A Xunta quere reactivar as polémicas minas de Corcoesto, San Finx e Santa Comba

Protesta contra a mina de Corcoesto © Salvemos Cabana

A Xunta de Galicia pretende reactivar as minas de Corcoesto, San Finx e Santa Comba. Son os tres proxectos que citou este martes no Parlamento a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, tras anunciar que o Goberno galego sacará a concurso nas vindeiras semanas os dereitos mineiros "sobre os que hai probada existencia de recurso" e que abranguen minerais "críticos para a industria europea". 

Lorenzana anuncia a saída á concurso dos dereitos mineiros das minas de Corcoesto, San Finx e Santa Comba, con minerais "críticos para a industria europea"

Lorenzana detallou que este segundo concurso mineiro da lexislatura permitirá "solicitar directamente a concesión de explotación de minas de volframio, estaño e ouro na provincia da Coruña", tres minerais de referencia para os sectores da defensa, a automoción e o aeroespazo. 

Tal e como explicou a conselleira, isto supón que se inclúan os dereitos de explotación de tres polémicas minas, proxectos que recibiron hai anos unha forte contestación veciñal polo impacto medioambiental e social da que advertiron as persoas mobilizadas, ademais de verse envoltos en varios procesos xudiciais. Trátase de tres dereitos mineiros da mina de Corcoesto en Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco para ouro e ferro; da Mina San Finx, en Lousame, para volframio e estaño; e da mina de Varilongo, en Santa Comba, que abrangue, tamén, os concellos de Coristanco e Cabana de Bergantiños, para volframio

A conselleira Lorenzana, durante a súa intervención no Parlamento CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Segundo destaca a Xunta, todas estas explotacións poderían poñer en valor recursos naturais por un valor próximo aos 7.000 millóns de euros, mobilizar 200 millóns en investimento directo e crear máis de 250 empregos directos e 750 indirectos. 

A Xunta asegura que os recursos naturais destas minas teñen un valor de 7.000 millóns de euros e que os proxectos poden crear 250 empregos directos e 750 indirectos

"Galicia está nunha posición de oportunidade que non se pode ignorar; unha realidade e que conecta directamente co futuro do noso tecido produtivo, do territorio e da poboación”, dixo Lorenzana tras lembrar que o país posúe 18 dos 34 materiais considerados críticos pola UE

O concurso anunciado por Lorenzana incluirá tamén máis de cen dereitos mineiros nas catro provincias para permisos de investigación. Serán de materias primas clásicas como o caolín, a arxila, o cuarzo, os feldespatos e o granito, as "verdadeiras responsables de que Galicia sexa a segunda comunidade autónoma en emprego mineiro", lembrou. Pero tamén de materias primas críticas como o litio, o niobio ou o tantalio, na zona de Beariz e Beade; ou o cobre, na zona de Becerreá, nunha aposta por "converter Galicia nun referente en minería metálica". 

O concurso inclúe cen dereitos mineiros para permisos de investigación en minas con materias primas clásicas e a exixencia de "plans sociais punteiros" para os promotores

Por outra banda, a conselleira asegurou que entre as novidades deste concurso será que se lles exixirá aos promotores que incorporen "plans sociais punteiros" que sexan financiados cunha porcentaxe dos beneficios dos proxectos. Adaptados á realidade social de cada concello e destinados directamente á cidadanía "porque non hai dúas comarcas iguais", dixo. 

Os plans incluirían, segundo dixo, a formación da mocidade, a atracción de talento e o fomento da actividade económica, sobre todo pensando no día despois do peche da mina. “O plan social non é un anexo do proxecto industrial, é unha peza angular do proceso de decisión da Xunta en todas as súas fases", asegurou. 

Complexo mineiro de San Finx, en Lousame CC-BY Ecoloxistas en Acción

Proxectos contestados e polémicos

O proxecto para a mina de Corcoesto fora promovido pola empresa canadense Edgewater e pretendía extraer ouro a ceo aberto, provocando unha forte contestación veciñal e ecoloxista. En 2012 recibiu o aval ambiental da Xunta, que lle outorgou a condición de "proxecto estratéxico", facilitando a súa tramitación. 

Logo de múltiples protestas e dúbidas, o Goberno galego denegou o proxecto ao considerar que non ofrecía garantías financeiras necesarias, retirándolle tamén a etiqueta de "estratéxico" e logo de que a mina acumulase milleiros de euros en subvencións públicas, 350.000 deles antes sequera de comezar a extracción

A mina de Corcoesto foi paralizada pola contestación social logo de que a Xunta lle dese o seu aval ambiental, a declarase "estratéxica" e a subvencionase con centos de miles de euros

No caso da mina de San Finx, foron tamén moitas as protestas veciñais, do sector do mar e de ecoloxistas, así como as denuncias por elevada contaminación, mesmo coa revogación dos permisos de vertedura hai dous anos por parte de Augas de Galicia tras constatar incumprimentos reiterados en canto aos verquidos. 

Envolto en numerosos procesos xudiciais, nun dos últimos o TSXG reprochou á Xunta en 2025 que autorizara vertidos sen avaliación de impacto ambiental previa. 

En canto á mina de Varilongo, en Santa Comba, son tamén varias as investigacións xudiciais abertas por presuntos delitos ambientais e de vertidos tóxicos. Ademais, a UE desvinculárase tanto desta mina como a de San Finx, lembrando que eran Xunta e Estado quen tiña que vixiar a súa sostibilidade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.