Un alto cargo da Xunta terá que comparecer o vindeiro 2 de maio nos xulgados como imputado nun proceso aberto por un presunto delito de prevaricación ambiental. Será o director xeral de minas, Ángel Bernardo Tahoces, quen terá que responder ante a xustiza pola súa actuación na polémica reapertura da mina de San Finx, en Lousame, onde se investigan varias actuacións irregulares.
Así o confirmaron a Praza.gal fontes coñecedoras do proceso que impulsou a Fiscalía de Medio Ambiente, que leva o xulgado de Noia e no que é acusación particular Verdegaia. Ademais, a Consellería de Economía e Industria recoñece tamén que recibiu a notificación para que Tahoces acuda a declarar, ao tempo que di "respectar" o traballo da xustiza e que ofrece toda a súa "colaboración".
O director xeral de Minas, Ángel Tahoces, terá que declarar como investigado por un presunto delito de prevaricación ambiental por polémicas acutacións na reapertura da mina de San Finx
A ausencia dun estudo de impacto ambiental (EIA) á hora de reabrir a explotación, as denunciadas verteduras de augas residuais posteriores, a falta de sanción por estes vertidos, de control e de asunción de responsabilidades pola situación das balsas mineiras levaron a Fiscalía de Medio Ambiente a actuar. Foi no outono de 2017 cando acordou a apertura de dilixencias penais ao advertir da discutible actuación da empresa, pero tamén da Xunta, ao non descartar que se tivese cometido un delito contra o medio ambiente ou os recursos naturais. “Indiciariamente aparecen elementos que puidesen significar a existencia ou o risco indicado nos artigos 325 e ss" do Código Penal, en referencia a delitos por contaminación tanto a quen a provoca como a quen a permite e que son castigados con penas de prisión de dous a cinco anos.
As dilixencias fiscais advertían de catro graves irregularidades e catro indicios presuntamente delituosos. O primeiro deles, a ausencia dun estudo de impacto ambiental. En 2008, logo de varios requirimentos, o goberno bipartito da Xunta esixiulle á concesionaria este estudo para reabrir a mina, pero nunca foi presentado pola empresa, que alegou que a explotación non mudara desde 1982. Coa chegada do PP á Xunta, o director xeral de Minas, Ángel Tahoces, aprobou a reapertura e suprimiu a necesidade do devandito informe. Así o recordaba o fiscal Álvaro García Ortiz, que censurou a actitude da Administración e lembrou que "desaparece por completo toda mención ao condicionante do EIA" e fíxose, destacou en maiúsculas, "sen mediar cambio lexislativo ningún".
Foi a finais de 2016 cando a empresa mineira Tungsten San Finx SL, pertencente ao grupo Sacyr, solicitou permiso a Augas de Galicia para verter un millón de metros cúbicos anuais de augas residuais procedentes das galerías inundadas e da escorrentía das entulleiras dun histórico xacemento de estaño-wolfram. Tan só dous meses despois, en xaneiro, varios colectivos como a Plataforma en Defensa do Mar (Plademar Muros-Noia), Adega ou Verdegaia denunciaron as irregularidades e verteduras desa mina, que tinguiron de laranxa o regato do mesmo nome e provocaron un forte cheiro a xofre, a aparición de escuma e indicios dunha ameaza ambiental que ameazaba toda a ría de Noia, ao ser o destino final das augas. En abril, Augas de Galicia confirmaba a contaminación provocada despois de que a construtora denunciase un membro de Adega por tomar mostras de auga nas instalacións mineiras.
A Fiscalía advertira xa que a solicitude para a devandita vertedura fixérase "sen acompañar instrumento de avaliación de impacto ambiental", aínda sendo obrigado por lei. Ademais, alertaba da inxustificada modificación dos caudais a verter para "esquivar" a obrigatoriedade de presentar un novo proxecto e maiores controis ambientais e achegaba datos que "permiten dubidar das medicións".
En canto a esta vertedura de augas industriais, a empresa recoñeceu que se realizou xa antes e durante décadas ao dominio público e, como lembra a Fiscalía, ante as reiteradas denuncias, "tanto a denuncia como as dilixencias incorporáronse ao expediente de autorización de vertidos en vez de tramitarse o correspondente expediente sancionador". O Ministerio Fiscal dá conta de vertidos de aguas residuais industriais "nunca sancionados até o momento por Augas de Galicia malia superaren en moitos puntos os límites permitidos. Así, destaca que as cantidades de cadmio, cobre e zinc sobrepasaban os máximos legais mesmo 1,5 quilómetros augas abaixo da mina.
O fiscal de Medio Ambiente a actuación "como pouco cuestionábel" da Dirección Xeral de Minas
García Ortiz foi claro coa Xunta ao asegurar que, "malia formar parte das instalacións mineiras, a autoridade mineira non esixiu aos sucesivos titulares a súa restauración e control" das balsas de residuos. Lembrou o colapso dunha das presas e a contaminación provocada e que desde a Dirección Xeral de Minas "non se obrigou á restauración" da zona afectada, sinalando a Tahoces. Este desleixo foi moi criticado, por un proceder "como pouco cuestionábel" atendendo ao estado final e á conservación da área.
A Fiscalía aclaraba que os feitos denunciados non eran, daquela, “suficientemente indiciarios de delitos contra o medio ambiente e os recursos naturais", pero aclaraba que tampouco era “descartable este extremo” naquela altura da investigación, polo que daba traslado ao xulgado da denuncia. Agora, Ángel Tahoces terá que declarar como investigado o vindeiro 2 de maio.
En Marea reclamou xa o "cesamento" de Tahoces, como xa fixera hai un ano, mentres que a Plataforma Veciñal Mina Touro–O Pino Non esixiu a súa "dimisión inmediata" porque "non pode ser o responsables de decidir sobre o futuro" das dúas localidades, en referencia ao visto e prace ou non á reapertura destoutra polémica explotación mineira.
Precisamente, hai tan só unhas semanas estreouse o documental San Finx 1960, un recente traballo da documentalista Irene Pin producido para o Centro de Saberes para a Sustentabilidade, institución recoñecida oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas, coa colaboración de Nós Televisión.
A peza audiovisual deita luz sobre a rotura, en 1960, da presa máis grande da explotación de wolframio de Lousame, o que deixou baldíos todos os terreos ao seu paso, e afonda na historia de esta explotación mineira e as consecuencias medioambientais.