Dous ex-altos cargos de Feijóo son investigados por delito ambiental na mina de Varilongo, en Santa Comba

O ex-director xeral de Minas e actual xerente da axencia forestal da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, entrando este martes nos xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Os ex-responsables de Minas e Avaliación Ambiental, Ángel Bernardo Tahoces e Justo de Benito, foron citados este martes no xulgado nunha causa na que está pendente de decidirse o papel do agora líder do PP de Santiago, Borja Verea

Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Minas desde 2009 ata o pasado novembro e agora xerente da axencia forestal da Xunta, e Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Avaliación Ambiental ata finais de 2016, foron citados para este martes no Xulgado de Instrución número 1 de Santiago para declarar “en calidade de investigados por un presunto delito de prevaricación ambiental” relacionado coa mina de Varilongo, en Santa Comba, onde organizacións ecoloxistas veñen denunciando contaminación ás augas por metais. 

Inicialmente tamén foi citado na mesma calidade de investigado o ex-secretario xeral da Consellería de Economía e Industria entre 2011 e 2020, Borja Verea, a quen Feijóo encargou a xestora do PP de Santiago tras a derrota nas municipais de 2019, pero a súa condición actual de deputado autonómico e polo tanto aforado fixo que o seu papel na causa estea aínda pendente de decidirse.

Tahoces e Verea a esquerda e dereita do conselleiro de Economía, Francisco Conde, nunha imaxe dunha comparecencia no Parlamento en 2016 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Na antiga mina de volframio e estaño de Varilongo, en Santa Comba, asociacións veciñais e ecoloxistas veñen denunciando a cobertura do Goberno galego á súa reapertura sen que se realizase unha avaliación do seu impacto ambiental. A Fiscalía abriu dilixencias penais e análises das augas da zona realizadas a finais do pasado ano polo Seprona da Garda Civil actuando como policía xudicial na causa aberta detectaron nelas niveis elevados de metais. Porén, en 2011 a Xunta autorizou o proxecto de explotación da mina que permitiu a súa reapertura sen unha avaliación do impacto ambiental malia informes previos de funcionarios que consideraban necesaria esa análise porque vían posible que a explotación contaminase as augas.

Verea, deputado aforado, confía en que a instrución non chegue ao TSXG porque lembra que el foi nomeado secretario xeral de Economía e Industria cando o expediente xa estaba rematado e di que se limitou a "convalidalo"

Por aqueles feitos de 2011, e tras a denuncia, a intervención da fiscalía e as análises das augas do pasado ano, en abril a xuíza instrutora do caso acordou citar como investigados aos tres ex-altos cargos da Xunta. Porén, posteriormente o feito de que Verea sexa agora deputado autonómico, e polo tanto aforado e a súa investigación deba ser remitida ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), fixo que a súa comparecencia fose anulada á espera da declaración dos outros dous investigados. Un proceder que xa se deu noutros casos de corrupción dos últimos anos en Galicia, nos que os xuíces instrutores agardaron a dispoñer das declaracións doutros investigados antes de decidir se remitían ou non ao TSXG ás persoas aforadas.

Borja Verea e Feijóo nun acto do PP © PP

Este martes o propio Verea, consultado por Praza.gal, amosou a súa confianza en que a súa investigación non chegue a ser remitida ao TSXG. El, lembra, foi nomeado secretario xeral da Consellería de Economía e Industria en setembro de 2011, cando o expediente da mina xa estaba rematado e, di, limitouse a “convalidar” a súa aprobación final sen ter posibilidade de participar na súa tramitación.

Bernardo Tahoces foi recolocado como xerente da Axencia Galega da Industria Forestal e De Benito Basanta obtivo en 2017 un cargo na embaixada en París

Borja Verea é a persoa á que Feijóo confiou o PP de Santiago a finais de 2019, tras as eleccións municipais de maio dese ano nas que os populares, con Agustín Hernández como candidato, só obtiveron 8 dos 25 edís da corporación, un menos que catro anos antes tras o convulso mandato que iniciara en 2011 Gerardo Conde Roa. A comezos de 2020 Verea deixou a Secretaría Xeral de Economía e Industria para ser candidato nas listas populares ao Parlamento de Galicia, onde ocupa un escano. 

Pola súa banda, Ángel Bernardo Tahoces, tamén home de peso no PP de Santiago, foi cesado como director xeral o pasado novembro, cando xa estaba sendo investigado pola súa actuación noutra mina, a de San Finx, en Lousame. Porén, foi recolocado como xerente da Axencia Galega da Industria Forestal.

Justo de Benito nunha imaxe de cando era secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental CC-BY-SA Xunta de Galicia

Por último, Justo de Benito Basanta, cesado como secretario xeral de Avaliación Ambiental a finais de 2016 tras anos en diversos cargos políticos da Xunta, foi nomeado a comezos de 2017 para un posto na embaixada de España en París.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.