"O mar está mal": SOS da ría de Arousa ante o "dramático" declive do marisqueo, con caídas de ata o 75%

Mariscadoras nunha ría galega CC-BY-SA Xunta

Confrarías, mariscadoras, bateeiros e entidades ecoloxistas alertan do declive dunha ría que "agoniza" e piden solucións urxentes

"Crítica". "Dramática". "Triste". Así definen patróns maiores e mariñeiros a situación da ría de Arousa, que lanza un SOS desesperado á Xunta logo de anos de advertencias sobre o declive do marisqueo e a alarmante baixada de produción. 

A que presume de ser a ría máis fértil do mundo afronta desde hai xa unha década, pero especialmente nos últimos anos, unha acentuada caída de produción, levando as toneladas de marisco nas lonxas a mínimos nunca vistos que traen coa cruz ao lombo aos milleiros de persoas que dependen do motor económico da zona. 

"O que comprobamos desde hai anos é que unha ría que era produtiva estase volvendo non produtiva", di contundente María José Vales, mariscadora e patroa maior de Vilanova. "Toda a miña familia vive do mar porque sempre apostamos por el e por esta ría, tamén para o noso fillo... É triste ter que dicirlle agora que non lle vemos futuro se as cousas seguen así", explica a Praza.gal. 

A semana pasada, Vales foi unha das representantes e asinantes do comunicado feito público por máis de vinte colectivos (confrarías, mariscadoras, bateeiros e entidades ecoloxistas) que lanzaron unha "alerta" para salvar unha ría "que agoniza". Ás evidencias dos seus testemuños e experiencias polo seu labor uníronlle tamén datos debullados que constatan unha caída en picado da produción. De entre un 40 e un 50% no marisco nos últimos vinte anos e con perdas que, só en 2021, ascenderon a máis de dez millóns de euros segundo o sector. 

A produción de ameixa babosa caeu un 50% nun ano e un 75% nunha década; de berberecho sacábanse máis de 700 toneladas ao ano de media; agora, 165

Como exemplo, as especies máis emblemáticas. Se a produción de ameixa babosa ascendeu en 2020 a máis de 380 toneladas no conxunto das confrarías da ría, en 2021 pechou con 196, un 51,5% menos e un descenso do 75% con respecto á cantidade que chegaba as lonxas unha década antes. Na actualidade as capturas na ría son un 32% da media do período 2002-21 e o descenso e a presenza deste bivalvo non fai máis que diminuír desde 2015. 

Os datos son semellantes no caso da ameixa fina -un descenso nas capturas de máis do 70% nunha década- ou da rubia (-49%) e aínda peores no caso do berberecho, cunha caída do 74% neses dez anos. "Desde o ano 2008 a súa presenza na ría pasou de ser un recurso fundamental a ter unha presenza mínima", din desde o sector. Dunha produción media de 724 toneladas ao ano entre 2002 e 2021 ás 165 do último exercicio

Mesmo o reló, que se convertera nun recurso complementario moi importante na ría, pasou a ser "testemuñal". Desde principios de século, e durante longos períodos, a produción media achegábase ás 500 toneladas anuais, situándose nesta altura en menos de 70. Mesmo os bateeiros, como destacan desde Opmega (Organización de Productores de Mexillón de Galicia) advirten de que "se ve moita menos mexilla nas pedras". 

Cal é o motivo do declive? "Nun proceso así nunca hai un factor só, senón un conxunto deles, pero a xente do mar o que constata é que cada vez hai máis vertidos e que, sobre todo, o control por parte da Administración é cada vez menor", di Xaquín Rubido, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), que denuncia unha "actitude non belixerante coa contaminación". "Sae rendible contaminar porque non se castiga como é debido;  hai sancións simbólicas e hai unha posición política de permisividade cos empresarios en xeral", di, sinalando a Xunta. 

O sector sinala a contaminación polos vertidos industriais e denuncia o "desleixo" e "falta de control" da Xunta, á que pide "un estudo en profundidade" 

"Non hai desoves, cae en picado a produción e a situación é moi crítica, dramática", relata Miguel Ángel Iglesias, patrón maior de Rianxo sobre un "problema evidente nas augas, polos vertidos ou polo que sexa". "O que si temos claro que hai é desleixo por parte das administracións co marisqueo e cunha ría que non só é importante polos postos de traballo e soldos dignos que dá, senón porque o marisqueo regula o resto de peixerías", insiste quen advirte que "hai oito anos" que o sector denuncia "que a ría vai a menos": "Ningúen fixo nada". 

A derivada económica é lóxica e grave. "A nosa confraría chegou a facturar 8 millóns de euros e agora, nun ano normal, podemos andar sobre os 3 ou 4", explica Iglesias, que advirte do argumento da Xunta de que agora se "factura máis". "Págase máis por quilo pero cada vez hai menos produto e a cousa vai a peor", explica. 

Desde o sector pídeselle á Xunta que “realice un estudo en profundidade para ver o que está pasando e que invista os recursos –porque os teñen– para solucionar o problema”. "O máis urxente é arranxar o dos vertidos porque hai carta branca; a merda baixa todos os días polo río Ulla abaixo", denuncia Iglesias, que advirte tamén da necesaria "rexeneración en boas condicións" e das "ridículas" achegas económicas da Xunta a estes labores. Ademais, sinala a "desproporción" entre as multas: "Por catro quilos fóra de talla métenche 100.000 euros, pero por un vertido cun impacto tremendo unha grande empresa paga 14.000... Compénsalle", engade. 

"Sempre apostamos polo mar e pola ría, tamén para o noso fillo... É triste ter que dicirlle agora que non lle vemos futuro de seguir así as cousas"

"O problema máis importante é o abandono da Xunta ao sector pesqueiro e marisqueiro galego; levamos anos advertindo de que algo está a pasar na ría, ben sexa polos vertidos, polo impacto das urbanizacións e dos novos pantaláns ou polo que sexa, pero o que sabemos é que non está producindo", di Vales, que se queixa de que o Goberno galego "sempre bote a culpa ao Estado ou á UE cando as competencias neste caso son todas súas". 

Ademais, desde o sector din ter claro que, en todo caso, o problema non é o "exceso de choiva" ao que aludiu a conselleira do Mar nunha comparecencia na Comisión de Pesca do Parlamento. De feito, a PDRA achegou datos pluviométricos de Meteogalicia que amosan que na cunca do río Ulla -a que ten máis impacto na ría- a cantidade de chuvia dos últimos anos (2019-21) é semellante á media dos pasados vinte. 

Mariscadores chegando a porto CC-BY-SA Xunta

"O máis urxente é arranxar o dos vertidos porque hai carta; a merda baixa todos os días polo río Ulla abaixo"

"É urxente que a Administración deixe de mirar para outro lado ou desvíe o foco do problema dando explicacións non axustadas á realidade", di o sector. "Hai que abrir unha investigación sobre os vertidos e é a Xunta a que o ten que facer, ademais de levar a cabo un seguimento e abordar este grave problema da forma máis seria", reclama Rubido. 

"O mar está mal", resume desde Vilanova Vales, que advirte que, de seguir así, a ría de Arousa "quedará sen produción e sen mariñeiros". "Precisamos unha rexeneración en serio... Estanse rindo de nós", quéixase. "É normal que a xente nova non vexa futuro", engade Iglesias, desde Rianxo. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.