"Hoxe mesmo pola mañá dei orde que se retire da exposición pública a lei. E comunicareilles aos máis de 300 directivos do sector aos que se lles tiña remitido este borrador de lei que se esquezan del, que non se vai tramitar ningunha lei de acuicultura en Galicia. Supoño que con iso quedaralles claro que cando eu dou unha palabra a cumpro". Rosa Quintana, conselleira do Mar, vén de anunciar a través da TVG -no marco do programa Bos Días- que o Goberno galego aceptou retirar o seu proxecto de Lei de Acuicultura, rexeitado de forma practicamente unánime polo sector. A presión social contra a norma e a manifestación convocada polas confrarías para este sábado 27 en Compostela foron decisivas para forzar a Xunta a este cambio de posición. Na entrevista, Quintana "lamentou" que o sector “que me coñece dende 1987", se "deixara levar polas mentiras que se difundiron sobre os contidos do anteproxecto de lei".
“É unha declaración cunha finalidade política. A conselleira, á vista do éxito da convocatoria e de que decidimos encher a Praza do Obradoiro, quere evitar esa fotografía", di Xaquín Rubido (PDRA)
Nunha carta enviada a esas 300 entidades ás que a conselleira do Mar facía referencia, o Goberno galego anúncialles que “no ánimo de garantir que non se levará a cabo ningún labor que puidera ser entendido como contrario ao propio sector” comunica de xeito oficial “a anulación do devandito borrador de lei, a súa retirada da exposición pública e a decisión de non iniciar ningún trámite administrativo ou lexislativo neste ámbito e con este texto proposto”.
Como dixo no Parlamento o voceiro de pesca do grupo parlamentar do PP, José Manuel Balseiro, "tontos somos, pero dos coches sabémonos apartar". O coche era grande e viña rápido e semella que, finalmente, o Goberno galego optou por se facer a un lado. A manifestación convocada polo sector En defensa do sector do mar prometía ser un completo éxito, visibilizando a rexeitamento unánime á xestión da Consellaría nos concellos cunha actividade pesqueira ou marisqueira importante. O obxectivo era reunir en Compostela máis de 30 mil persoas, buscando encher a praza do Obradoiro. E este mesmo luns Rosa Quintana fixo un intento de restar contido político ao previsible éxito da mobilización afirmando que, dado que o obxectivo da marcha é apoir o sector, "eu mesma podería ir nesa manifestación".
Xaquín Rubido, voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, destaca en conversa con Praza que o anuncio da retirada “é unha declaración política, e que ten unha finalidade política. A conselleira, á vista do éxito da convocatoria, dos autobuses que xa temos apalabrados e de que decidimos encher a Praza do Obradoiro, non quere a foto da Praza do Obradoiro chea e retirar a lei despois. Quere facelo antes, co obxectivo político de desconvocar a manifestación”. Con todo, Rubido salienta que o cambio de posición da Xunta non debe ser un elemento desmobilizador, senón todo o contrario: "este é o momento, máis que nunca, de apertar o acelerador, para afortalar esa unidade, unha unidade que permita un diálogo coa administración nunha posición de forza. A experiencia de todo este tempo amosou que a desunión e a debilidade levaron a facilitar que a Consellaría fixera o que lle petara e nos metera unha lei que destrúe o noso mar".
"O problema que ten a conselleira é que nestes momentos non ten credibilidade. Ela, motu propio, uniu o seu destino ao desa lei, por uns intereses escuros, porque está claro que non esa lei se destrúe o modelo socio-produtivo do noso mar, degrádase o medio e a riqueza vai para fóra", engade Rubido.
"Este é o momento, máis que nunca, de apertar o acelerador, para afortalar esa unidade, unha unidade que permita un diálogo coa administración nunha posición de forza", di Rubido
Aínda que con esta manobra o Goberno galego busca desinflar un chisco o malestar social e as razóns que levan semanas alimentando a participación na manifestación deste sábado 27, a convocatoria da marcha manterase. As entidades que apoian a mobilización -confrarías, mariscadoras, ecoloxistas, hostaleiros, empresarios, partidos políticos, concellos, bateeiros ou a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA)- poñían o foco na demanda da retirada da Lei de Acuicultura, mais non só, reclamando tamén solucións ao problema do cerco e as cotas, a defensa da pesca artesanal ou pedindo a rexeneración das rías.
"Despois desta retirada, a conselleira debe presentar a súa dimisión", conclúe Rubido
"O sector do mar non quere unha Lei de Acuicultura. Nin esta nin ningunha outra. O que necesitamos é mellorar a lei de pesca, e mellorara en base ás demandas dos sectores produtivos. E para este traballo o actual equipo da Consellaría do Mar non ten credibilidade", subliña Rubido. "Despois desta retirada, a conselleira debe presentar a súa dimisión", conclúe.
5 meses de críticas que obrigaron o Goberno a recuar
A principal crítica do sector centrábase en que a norma proposta favorecía a actividade de grandes multinacionais de produción industrial de especies mariñas, con grave prexuízo para os actuais traballadores e traballadoras do sector, mariscadoras e mariscadores de a pé e tamén para a actividade bateeira. O Anteproxecto de Lei fora aprobado o pasado 1 de outubro polo Consello da Xunta, sen negociación previa co sector. As críticas crecentes e a organización da oposición á norma nas comarcas litorais forzaron ao Goberno de Alberto Núñez Feijoo a ir modulando a súa posición e o 27 de xaneiro o presidente da Xunta ofreceu "diálogo" e a paralización da tramitación da norma. Iso si, o número dous da consellaría do Mar, Juan Maneiro, aclarou que a "paralización" non implicaba a retirada da lei. Porén, dende o sector esixíase a retirada completa do proxecto -como semella que vén de facer o Goberno, á espera da confirmación oficial- e o inicio "dende cero" de negociacións para topar solucións aos problemas que atravesa o sector.