI pode esnaquizar camiños e estradas circulando coa maquinaria pesada por elas? Pode cortalas impedindo o paso de vehículos, gando e maquinaria agrícola? Verter os lodos aos regatos e ao Río Baos? Amorear montañas de escombro nas beiras das pistas? Invadir as fincas privadas dos veciños? E tamén pode expropiar hectáreas de terras coa axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria sen ter que pagar despois o xustiprezo que estipula un tribunal?", denunciou o manifesto da asociación, que anuncia que desenvolverá novas accións de protesta en vindeiras semanas.