O Consello de Seguridade Nuclear (CSN) vén de dirixir un requirimento á Xunta para que lle remita un estudo radiolóxico sobre a mina de San Finx, en Lousame, ademais de advertirlle de que está a incumprir o regulamento de protección sanitaria contra as radiacións ionizantes, aprobado en 2001.
Un recente estudo demostra a presenza de uraninita, mineral do uranio, na mina, o que supón un potencial impacto radiolóxico
Nun escrito remitido á directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Paula Uría, o CSN (organismo estatal sobre seguridade nuclear e protección radiolóxica) atende a demanda de Ecoloxistas en Acción, que alertou no pasado mes de setembro do potencial impacto radiolóxico das instalacións. Malia tratarse dunha mina de estaño e volframio, un recente estudo da Universidade de Oviedo demostrou a presenza de uraninita, o mineral do uranio. A entidade ambientalista lembra que remitiu no seu día este estudo tanto á Xunta como ao CSN, "mais o departamento que dirixe Paula Uría nada fixo ao respecto".
O Estado pide á Xunta que “requira á empresa responsable o estudo radiolóxico correpondente ao período en que esta explotación estivo en funcionamento"
Agora, María Fernanda Sánchez Ojanguren, directora de Protección Radiolóxica do CSN, advirte á Xunta de que, malia que o regulamento establece que a minería subterránea e a producción de estaño están suxeitos á presentación de declaracións sobre a exposición dos traballadores e do público á radiación e á elaboración dos correspondentes estudos radiolóxicos, en ningún momento esixiu estas actuacións, nin cando aprobou o proxecto de explotación da mina en 2009 nin cando esta reiniciou a actividade en 2015 da man da actual concesionaria Valoriza Minería (filial do Grupo Sacyr).
En concreto, a CSN solicita á Xunta de Galicia que “requira á empresa responsable o estudo radiolóxico correpondente ao período en que esta explotación estivo en funcionamento e o remita ao CSN para a súa avaliación”.
Segundo Ecoloxistas en Acción, despois de que en 2009 se puxese en funcionamento a mina en ausencia de avaliación de impacto ambiental, estivo en actividade ata 2013, e máis tarde entre 2015 e 2018. Os cálculos da organización apuntan a que uns 30 traballadores puideron verse expostos a potenciais radiacións ionizantes derivadas da presenza de uranio.
Ecoloxistas en Acción calcula que uns 30 traballadores puideron verse expostos a potenciais radiacións ionizantes derivadas da presenza de uranio
"O feito de que tanto empresa como a Xunta incumprisen durante máis dunha década a lexislación en materia de protección radiolóxica evidencia a absoluta falta de preocupación pola saúde das persoas", di Ecoloxistas en Acción, que sinala a empresa concesionaria da mina, Tungsten San Finx SL, "polo seu negacionismo ante os problemas de saúde laborais".
Así, acusan esta empresa, xunto coa da mina de Touro, a Cámara Oficial Mineira de Galicia e a Asociación Galega de Áridos (Arigal), de "tentar impedir recentemente unha modificación da lexislación sobre doenzas profesionais para que esta non incluíse o cancro de pulmón por exposición ao pó de sílice como tal" cunhas alegacións que foron desbotadas por un dictame do Consello de Estado.
Investigacións xudiciais e ausencia de estudo de impacto ambiental
Esta petición á Xunta volve apuntar a mina de San Finx, rodeada de polémica nos últimos anos por diferentes motivos. Un deles, cando Augas de Galicia confirmou o uso mineiro das súas balsas e que a Xunta fixera pasar por presas hidroeléctricas. Outro, cando desde a xustiza se investigaron varias actuacións irregulares na súa reapertura, chegando a investigarse por un presunto delito de prevaricación ambiental o xa ex-director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Bernardo Tahoces, logo destituído por Feijóo.
Neste caso, o Ministerio Fiscal chegara a abrir dilixencias penais ao advertir da discutible actuación da mineira, pero tamén da Xunta, ao carecer os traballos na mina dun estudo de impacto ambiental (EIA), polas verteduras de augas residuais posteriores e pola falta de sanción por estes vertidos, de control e de asunción de responsabilidades pola situación das balsas.
Ademais, o pasado mes de agosto, logo e varias preguntas parlamentarias, queixas e peticións en Bruxelas, nove eurodeputados dos Verdes lanzaron, a proposta de Ecoloxistas en Acción, unha interpelación maior á Comisión Europea para que iniciase un procedemento de infracción contra España polas verteduras con metais pesados procedentes da mina San Finx e que se veñen denunciando desde hai anos.
A mina de San Finx atópase a tan só 7 quilómetros do espazo da Rede Natura 2000 Esteiro do Tambre e dos bancos marisqueiros da ría de Noia. Diversos grupos ecoloxistas levan tempo advertindo dunhas verteduras que cren que representan "unha clara vulneración da directiva marco da auga e da directiva hábitats", así como a ausencia de avaliación de impacto ambiental para unha actividade con graves consecuencias.