Outra declaración como imputado do ex-director de Minas dificulta a promoción do sector que vén facendo a Xunta

O ex-director de Minas e agora xerente da Axencia Forestal da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, entrando este xoves nos xulgados de Santiago onde foi citado como investigado CC-BY-SA Praza Pública

Recolocado como xerente da Axencia da Industria Forestal, Tahoces compareceu este xoves novamente pola mina de San Finx, agora por falsificación, un mes despois de arquivarse outra causa por Varilongo que deixou en evidencia os procedementos da Xunta

Quen foi director xeral de Minas ou de Planificación Enerxética e Recursos Naturais durante máis dunha década ata o seu cesamento hai un ano, Ángel Bernardo Tahoces, recolocado como xerente da Axencia da Industria Forestal, compareceu este xoves como investigado, antiga figura do imputado, no xulgado de Instrución número 3 de Santiago, desta volta por falsificación de documentos públicos en relación novamente coa mina de San Finx, en Lousame.

As sucesivas investigacións xudiciais ás que veñen facendo fronte Tahoces e outros cargos ou ex-cargos da Xunta con competencias sobre as explotacións mineiras supoñen un contrapunto aos reiterados intentos do Goberno galego por promover o sector e gabar o seu respecto ambiental. Mesmo en casos que acaban sendo arquivados a xustiza deixa en evidencia os procedementos da Xunta para autorizar as explotacións.

Complexo mineiro de San Finx, en Lousame CC-BY Ecoloxistas en Acción

A antiga mina de volframio de San Finx, cuxos dereitos acaban de cambiar de mans, vén sendo obxecto nos últimos anos de sucesivos proxectos para reactivar a súa explotación que se enfrontan aos riscos de contaminación que poden producir na ría de Noia as augas que saen dela. Ecoloxistas e xentes do mar dubidan da supervisión que a Xunta vén facendo da mina, da non se avaliou o seu risco de radioactividade durante dez anos, e agora Tahoces enfróntase a unha investigación por falsificación de documento público para supostamente facilitar a explotación minimizando o seu risco ambiental.

Hai pouco máis dun mes que outro xulgado de Santiago, o de Instrución número 1, arquivou outra causa contra el, por prevaricación ambiental e delito contra o medio ambiente noutra mina, a de Varilongo. A xuíza concluíu que non se podían probar os delitos dos que era acusado pola Fiscalía, pero que constatou que a Xunta reabre antigas minas como esa sen realizar unha avaliación ambiental se considera que non hai na nova explotación unha “modificación substancial” do que se facía décadas antes.

A Xunta leva anos dedicando cartos e esforzos a mellorar a imaxe da industria mineira como "sustentable"

Os sucesivos preitos xudiciais a que se vén enfrontando a Xunta e os incumprimentos da normativa ambiental por parte das empresas están a dificultar a promoción que o Goberno galego vén facendo desde hai anos da imaxe do sector mineiro como respectuoso coa súa contorna.

A Xunta vén asinando convenios anuais coa Cámara Oficial Mineira de Galicia por importe de preto de cen mil euros que inclúen entre os gastos subvencionables as actividades de “representación, promoción social e divulgación do sector”, ademais de adxudicarlle outros contratos menores a dedo para labores que non transparenta. Pero o Goberno galego non só axuda a que o propio sector se promocione como sustentable senón que o fai ela mesma salientando que as persoas non poden vivir sen a minaría e asegurando que é sustentable malia as sancións que a propia administración impón -un cento nunha década por preto de 2,5 millóns de euros, o que supón unha media de 26.000 euros por incumprimento-.

O vicepresidente económico, Francisco Conde, na entrega de premios hai dous meses do sector da minaría CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ademais de dedicar espazos específicos na súa propia web para promover a minaría, hai dous meses o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, salientaba “o compromiso de Galicia coa minaría sustentable” na entrega de premios do sector. Dúas semanas máis tarde o delegado da Xunta en Ourense participaba na presentación dun documento de certificación ambiental do sector da lousa do que aseguraba que permite “mostrar obxectivamente as bondades ecolóxicas dos produtos de pedra”, nomeadamente da lousa, cuxas canteiras en Valdeorras veñen sendo mimadas pola Xunta mesmo arranxándolles estradas públicas que admite que deterioran os seus camións. E esta mesma semana a Xunta volveu salientar o seu desexo de axudar ao sector “poñendo en valor na sociedade a súa calidade, deseño, innovación e sustentabilidade”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.