0 Gardados para despois

Augas de Galicia confirma a contaminación provocada en Noia pola mina de San Fins

Redacción | @prazapublica

O pasado mes de xaneiro a Plataforma en Defensa do Mar (Plademar Muros-Noia) e ADEGA denunciaron verteduras da mina de San Fins, en Lousame, que tinguiron de laranxa o regato do mesmo nome. Ademais da rechamante cor, as denuncias falaban dun forte cheiro a xofre e da xeración de escuma nalgúns treitos e alertaban da "ameaza ambiental" que isto supuña "para toda a ría de Noia", pois o regato desauga no río Vilacoba e finalmente na ría, un importante centro de produción marisqueira. A contaminación proviña dun histórico xacemento de estaño-wolfram, hoxe propiedade da mineira "Tungsten San Finx SL" (Grupo SACYR).

En novembro a empresa solicitara permiso a Augas de Galicia para verter ao redor de 1 millón de metros cúbicos anuais de augas residuais mineinas procedentes das galerías inundadas e da escorrentía das entulleiras. Na súa solicitude, a compañía aseguraba que as verteduras cumprirían cos límites legais de contaminantes, dispoñendo unha balsa e dun substrato filtrante con calcaria para reducir o pH. Porén, xa nese momento ADEGA advertía de que, mesmo sen funcionar a mina ao máximo rendemento, os niveis de cadmio, cobre e cinc disoltos "sobardan os límites máximos fixados nas Normas de Calidade Ambiental", segundo as medicións realizadas pola propia entidade (o que provocou unha denuncia da empresa mineira contra a asociación por tomar mostras nos "seus" terreos). ADEGA alertaba, igualmente, de que o punto de vertido final levaría as augas ata unha vella balsa mineira "actualmente ateigada de sedimento e con risco de derrubamento".

A gravidade das verteduras denunciados en xaneiro levou a Augas de Galicia a realizar medicións no lugar, concluíndo que as augas que escoan da mesma bocamina Buenaventura amosan os valores máis altos de metais tóxicos, que no caso do cadmio multiplican por 28 os máximos permitidos polas normas de calidade ambiental. Río abaixo da explotación, a contaminación mineira das augas vai diminuíndo, mais seguen a superarse os límites legais de cadmio, cobre e zinc mesmo a 1.500 metros da mina.

Á vista destes resultados, ADEGA insta a Augas de Galicia a que denegue o permiso de vertedura a Tungsten San Finx SL. "O contrario significaría un inxustificábel favoritismo cunha empresa cuxa actividade supón un risco certo para a saúde ambiental e cidadá", sinala, subliñando a "ameaza" que supón para "un importante sector económico que dá emprego a centos de persoas na ría de Noia e arredores". A entidade engade que "por moitas medidas de contención que se poñan, o risco dun accidente nunca será cero" e lembra que nos anos 50 do século XX "a vella balsa que aínda existe na actualidade e ameaza con derrubarse en calquera intre" rachou, "esterilizando a vida río abaixo case até a vila de Noia".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.