Un xulgado arquiva a investigación contra ex-cargos de Feijóo pola mina de Varilongo nun auto que certifica o baleiro legal a respecto de como comparar novos proxectos para antigas minas coa explotación histórica que se facía nelas
O Xulgado de Instrución número 1 de Santiago vén de emitir un auto con data do 20 de decembro no que decreta o sobresemento provisorio e arquivo da investigación que viña desenvolvendo por prevaricación ambiental e delito contra o medio ambiente contra varios ex-altos cargos dos gobernos de Feijóo pola reapertura da mina de Varilongo, en Santa Comba, en cuxas proximidades se detectou contaminación das augas por metais.
O auto considera que non se pode establecer o delito de prevaricación -facer algo sabendo que é ilegal- para os altos cargos porque no caso de Varilongo actuaron de xeito similar ao que se vén facendo noutras antigas minas similares nas que non se require avaliación ambiental para a súa autorización se a administración considera que non hai unha “modificación substancial” do tipo de explotación que se facía antes nelas. A resolución xudicial enumera outros casos similares e apunta a un baleiro legal a respecto de como comparar novos proxectos para antigas minas coa explotación histórica que se facía nelas.
A causa agora arquivada polo xulgado, decisión que aínda pode ser recorrida, parte dunha denuncia por suposto delito de prevaricación ambiental interposta pola Fiscalía e coa organización ecoloxista Verdegaia como acusación popular contra Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Minas desde 2009 ata hai un ano e agora xerente da axencia forestal da Xunta, Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Avaliación Ambiental ata finais de 2016, e Borja Verea, secretario xeral da Consellería de Economía de 2011 a 2020 e agora líder do PP de Santiago.
Os dous primeiros chegaron a declarar no xulgado como imputados pero a condición de aforado do terceiro, actualmente deputado no Parlamento de Galicia, deixou no aire a súa situación procesual á espera do que desen de si outras dilixencias previas que agora rematan co arquivo da causa. O propio Verea salientara hai medio ano a Praza.gal que el se limitara a “convalidar” ao chegar ao cargo en setembro de 2011 un expediente que xa estaba rematado e sen ter a posibilidade de participar na súa tramitación.
O auto salienta que a mina suspendeu as súas actividades en 1986 pero non se declarou a súa caducidade, e que a primeira normativa de avaliación ambiental en España é xusto de 1986
A acusación consideraba que naquel momento a Xunta autorizara a reapertura da antiga mina de volframio e estaño de Varilongo, que estivera en operación ata 1986, sen unha avaliación ambiental e malia informes previos de funcionarios que consideraban necesaria ese tipo de análise. O auto sinala que “en ningún momento ulterior a esta suspensión [de actividades de 1986] a autoridade mineira declarou a caducidade dos dereitos mineiros por falta de actividade” e lembra que “a primeira normativa vixente en España sobre avaliación ambiental” é precisamente de 1986, e ao igual que posteriores normas non contempla a súa retroactividade.
Nestas circunstancias, a reapertura sen ter que facer unha avaliación ambiental dunha mina que comezara a funcionar a mediados do pasado século sen avaliación ambiental porque daquela non se facían quedaba condicionada a que a nova explotación non supuxese unha “modificación substancial” da que xa se viña realizando ata 1986. É sobre ese aspecto sobre o que afonda a xuíza, amparada en peritaxes de expertos que sinalan que “o concepto de modificación substancial non está definido” nin la lexislación mineira nin na ambiental, polo que para valorar se existe ou non compáranse diversos parámetros como o método e sistema de explotación, o ritmo produtivo, a produción de residuos, o orzamento, a superficie total afectada, os postos de traballo ou os medios empregados.
O auto chega a dicir que na súa comparecencia Tahoces declarou que "para determinar se existe ou non dita modificación substancial non existen criterios legais pero o costume ou práctica seguidos no noso país é valorar se varían a superficie, o método e o ritmo de explotación".
O xulgado constata que as concesións de Varilongo son "de época preautonómica" e "non constan nos arquivos" da Xunta os seus proxectos orixinais, o que dificulta valorar se hai unha "modificación substancial" da explotación
No caso en cuestión de Varilongo, a peritaxe tivo dificultades para valorar varios dos parámetros a comparar xa que “o outorgamento das concesións é de época preautonómica (ano 1942 en adiante), e non constan nos arquivos os proxectos iniciais” nin “os rexistros dos traslados de expedientes e arquivos dende a Administración Xeral do Estado á Xunta de Galicia na época da constitución da administración autonómica”. Isto é, a Xunta asumiu competencias sobre concesións outorgadas polo Estado antes de que ela mesma existise pero carece de documentación sobre a orixe desas concesións.
Cos datos dos que si se puido dispoñer, a peritaxe conclúe que “o novo proxecto se desenvolve dentro das marxes de produción e ambientais marcadas pola actividade anterior” e polo tanto “ non constitúe unha modificación substancial”. Similar conclusión acadou outro estudo emitido polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España.
O auto tamén sinala que o criterio de autorizar unha mina sen avaliación ambiental se non se aprecia “modificación substancial” da explotación xa autorizada previamente “é similar ao invocado en múltiples resolucións análogas relativas a outras explotacións mineiras situadas en territorio da Comunidade Autónoma de Galicia”, tal e como alegaron os imputados. A propia xuíza cita “a mero título exemplificativo” os casos da Explotación Jagoaza no Barco de Valdeorras, La tranquila en Carballeda de Valdeorras, Monte Fabeira en Vila de Cruces e Silleda ou Longadas no Porriño.
E no caso de Varilongo, sobre a existencia de informes previos de funcionarios da Xunta que facían referencia á necesidade dunha avaliación ambiental e que supostamente foron obviados polos imputados, o auto valida a declaración destes de que aquela era unha frase xenérica naquel punto da tramitación do expediente “por canto a necesidade de dispor ou non da [declaración ambiental] só pode valorarse á vista dun concreto plano de explotación e nesa data dito plano non fora presentado pola empresa, polo que era imposíbel determinar se era ou non un condicionante esixíbel”. Isto é, aínda non se podía saber se era necesaria unha avaliación ambiental, requirida nos casos de modificacións substanciais, porque aínda non se podían comparar a explotación histórica coa nova solicitude.
A xuíza tamén arquiva o posible delito ambiental por contaminación das augas porque aínda que constata que se tomaron mostras que superaban os límites considera que non hai probas para máis que para unha falta administrativa leve
Ademais da investigación por delito de prevaricación ambiental, o auto tamén arquiva a dun posible delito ambiental relacionado por contaminación detectada nas augas nas proximidades da mina de Varilongo e no que tamén estaría implicada a empresa concesionaria da mina. A xuíza confirma que nunhas mostras tomadas pola Garda Civil nas proximidades se detectaron “valores elevados de aluminio e manganeso”, pero as conclusións dos axentes é que “non se pode determinar que a alteración” deses únicos parámetros “redunde nunha grave afección ao medio ambiente”.
Noutras mostras tomadas na zona os valores foron inferiores e noutra ocasión a Xunta abriu un expediente sancionador á empresa por “un vertido non autorizado susceptíbel de alterar a calidade da auga” con “concentracións sensiblemente elevadas de fluoruros” e “un pH excesivamente reducido”. Pero a xuíza salienta que a infracción é cualificada na Lei de Augas e Galicia de “leve” e cunha sanción de ata 30.000 euros. “A conduta imputada á mercantil investigada ten en vía administrativa unha cualificación infractora de grao leve, o que ao noso xuízo desbota a posibilidade de apreciar na mesma a gravidade inherente a unha infracción penal”. Isto é, arquívase a causa tamén contra a empresa por suposto delito ambiental porque cos datos dispoñibles “podería no seu caso ter cometido actos constitutivos de infracción administrativa a substanciar na xurisdición de tal clase” e non na vía penal como delito ambiental.