A Xunta bota abaixo a mina de Corcoesto

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

A Xunta botoulle o feche á mina de Corcoesto. A Consellería de Economía e Industria vén de comunicar á multinacional Edgewater que rexeitará definitivamente o proxecto de explotación que a empresa tiña previsto na parroquia de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños. Foi o pasado luns cando a Administración comunicou á firma a súa decisión de iniciar os trámites para cancelar o proxecto de explotación.

Feijóo confirmou no Parlamento a cancelación do polémico proxecto mineiro de Bergantiños

O propio presidente, Núñez Feijóo, confirmouno na súa primeira intervención no Debate sobre o Estado da Nación, ao asegurar que o Goberno "decidiu non autorizar o proxecto da mina de Corcoesto ao entender que non acredita actualmente todos os requisitos da lexislación vixente". No entanto, advertiu que "Galicia sería profundamente inxusta consigo mesma se caese no rexeitamento sistemático de toda proposta de actividade extractiva" e defendeu a minería como "un elemento tractor de crecemento para o país".

"A Xunta vai estar con todos os que queiran investir en Galicia, con todos os que queiran facer crecer e xerar emprego en Galicia. Pero non vai amparar quen o vaia facer sen o suficiente compromiso ambiental, económico, técnico ou co país", engadiu Feijóo, que anunciou "un canon mineiro" destinado a "blindar o liderado ambiental de Galicia tamén neste eido, como se fixo no sector eólico".

Así, e logo de meses de mobilizacións en contra e de polémica arredor do proxecto, o Goberno dille non á mina. A Xunta xustifica a súa negativa na insolvencia técnica pero, sobre todo, na insuficiencia financeira. Edgewater non logrou reunir o 25% de fondos propios sobre o investimento do proxecto, uns 27 millóns de euros, e que foi a cantidade exixida o pasado mes de xullo pola Administración, cando paralizou temporalmente o plan mineiro. Non foi o risco medioambiental, xa que logo, o que botou atrás ao Goberno, senón a inseguridade económica. De feito, a mina xa contaba coa Declaración de Impacto Ambiental positiva por parte da Consellería de Medio Ambiente.

Foi a insuficiencia económica e non os riscos medioambientais a que botou atrás a Xunta

Estas exixencias obrigaban a empresa  a multiplicar por moito os requirimentos de fondos propios. A compañía xa advirte de que seguirá intentando levar adiante a mina, que xerou unha forte contestación social na comarca de Bergantiños, pero tamén en toda Galicia. Colectivos veciñais, sociais e ecoloxistas advertiron dos enormes riscos medioambientais do proxecto, que foi visto como o punto de partida e o paradigma para unha agresiva política mineira por parte da Xunta e que é considerada "unha ameaza" para o país. Numerosas mobilizacións, concertos, vídeos ou documentais colaboraron na batalla social contra un plan que nunca o tivo fácil.

O proxecto mineiro, visto como paradigma da agresiva política mineira da Xunta, creou unha forte contestación social en toda Galicia

O proxecto de Corcoesto prevía unha mina a ceo aberto de 95 metros de profundidade sobre o nivel do mar e ata 300 sobre o terreo para extraer uns 1,6 gramos de ouro por tonelada de rochas. Consumiría 128 quilogramos de cianuro e xeraría 4.000 toneladas de residuos que destaparían 250 quilos de arsénico por cada quilo deste material precioso. Un proxecto que ocuparía 800 hectáreas, pero que podería estenderse a case 90 quilómetros cadrados á vista dos permisos solicitados. Unha infraestrutura que, segundo diversos estudos científicos, ameaza o modo de vida de milleiros de labregos e gandeiros, a paisaxe, o medio ambiente e o futuro dunha comarca que tería que aturar moreas de refugallos e consecuencias imprevisibles. Esta mesma semana, a Comisión Europea incluíu na súa análise sobre a legalidade da mina un estudo da Universidade de Santiago na que se advirte dos graves riscos medioambientais da mina.

A promesa da empresa de crear 271 empregos directos - e varios máis indirectos - provocou tamén a defensa do proxecto por parte dalgún colectivou ou sindicato minoritario, que vían na mina de Corcoesto unha forma de reactivar a economía da zona. No entanto, desde as posturas contrarias sempre advertiron, tal e como a propia multinacional recoñece, da pronta marcha da firma da comarca, deixando tras ela a destrución paisaxística e medioambiental, así como da forma de vida de toda unha área.

HABERÁ AMPLIACIÓN

"Galiza non é unha mina" CC-BY-SA gzvideos.info

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.