A Confraría de Noia tenta frear o vertido de 800.000 metros cúbicos de auga dunha mina autorizado pola Xunta

Instalacións da mina de San Finx, nunha imaxe de arquivo © Cámara Oficial Mineira de Galicia

O pasado febreiro Augas de Galicia autorizou a principios de febreiro a empresa Tungsten San Finx, S.L. para baleirar un total de 889.885 metros cúbicos de "augas residuais depuradas" ao río Pesqueiras, o tamén coñecido como rego das Rabaceiras, cuxa corrente acaba chegando á ría de Muros e Noia. Trátase das augas acumuladas na mina de volframio de San Finx en Vilacova (Lousame), que a empresa quere poder volver explotar.

O pósito esgrime un informe dun experto en hidroloxía e residuos mineiros segundo o cal non está garantido que o vertido "non contamine a ría"

Alén de reiterar que a eventual reapertura da explotación mineira requirirá dunha autorización específica e da "necesaria avaliación ambiental", a Xunta tamén puxo o foco en que a autorización está condicionada a un "escrupuloso" cumprimento da ata "18 condicionantes" para que as augas vertidas cumpran "as normas de calidade ambiental". Esta versión garantista non é compartida pola Confraría de Pescadores de Noia, que tenta frear unha autorización que, afirman, "non garante que non se contamine a ría".

Balsa de decantación da mina de San Finx CC-BY-SA Ecoloxistas en Acción

A operación vén sendo cuestionada nas últimas semanas dende a actual oposición parlamentaria de BNG e PSdeG alén de pola Confraría, que este venres puxo sobre  mesa un novo informe que, din, "demostra as carencias da planta de tratamento" pola que a empresa mineira ten previsto facer pasar a auga contaminada para depurala. O traballo, esgrimen, está asinado por Steven H. Emerman, doutor en Xeofísica pola Universidade estadounidense de Cornell e "un dos máis prestixiosos hidrólogos especialistas en residuos mineiros".

Cornell, que "xa elaborara o informe inicial sobre o proxecto de vertido" a instancias da confraría -tamén realizou achegas a movementos contrarios á mina de Touro-, "evidencia o absoluto fracaso da proba piloto na que se basea a planta de tratamento de augas da mina", afirma a Confraría. A razón, agrega, é que "non conseguiu controlar os niveis de cinc e resultou en concentracións de cadmio e cobra disparados, moi por riba dos máximos permitidos para estes metais pesados tóxicos".

Mapa da contorna da mina de San Finx (Lousame) e dos regatos da zona -en destaque-, nas proximidades da ría de Muros e Noia CC-BY-NC-SA Mapa: Xunta | Montaxe: Praza.gal

Estas e outras conclusións do traballo, como "deficiencias no estudo dos niveis de contaminantes existentes na mina", levan os responsables do pósito noiés a chamar "á cordura da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez" para "paralizar a executividade da autorización" de Augas, o cal xa solicitaron como "medida cautelar urxente nada máis ter coñecemento da autorización". A propia entidade, xunto con outras da zona e o Concello de Noia, subliñan, xa teñen decidido "levar a Xunta aos tribunais se non se recoñece a ilegalidade da autorización".

"Como se pode permitir baleirar augas con materiais pesados a unha mina sen permiso para funcionar?", pregunta a Confraría, afectada este mes pola morte de ata o 81% do berberecho por baixa salinidade das augas, segundo a Xunta, por mor das fortes chuvias

Para o patrón maior a Confraría, Santiago Cruz, tamén resulta significativo que a Xunta poña o foco en que a mina de San Finx tería que pasar por unha nova avaliación ambiental para poder volver funcionar como tal. "Como se pode permitir" o baleirado de augas contaminadas con materiais pesados, pregúntase, "cando a mina non conta cos permisos para funcionar?". "O lóxico sería que a autorización de vertidos se concedese só despois de que existise un proxecto mineiro con declaración de impacto ambiental favorable", conclúe.

No caso de non lograren frear os vertidos autorizados pola Xunta, afirman, estes "poden causar un enorme dano ambiental e prexuízo económico ao sector" que traballa na ría, "a só sete quilómetros por baixo da mina". Todo, ademais, despois de que, neste mesmo mes de febreiro, a Confraría dese en decidir non retomar a campaña marisqueira o pasado día 20 porque, a causa da "prolongada baixa salinidade, con niveis do 0%", provocou "que o 81,3% do berberecho e o 54% da ameixa xapónica de talla comercial morrese, así como o 77% da cría de berberecho". A Xunta atribuía o que a Confraría considera "unha catástrofe" ás fortes chuvias dos meses previos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.