A Fiscalía leva a Xunta ao xulgado por irregularidades e desleixo na mina de San Fins

Imaxe do Rego do Espiño o pasado mes de xaneiro © Plademar Muros-Noia

Hai agora un ano, a empresa mineira Tungsten San Finx SL, pertencente ao grupo Sacyr, solicitou permiso a Augas de Galicia para verter un millón de metros cúbicos anuais de augas residuais procedentes das galerías inundadas e da escorrentía das entulleiras dun histórico xacemento de estaño-wolfram. Tan só dous meses despois, en xaneiro, varios colectivos como a Plataforma en Defensa do Mar (Plademar Muros-Noia), Adega ou Verdegaia denunciaron as irregularidades e verteduras desa mina de San Fins, en Lousame, que tinguiron de laranxa o regato do mesmo nome e provocaron un forte cheiro a xofre, a aparición de escuma e indicios dunha ameaza ambiental que ameazaba toda a ría de Noia, ao ser o destino final das augas. En abril, Augas de Galicia confirmaba a contaminación provocada despois de que a construtora denunciase un membro de Adega por tomar mostras de auga nas instalacións mineiras.

A Fiscalía de Medio Ambiente trasladou ao xulgado as graves irregularidades, nas que sinala a empresa e a Xunta

A Fiscalía de Medio Ambiente acordou a apertura de dilixencias penais e vén de trasladar ao xulgado as graves irregularidades atopadas na mina de San Fins para continuar coa investigación. Advirte da discutible actuación da empresa, pero tamén da Xunta, e non descarta que se cometese un delito contra o medioambiente ou os recursos naturais. "Indiciariamente aparecen elementos que puidesen significar a existencia ou o risco indicado nos artigos 325 e ss" do Código Penal, en referencia a delitos por contaminación tanto a quen a provoca como a quen a permite e que son castigados con penas de prisión de dous a cinco anos. 

O fiscal non descarta un delito contra o medio ambiente e os recursos, penado con entre dous e cinco anos de cadea

As dilixencias fiscais, que fixo públicas Adega, advirte de catro graves irregularidades e catro indicios presuntamente delituosos. O primeiro deles, a ausencia dun estudo de impacto ambiental (EIA). En 2008, logo de varios requirimentos, o goberno bipartito da Xunta esixiulle á concesionaria este estudo para reabrir a mina, pero nunca foi presentado pola empresa, que alegou que a explotación non mudara desde 1982. Coa chegada do PP á Xunta, o director xeral de Minas, Ángel Tahoces, aprobou a reapertura e suprimiu a necesidade do devandito informe. Así o recorda o fiscal Álvaro García Ortiz, que censura a actitude da Administración e lembra que "desaparece por completo toda mención ao condicionante do EIA" e faise, destaca en maiúsculas, "sen mediar cambio lexislativo ningún".

Respecto da solicitude para verter máis de un millón de metros cúbicos de augas minerais, o fiscal lembra que se fai "sen acompañar instrumento de avaliación de impacto ambiental", aínda sendo obrigado por lei. Ademais, refírese á inxustificada modificación dos caudais a verter para "esquivar" a obrigatoriedade de presentar un novo proxecto e maiores controis ambientais e achega datos que "permiten dubidar das medicións". Augas de Galicia aínda non resolveu sobre a posible denegación destes vertidos. 

A Fiscalía censura a Dirección Xeral de Minas por permitir reabrir a mina sen estudo de impacto ambienal tras anos requiríndoselle

En canto a esta vertedura de augas industriais, a empresa recoñece que se realizou xa antes e durante décadas ao dominio público e, como lembra a Fiscalía, ante as reiteradas denuncias, "tanto a denuncia como as dilixencias incorporáronse ao expediente de autorización de vertidos en vez de tramitarse o correspondente expediente sancionador". O texto é moi revelador porque dá conta de vertidos de aguas residuais industriais "nunca sancionados até o momento por Augas de Galicia malia superaren en moitos puntos os límites permitidos. Así, destaca que as cantidades de cadmio, cobre e zinc sobardan os máximos legais mesmo 1,5 quilómetros augas abaixo da mina. 

Alén disto, o fiscal volve sinalar a Xunta ao destacar que, "malia formar parte das instalacións mineiras, a autoridade mineira non esixiu aos sucesivos titulares a súa restauración e control" das balsas de residuos. Lembra o colapso dunha das presas e a contaminación provocada e que desde a Dirección Xeral de Minas  "non se obrigou á restauración" da zona afectada e sinala a Tahoces. Este desleixo é criticado e cre que o proceder é "como pouco cuestionábel" atendendo ao estado final e á conservación da área. 

As dilixencias dan conta de vertidos contaminantes durante anos "nunca sancionados" e da "non restauración" das zonas afectadas

Nas súas conclusións, o fiscal  amosa a súa "preocupación" pola "ausencia de tratamento e xestión dos residuos máis perigosos da mina" e considera "probado" as verteduras "perigosas e potencialmente perigosas" que xorden da mina, polo que considera que se debe "investigar se este vertido é ou foi tolerado ou autorizado pola Administración" e "indagar se, con coñecemento do seu carácter contaminante ou perigoso, producíronse soltas ou baleirados dalgunhas das galerías da mina". Ademais, lembra que os datos apañados nas dilixencias "son suficientes para valorar a gravidade dos feitos".

Por todo isto, en opinión da Fiscalía os feitos denunciados "non son de monento suficientemente indiciarios de delitos contra o medio ambiente e os recursos naturais", pero aclara que "tampouco é descartable este extremo a esta altura da investigación", polo que dá traslado ao xulgado da denuncia. Unha denuncia que relata un proceder de desleixo e posible comenencia da Administración cunha empresa á que non se lle teñen esixido responsabilidades. 

Ángel Bernardo Tahoces © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.