O Consello da Xunta aprobou este venres o decreto polo que dispón o cesamento de Ángel Bernardo Tahoces como director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais. Feijóo prescinde así dun alto cargo que leva no seu Executivo desde que chegou a San Caetano en 2009 e que está sendo investigado por un presunto delito de falsidade documental e pendente doutros procesos xudiciais abertos na súa contra.
O Consello da Xunta acordou o cesamento de Ángel Bernardo Tahoces como director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais
Todos teñen que ver con procesos de reapertura de grandes explotacións mineiras en Galicia. Desde que hai máis dunha década Tahoces asumira o cargo de director xeral de Minas --nas súas diferentes denominacións--, oposición, colectivos veciñais e asociacións ecoloxistas sinalárono como figura clave nas facilidades que, denuncian, a Xunta deu a grandes multinacionais e grupos empresariais para reiniciar xigantes e polémicos proxectos a ceo aberto no país, algúns parados pola propia Administración logo dun forte rexeitamento social, como no caso de Corcoesto e Touro, e outros pendentes aínda de ditames xudiciais sobre a súa validez.
É o caso da reapertura da mina de San Finx, en Lousame, onde se investigan varias actuacións irregulares. De feito, Tahoces estivo investigado por un presunto delito de prevaricación ambiental nun proceso que impulsou a Fiscalía de Medio Ambiente, que levou o xulgado de Noia e no que foi acusación particular Verdegaia.
Tahoces foi investigado por un presunto delito de prevaricación ambiental na mina de San Finx, proceso sobresido por un defecto de forma
Neste caso, o Ministerio Fiscal abriu dilixencias penais ao advertir da discutible actuación da empresa, pero tamén da Xunta, ao carecer os traballos na mina dun estudo de impacto ambiental (EIA), polas verteduras de augas residuais posteriores e pola falta de sanción por estes vertidos, de control e de asunción de responsabilidades pola situación das balsas mineiras.
En 2008, logo de varios requirimentos, o goberno bipartito da Xunta esixiulle á concesionaria de San Finx o EIA para reabrir a mina, pero nunca foi presentado pola empresa, que alegou que a explotación non mudara desde 1982. Coa chegada do PP á Xunta, o director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, aprobou a reapertura e suprimiu a necesidade do devandito informe. O fiscal Álvaro García Ortiz censurou a actitude da Administración e lembrou que "desaparece por completo toda mención ao condicionante do EIA" e fíxose, destacou en maiúsculas, "sen mediar cambio lexislativo ningún".
Tahoces é agora investigado por un presunto delito de falsidade documental e a Audiencia Provincial deberá decidir se o é tamén de novo por prevaricación
Finalmente, e pouco antes de que Tahoces tivese que ir declarar, o letrado da Xunta logrou que as dilixencias fosen sobresidas por un defecto de forma. No entanto, unha nova denuncia nos xulgados na que se achegan novos feitos, na que tamén actúa a Fiscalía, activou de novo as pescudas xudiciais sobre o caso da mina de Lousame no que o xa ex-director xeral está a ser investigado por un presunto delito de falsidade documental. Ademais, segundo fontes xudiciais, a Audiencia Provincial terá que pronunciarse axiña sobre se volve ser investigado por presunta prevaricación e colaboración con delito ecolóxico.
Ademais, a Fiscalía abriu tamén dilixencias penais por outro caso semellante na mina de volframio de Varilongo, en Santa Comba, nas que Bernardo Tahoces é un dos denunciados logo da demanda presentada por varios colectivos tras a intensificación de verteduras contaminantes na zona.
Varias asociacións veciñais e ecoloxistas denuncian a cobertura que a Xunta dá á reconversión da antiga mina de estaño e volframio nunha nova mina a ceo aberto carecendo de Declaración de Impacto Ambiental. Advirten do estado de abandono das antigas balsas de residuos mineiros, emprazadas directamente sobre o rego da Braña Ancha, afluente do río Xallas, e que terían sido deixadas fóra do proxecto de explotación e plan de restauración aprobados en 2011, prescindindo do trámite de avaliación de impacto ambiental malia a existencia de informes de funcionarios que avisaban que era un trámite imprescindible por tratarse dunha mina susceptible de causar drenaxes ácidas e contaminación por metais pesados.
Fontes coñecedoras deste proceso xudicial non teñen dúbida de que o cesamento de Tahoces ten que ver con este último caso da mina de Santa Comba, "onde as súas responsabilidades parecen aínda máis claras que no de San Finx".
A Fiscalía abriu tamén unha investigación sobre a reapertura dunha mina en Santa Comba e na que Tahoces é un dos investigados
Non foron estas as únicas polémicas. Edgewater, a empresa impulsora do polémico proxecto mineiro de Corcoesto, sinalara a Tahoces como un dos impulsores da mina a ceo aberto cando era director xeral de Minas.
Antes de chegar a este cargo, o agora cesado --e substituído á fronte da Dirección Xeral de Planificación Enerxética por Paula Uría Traba-- foi voceiro de Enerxía, Industria, Comercio e Innovación do Partido Popular no Parlamento de Galicia durante o goberno bipartito. Convertérase, daquela, no principal azoute do concurso eólico do executivo de coalición, que o PP acabaría rexeitando ao regresar á Xunta e cuxa anulación foi logo desmontada nos tribunais por varias sentenzas.
Ademais, a Dirección Xeral que dirixiu durante tantos anos foi sinalada por incumprir prazos legais e poñer todo tipo de obstáculos para facilitar información en materia de impacto ambiental dos parques eólicos ou as canteiras. As queixas contra Enerxía e Minas foron reiteradas por parte de diversas organizacións ecoloxistas e mesmo conta cunha sentenza condenatoria pola súa falta de transparencia.
Co seu cesamento, Tahoces abandona unha Administración onde traballou case ininterrompidamente desde 1991, cando ingresou no Corpo Superior da Xunta, onde exerceu como subdirector xeral de Relacións Laborais na Consellería de Sanidade, subdirector xeral de Formación Profesional na de Traballo, subdirector xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario e vicesecretario xeral na de Industria e secretario xeral na de Agricultura.