O xulgado de instrución de Noia vén de abrir dilixencias penais contra Tungsten San Finx, filial da empresa australiana Pivotal Metals, e contra os seus administradores por un suposto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais.
Así o informou a confraría de Noia nun comunicado, no que explica que o inicio deste proceso parte dunha denuncia presentada polo patrón maior do pósito, Santiago Cruz, e do seu homólogo en Portosín, Isaac Gaciño, ante "a evidencia da contaminación" que provoca esta explotación mineira situada en Lousame.
A denuncia, segundo explican, incorporaba analíticas coas que se busca demostrar a presenza no río de metais pesados "procedentes de verteduras ilegais realizados pola mineira", así como vídeos e fotos "nos que se observa claramente o punto en que as verteduras se incorporan á canle".
O proceso xudicial xorde da denuncia das confrarías de Noia e Portosín ante "a evidencia de contaminación" e incorpora analíticas sobre a presenza de metais pesados
Ambas as dúas confrarías denunciantes advirten de que "a situación actual é só unha mostra do que podería acontecer a unha escala moito maior no caso de que leve adiante o baleirado das plantas alagadas, pois isto suporía duplicar o caudal do río cunha inxección de case 1.000 millóns de litros por ano". Ademais, os pósitos aseguran que "entre 2017 e 2020 a mina bombeou ilegalmente augas contaminadas da quinta planta da mina, escavada sen autorización e que non figuraba no proxecto de explotación".
Xa hai unhas semanas, a Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña estimou un recurso de apelación da Confraría de Noia na que corrixe o xulgado compostelán que decidira sobreser a causa da mina de San Finx, no marco da que se investigaba o ex-director xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces e funcionarios do departamento.
As confrarías tamen anunciaron que presentarán esta semana unha demanda contra a autorización de vertedura ante o TSXG, "unha vez que a Xunta non deu resposta ao recurso de alzada presentado por unha ducia de entidades a pesar da súa obrigación de resolvelo en tres meses". O pasado luns o colectivo Ecoloxistas en Acción e a Fundación Montescola presentaron unha demanda na que piden medidas cautelares para que se paralicen os vertidos antes de que causen un dano grave.
O pasado febreiro Augas de Galicia autorizou a principios de febreiro a empresa Tungsten San Finx, S.L. para baleirar un total de 889.885 metros cúbicos de "augas residuais depuradas" ao río Pesqueiras, o tamén coñecido como rego das Rabaceiras, cuxa corrente acaba chegando á ría de Muros e Noia. Trátase das augas acumuladas na mina de volframio de San Finx en Vilacova (Lousame), que a empresa quere poder volver explotar.
A Confraría de Noia intentou frear o vertido esgrimindo un informe dun experto en hidroloxía e residuos mineiros segundo o cal non está garantido que a vertedura "non contamine a ría".