"O modelo de acuicultura que propón a Xunta non é sostible ambiental e socialmente"

Bateas nas rías galegas CC-BY Amaianos

O pleno municipal da Illa de Arousa debaterá este xoves unha moción, proposta pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), que insta á Consellería do Mar á retirada do Anteproxecto de Lei de Acuicultura. Tamén o farán nas vindeiras semanas Vilanova de Arousa (luns 25), Cambados (xoves 28) e A Pobra do Caramiñal (28 de xaneiro). O texto incide nas críticas xa expresadas por esta entidade e pola maior parte do sector acuícola e marisqueiro, e denuncia que a lei "foi elaborada de costas á realidade e aos intereses das persoas que viven do Mar de Galicia". Sinala que "ningún sector do mar está conforme coa Lei porque entende que está deseñada para desmantelar os sectores produtivos primarios, e empobrecerá as comarcas costeiras" e alerta de que "a lei está deseñada para implantar a peixicultura intensiva a escala industrial e vai autorizar todo tipo de especies a cultivar, incluso foráneas ou exóticas, que poderían acabar sendo invasoras do medio natural".

"Non nos negamos a que apoien a acuicultura real deste país, que é o mexillón, pero é que non o apoian. Os únicos problemas que padece o mexillón derívanse da neglixencia da administración á hora de coidar as nosas rías"

Xocas Rubido, voceiro da PDRA, destaca que "o modelo de acuicultura que propón a Xunta non é sostible ambiental e socialmente". Lembra a importancia económica que sector marisqueiro e bateeiro ten en Galicia, 33 mil empregos, cun peso no PIB dos concellos de boa parte do litoral superior ao 20%. O sector do mar representa o 4% da produción total da economía galega. Tamén é un sector estratéxico na economía local polo emprego que induce en diversas actividades en terra. A moción que se debaterá subliña así mesmo que "á importancia económica do sector do mar únese ao valor social que adquire nos municipios costeiros, xa que ten a capacidade de irradiar beneficios socioeconómicos a amplas capas da poboación, o que o converte nun mecanismo de distribución e reparto de riqueza no entorno local que incentiva a implantación de actividades e pequenos negocios".

"É un modelo moi intensivo en capital e tecnoloxía e moi escaso en man de obra. En Noruega a acuicultura, líder en toda Europa, só xera 5.900 postos de traballo, moitísimos menos dos que hai en Galicia"

O proxecto presentado polo Goberno galego ten aspectos positivos? Hai que poñer en marcha mecanismos para desenvolver un sector cunha innegable capacidade de crecemento? "Podes estar de acordo en que a acuicultura é un sector en crecemento en todo o mundo. Ben, pero que é a acuicultura en Galicia hoxe? O 95% é mexillón. Nós podemos estar de acordo en potenciar o mexillón", sinala Rubido. "Hai moitos modelos de acuicultura. En Asia, por exemplo, é moi diversa, coexistindo grandes, medianos e pequenos produtores. Pero a Xunta está falando do modelo europeo e o modelo europeo é, esencialmente, o noruegués. É un modelo moi intensivo en capital e tecnoloxía e moi escaso en man de obra. En Noruega a acuicultura, líder en toda Europa, só xera 5.900 postos de traballo, moitísimos menos dos que hai en Galicia relacionados coas actividades extractivas. Onde vai esa riqueza? A grandes empresas, a accionistas...", explica.

"Non nos negamos a que apoien a acuicultura real deste país, que é o mexillón, pero é que non o apoian" -denuncia- "Os únicos problemas que padece o mexillón derívanse da neglixencia da administración á hora de coidar as nosas rías. Cantos anos levamos agardando que se saneen correctamente as nosas rías?". "Nós levamos tempo denunciando o deterioro da produción nas rías. Especialmente na Ría de Arousa, que ten o 68% de todas as bateas de Galicia, e o 45% das mariscadoras. Estamos falando dunha ría tremendamente produtiva, e que está na actualidade en declive, e está en declive pola deixadez de quen ten a responsabilidade de velar polo medio ambiente e pola produción acuícola", conclúe.

"Hai xogadas por detrás. Pódese estar fomentando unha sensación de que hai que ir abandonando o barco, creando un escenario no que se desvaloriza o prezo das bateas"

Este mesmo xoves Diario de Arousa publica as declaracións do presidente del Consello Regulador do Mexillón, Francisco Alcalde, que denuncia que trala Lei de Acuicultura se agocha un “pelotazo” e acusa Juan Maneiro -secretario xeral da Consellaría do Mar- e a "xente moi cercana" a el de "manexar información privilexiada sobre o articulado” da lei, mercando con prezos á baixa bateas de ostra que despois poderían multiplicar o seu valor. Rubido dálle validez a estas acusacións, e sinala que "hai xogadas por detrás. Pódese estar fomentando unha sensación de que hai que ir abandonando o barco, creando un escenario no que se desvaloriza o prezo das bateas".

 

Efectos no medio

"Os nosos produtos do mar son ecolóxicos, son de produción natural. Pero carecen desa cobertura e dese valor engadido, que dende a PDRA reivindicamos, porque estamos perdendo un diamante en bruto"

Rubido sinala tamén as diferenzas existentes en termos medioambientais, de saúde e calidade alimentaria entre a produción acuícola industrial e a produción natural que na actualidade de leva a cabo nas actividades extractivas e nas bateas. "Afecta tamén á calidade dos alimentos e á saúde de toda a poboación. Os nosos produtos do mar son ecolóxicos, son de produción natural. Pero carecen desa cobertura e dese valor engadido, que dende a PDRA reivindicamos, porque estamos perdendo un diamante en bruto", di. "Ten, ademais, unha distribución moi horizontal, que é a que eles se queren cargar", engade.

"Os custes medioambientais do modelo que propón a Xunta son moi superiores aos do mexillón. O detrito que deixa o mexillón é completamente orgánico e degrádase perfectamente. A acuicultura industrial, a pesar dos avances dos últimos anos, segue utilizando antibióticos e producindo degradación no medio", sinala. "Está tamén o perigo de que esas novas especies escapen e se crucen coas especies que temos aquí. Que lles pregunten aos noruegueses en que estado está o seu salmón salvaxe", di.

 

Unha oposición crecente á lei

"A pota está fervendo, hai moitas ganas de botar abaixo a lei. A xente non está por reformala, están por eliminala. Son eles os que nos están marcando o camiño"

"Sabemos que hai malestar nos alcaldes do PP dos concellos costeiros, que xa expresaron as súas críticas, polo impacto electoral que tivo para eles a presentación deste proxecto", destaca. "Na Illa os concelleiros populares van apoiar a moción, e en Vilanova non sei se aprobarán a moción pero en todo caso están en contra da lei e van pedir que se devolva", di. "Hai unha gran movemento dentro do PP, que non sei que proporción pode representar ou que capacidade e forza pode ter, que vai pedir que a lei a metan nun caixón ou a paralicen. Se non o fan, sería un suicidio político para eles nestas zonas", engade.

"Ogallá noutras zonas de Galicia se autoorganicen, para poder traballar todos xuntos e conseguir que non se aprobe esta lei"

Rubido advirte de que "acabamos de comezar e non imos parar. A xente está cada vez máis mobilizada. Nós levamos anos reuníndonos e estamos vendo como nos últimos meses, dende que comezou este conflito, cada vez máis xente vén ás asembleas e cada vez está máis preocupada e con máis propostas", salienta. "A pota está fervendo, hai moitas ganas de botar abaixo a lei. A xente non está por reformala, están por eliminala. Son eles os que nos están marcando o camiño", comenta.

Nas vindeiras semanas presentaranse máis mocións e os representantes do sector levarán a cabo novas formas de mobilización. "Ogallá noutras zonas de Galicia se autoorganicen, para poder traballar todos xuntos e conseguir que non se aprobe esta lei", destaca Rubido.

Batea nas rías galegas CC-BY Pepe Martín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.