Revogada a autorización de verteduras da mina de San Finx tras meses de incumprimentos por parte da empresa

Río de San Finx e resolución de Augas de Galicia que revoga a autorización de verteduras CC-BY-SA Imaxe: Plataforma comarcal contra os vertidos de San Finx | Montaxe: Praza Pública

Augas de Galicia constata que as súas inspeccións detectaron verteduras contaminantes "superiores aos límites autorizados"

Augas de Galicia vén de revogar, cunha resolución asinada este xoves, a autorización de verteduras de augas residuais industriais que outorgou hai algo máis dun ano á empresa que ten a concesión da mina de San Finx, en Lousame. Tras meses de incumprimentos da empresa das condicións que se lle puxeran para realizar as verteduras e logo de intensas protestas de confrarías de pescadores, ecoloxistas e veciñanza a resolución deixa no aire a continuidade da concesión da mina, que foi pasando con opacidade por mans de diversas empresas ao longo dos últimos anos. 

Fragmentos da resolución que revoga a autorización de verteduras da mina de San Finx CC-BY-SA Praza Pública

A mina de volframio San Finx está anegada con auga acumulada durante os anos en que non estivo en explotación. Para volver explotala hai que retirar esa auga, pero está cargada de metais pesados e debe ser tratada para que non afecte á ría de Noia. En febreiro do pasado ano Augas de Galicia outorgou á empresa que ten os dereitos da mina unha autorización para verter as augas condicionada á execución de diversos traballos para o tratamento das mesmas, pero malia as prórrogas que se lle concederon a empresa incumpriu sucesivos prazos e agora ve revogada esa autorización. 

A empresa alegou, entre outras cuestións, que durante este tempo mudaron os seus órganos de administración, o que pon o foco nos sucesivos cambios no control da mesma. Pero Augas de Galicia replica que iso non afecta aos compromisos de tratamento das augas asinados, e confirma que as súas inspeccións detectaron verteduras "superiores aos límites autorizados" hai un ano, "polo que non cabe senón a revogación da autorización concedida".

Concentración contra a mina de San Finx en San Caetano hai un ano CC-BY-SA Verdegaia

A empresa alegou que se non continúa cos seus plans de tratamento das augas abriríase a porta a "declarar a caducidade das concesións", pero Augas deixa esa decisión en mans da Consellería de Industria

A empresa tamén argumentou que se non continúa cos seus plans de tratamento das augas a mina non poderá ser explotada e abriríase a porta a "declarar a caducidade das concesións", algo que considera contrario á decisión da Comisión Europea de declarar o volframio como "estratéxico". Ante estes argumentos Augas di que "as actuacións que eventualmente poida adoptar a autoridade mineira", isto é, a Consellería de Industria, non son da súa competencia

Ante esta revogación da autorización de verteduras diversos colectivos opostos á mina están amosando a súa satisfacción. Ecoloxistas en Acción tamén reclama que a Xunta esixa á empresa 10 millóns de euros para a restauración ambiental da contorna ante "o risco de fuga" dunha sociedade "que desde o pasado mes de marzo se encontra en mans de testaferros peruanos". Esa e outras entidades, como Plademar Muros-Noia, reclaman tamén "unha solución definitiva ás verteduras da mina, que pasa polo selado e taponado das galerías de desaugue e a reindundación das labores mineiras en condicións de seguridade a perpetuidade".

Activistas de Ecoloxistas en Acción nas obras da mina de San Finx © Ecoloxistas en Acción

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.