Ecoloxistas e mariscadores protestan nas obras da mina de San Finx e denuncian xudicialmente un alto cargo da Xunta

Activistas de Ecoloxistas en Acción nas obras da mina de San Finx © Ecoloxistas en Acción

Ecoloxistas en Acción presentou unha denuncia contra a Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, sinalando que o tubo de drenaxe forma parte "dunha obra pública contratada pola Consellaría para o asfaltado dunha estrada local", o que podería constituír "un delito de malversación de caudais públicos e prevaricación"

Activistas de Ecoloxistas en Acción e mariscadores paralizaron este xoves as obras de instalación dun tubo de drenaxe na mina de San Finx. A entidade denuncia que os propietarios da mina -filial da empresa australiana Pivotal Metals- buscan verter case mil millóns de litros anuais de drenaxes de mina con altas concentracións de metais pesados, unha actuación que -alertan- forma parte "dunha obra pública contratada pola Consellaría de Medio Rural para o asfaltado dunha estrada local", o que -denuncian- podería constituír "un presunto delito de malversación de caudais públicos e prevaricación".

Por este motivo Ecoloxistas en Acción presentou esta semana unha denuncia penal contra a Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. Esta acción xudicial únese á demanda pública de suspensión das obras efectuada a pasada semana por varios colectivos da Plataforma comarcal contra os vertidos.

Activistas de Ecoloxistas en Acción e mariscadores paralizaron este xoves as obras de instalación dun tubo de drenaxe na mina de San Finx

A acción contra as obras, na que mariscadores e ecoloxistas se situaron diante das máquinas, foi complementada por unha performance na que outro grupo, disfrazado con caveiras, botaba unha partida ao MINApoly, unha versión do popular xogo preparada para a ocasión coa que denuncian "a corrupción" que rodea esta polémica mina.

A denuncia xudicial presentada contra a Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, engádese ao proceso aberto contra o ex-director xeral de minas Ángel Bernardo Tahoces, investigado por ter presuntamente asinado informes con falsidades para beneficiar a mineira de San Finx, que deberá declarar en Santiago con outros funcionarios igualmente imputados. 

Ecoloxistas en Acción alerta da “agostosidade” da Xunta busca desmobilizar a comarca situando o inicio dos vertidos en época vacacional, mais advirten de que o “truco” non funcionará e anuncian máis mobilizacións durante o verán

Hai, ademais, dilixencias abertas contra altos cargos de Augas de Galicia e contra a propia empresa mineira e os seus administradores. En paralelo, confrarías, concellos e organizacións ecoloxistas iniciaron varios contenciosos contra a autorización de vertidos outorgada pola Xunta o pasado mes de febreiro.

O pasado sábado 8 de xullo tivo lugar unha protesta na mina de San Finx, convocada polas confrarías e a plataforma comarcal baixo o lema "A ría é a nosa mina!" e en demanda de que que a Xunta revogue a autorización de vertidos concedida á mineira australiana a comezos do ano, logo que que se incumprise o condicionante de ter finalizadas as obras en catro meses.

Activistas de Ecoloxistas en Acción nas obras da mina de San Finx © Ecoloxistas en Acción

O pasado sábado 8 de xullo tivo lugar unha protesta na mina de San Finx, convocada polas confrarías e a plataforma comarcal baixo o lema "A ría é a nosa mina!" e en demanda de que que a Xunta revogue a autorización de vertidos concedida

A protesta incluíu un enterro simbólico dos produtos da ría que contou cos integrantes da compañía de teatro “Os Quinquilláns”, solicitando os organizadores que as persoas asistentes acudiran vestidas de negro ou con roupa de augas. A xornada concluíu cunha marcha ata as presas de residuos mineiros abandonadas, onde se instalou unha faixa alertando do "risco catastrófico" que supoñen. Ademais, embotellouse auga procedente da mina para enviar ao presidente da Xunta e aos titulares das consellerías responsables.

Uns días antes, ademais, activistas de Ecoloxistas en Acción colocaran un tapón de cortiza na balsa de decantación da mina, pola que saían vertidos con altas concentracións de metais pesados. Lembran que a vertedura contaminante prodúcese a tan só sete quilómetros da ría de Muros e Noia e do Lugar de Importancia Comunitaria do Esteiro do Tambre, na Rede Natura 2000.

Na protesta do pasado sábado embotellouse auga procedente da mina para enviar ao presidente da Xunta e aos titulares das consellerías responsables

Augas de Galicia anunciou que estendeu ata o 12 de agosto o prazo para acabar as obras que permitirán realizar o vertido. Desde Ecoloxistas en Acción alertan da “agostosidade” da Xunta busca desmobilizar a comarca situando o inicio dos vertidos en época vacacional, mais advirten de que o “truco” non funcionará e anuncian máis mobilizacións durante o verán. A entidade lembra que a operación das minas de San Finx "foi autorizada ilegalmente en 2009 cun proxecto non sometido a avaliación de impacto ambiental e sen participación pública".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.