A Xunta promete agora "diálogo" para a Lei de Acuicultura pero o sector recea da oferta

Batea na Ría de Arousa © Mexillón de Galicia

"Imos facer un alto no camiño da tramitación da lei e imos abrir mesas de diálogo. Non imos aprobar esa lei sen ter o respaldo do sector". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, amosou esta mañá no Parlamento a súa cara máis conciliadora, despois de que o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, lle lembrase o "clamor social" existente no sector do mar e, en xeral, nos concellos do litoral, contra o anteproxecto de Lei de Acuicultura. Jorquera pediu que o Goberno retirase a súa proposta.

"Pararemos esta lei ata que vexan que está feita para eles. Mentres o sector non vexa que esta lei é a lei do sector, non se aprobará a lei"

Núñez Feijoo comezou a súa exposición salientando as virtudes do proxecto presentado pola Xunta, que buscaría "consolidar e mellorar a acuicultura", procurando "o aproveitamento óptimo dos recursos", "preparándoa para o mundo globalizado, porque sabemos que chilenos e escoceses teñen gran capacidade para introducir produtos nos mercados" e estabilizar e darlle seguridade xurídica ás 5.400 familias que viven do sector do mar". Con todo, a diferenza das declaracións realizadas nas semanas previas, desta volta si se amosou disposto a negociar co sector a súa tramitación: "Pararemos esta lei ata que vexan que está feita para eles. Mentres o sector non vexa que esta lei é a lei do sector, non se aprobará a lei", dixo. As palabras do presidente da Xunta contrastan coas palabras da conselleira de Mar, Rosa Quintana, que hai unha semanas cualificou as críticas recibidas como "unha inocentada e algo totalmente inxusto e carente de fundamento". Quintana ofrecera nese momento "tranquilidade" mais non dialogo.

Jorquera acusara o Goberno galego de querer "privatizar o noso mar para favorecer o desembarco das grandes empresas de agricultura industrial"

Na súa pregunta, Jorquera acusara o Goberno galego de querer "privatizar o noso mar para favorecer o desembarco das grandes empresas de agricultura industrial", unha denuncia á que Núñez Feijoo respondeu que "durante o noso mandato vendéronse 500 bateas e ningunha desas empresas as obtivo, porque para facelo hai que ter o permiso expedido pola consellería". "O que queremos é que as mariscadoras poidan ter fondos europeos e poidan protexerse das empresas que vostede di". "Pretendemos librar as familias dos furtivos e que vivan mellor nos próximos anos. Temos que evitar os erros do pasado para evitar que ninguén se aproveite desas familias ante unha estrutura que non está regulada", engadiu. "Coñecemos o sector e sabemos que está preocupado. Estamos traballando para o marisqueo, para o sector do mexillón", asegurou Feijoo.

O voceiro da PDRA denuncia que "nos catro anos de elaboración desta lei a Consellaría nin informou nin dialogou co sector"

Porén, dende o sector recean desta oferta de diálogo e da vontade negociadora que agora semella amosar o Goberno galego. Xaquín Rubido, voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), sinala en conversa con Praza que a posición amosada este mércores por Núñez Feijoo "responde máis" á preocupación existente no PP ante o crecente malestar social que o proxecto está xerando que a "satisfacer as demandas que os sectores produtivos están poñendo enriba da mesa". Para Rubido, este movemento "pretende crear unhas falsas espectativas de reforma da lei e busca dividir o movemento e debilitalo". Para Rubido, as palabras do presidente da Xunta amosan que "estamos indo polo bo camiño e a que estamos conseguindo unha unanimidade na mobilización social moi importante".

Para Rubido, este movemento "pretende crear unhas falsas espectativas de reforma da lei e busca dividir o movemento e debilitalo"

O voceiro da PDRA lembra que "os sectores produtivos do mar non demandaron unha Lei de Acuicultura" e denuncia que "nos catro anos de elaboración desta lei a Consellaría nin informou nin dialogou co sector". "En novembro de 2014 a PDRA presentoulle ao Goberno un documento con medidas para mellorar a situación dos sectores produtivos, e a Xunta nin non respostou", subliña. "Esta lei responde aos intereses das grandes empresas acuícolas, non é reformable" -sinala- "non está pensada para os sectores produtivos galegos, nin resolve ningún dos seus problemas, nin sirve para incrementar o seu valor engadido. O único que fai é crear as condicións para que desembarquen no mar galego as grandes empresas acuícolas". "Non queremos que paralicen a súa tramitación, queremos que retiren o proxecto. Unha vez que o proxecto estea retirado, podemos dialogar. Pero esa lei non a queremos", conclúe.

A Illa de Arousa, O Grove e Vilanova de Arousa aprobaron por unanimidade, tamén cos votos do PP, mocións que piden a retirada da lei

O rexeitamento social ao proxecto presentado pola Xunta é evidente, sobre todo nos concellos máis directamente afectados, nas rías de Muros-Noia e Arousa. Tamén no seo do Partido Popular, onde a nivel local e mesmo no pleno da Deputación de Pontevedra moitas voces pediron a modificación ou a retirada da norma. A Illa de Arousa, O Grove e Vilanova de Arousa aprobaron por unanimidade mocións (propostas pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) que piden a retirada da lei. Nestas votacións tamén os concelleiros do Partido Popular apoiaron a protesta contra o Goberno galego. Este xoves Vilagarcía de Arousa, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Cambados votarán textos semellantes e o venres farao o pleno da Deputación. O sector prepara unha gran manifestación contra a Consellaría do Mar, que podería ter lugar o 27 de febreiro en Compostela. A PDRA manterá este mércores pola tarde unha nova xuntanza, na que se incorporará a Mesa do Mexillón de Galicia, para valorar novas accións.

Feijóo, nun pleno do Parlamento © Conchi Paz
Batea na Ría de Arousa © Mexillón de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.