Outro cargo da Xunta investigado noutra causa penal que afecta ás minas de San Finx, en Lousame. Desta vez foi o Xulgado de Instrución número 3 de Santiago quen citou a Ángel Bernardo Tahoces, ex-director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta con Feijóo e logo recolocado como actual xerente da Axencia da Industria Forestal, para declarar en calidade de investigado -antiga figura de imputado- por varios delitos de falsidade documental relativos a estas instalacións mineira na comarca de Noia.
No auto, asinado o pasado 8 de xuño e ao que tivo acceso Praza.gal, chámase a declarar tamén como investigados outras dúas persoas: o xefe de servizo de Enerxía e Minas na Coruña e mais un funcionario do mesmo departamento, dependente durante tempo da Consellería de Economía, Industria e Innovación cuxo xa ex-titular, Francisco Conde, vén de ser incluído nas listas do PP ás xerais do 23X coa intención de ser a principal figura económica dun hipotético goberno de Feijóo no Estado.
Bernardo Tahoces, ex-director de Minas con Feijóo e actual xerente da Axencia da Industria Forestal, declarará como investigado por falsidade documental
Os tres investigados declararán o vindeiro 21 de setembro por unha causa penal na que exercen como acusación popular a Confraría de Pescadores de Noia e as entidades Ecoloxistas en Acción e Verdegaia. O proceso xudicial xorde das denuncias destes tres colectivos por numerosos informes asinados polos tres investigados malia conteren -segundo os demandantes- información falsa sobre diversos aspectos da mina de San Finx.
Segundo a denuncia presentada, e como aclara a confraría noiesa, estes informes terían pretendido beneficiar a empresa concesionaria tentando facer pasar a presa de residuos mineiros de San Finx como parte das instalacións dunha central hidroeléctrica inexistente e, un ano máis tarde, relacionándoa cun muíño de millo. "Isto a pesar de que a presa de formigón, de 50 metros de longo e 14 de alto, construída pola empresa mineira en 1939 como depósito de lodos, apareceu nos plans oficiais de labores ata que se deixaron de presentar no ano 2000", explica o pósito.
A denuncia acusa a Tahoces e outros dous funcionarios de asinar documentos para facer pasar a presa de residuos da mina como parte de instalacións dunha central ou dun muíño
Ademais, Augas de Galicia recoñeceu que en caso de colapso os residuos mineiros almacenados causarían un importante impacto ambiental augas abaixo, estando a tan só sete quilómetros da ría de Noia. "Evitando recoñecer que se trataba dunha presa de residuos mineiros os imputados terían tentado evitar as responsabilidades da empresa concesionaria, que tería que facer fronte a unha restauración valorada en varios millóns de euros, e danos multimillonarios en caso de colapso e afectación ás zonas de marisqueo na ría", explica a Confraría.
Nas súas denuncias, o pósito e máis as entidades ecoloxistas consideran que estes mesmos funcionarios e Bernardo Tahoces tentaron ocultar a existencia da contaminación con metais pesados, "apoiando o argumento falso da empresa de que os altos niveis de elementos tóxicos terían orixinal", e insistiron unha e outra vez que non era necesario someter o proxecto a unha avaliación de impacto ambiental, algo que a propia Xunta acabou recoñecendo que era imprescindible para a continuidade da explotación.
A Confraría de Noia, Ecoloxistas en Acción e Verdegaia acusan a Tahoces de intentar ocultar a contaminación e buscar evitar a avaliación de impacto ambiental
Esta é só unha das varias causas penais que afectan as minas de San Finx. A Confraría de Noia comparece xa como acusación popular noutra causa dos xulgados de Santiago contra catro funcionarios e altos cargos de Augas de Galicia por malversación, prevaricación e falsidade. Tamén o fai noutro proceso xudicial por presuntos delitos medioambientais que se instrúe nos xulgados de Noia contra a empresa mineira e os seus directivos australianos e polo que se veñen de abrir dilixencias penais.
Non será tampouco a primeira vez que o ex-director de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, declare como investigado nalgunha causa relacionada coas numerosas explotacións mineiras en conflito en Galicia. Hai pouco máis dun ano, compareceu tamén como investigado no xulgado de Instrución número 3 de Santiago, daquela por falsificación de documentos públicos tamén en relación coa mina de San Finx.
Estas instalacións veñen sendo obxecto nos últimos anos de sucesivos proxectos para reactivar a súa explotación que se enfrontan aos riscos de contaminación que poden producir na ría de Noia as augas que saen dela. Ecoloxistas e o sector do mar dubidan da supervisión que a Xunta vén facendo da mina, da non se avaliou o seu risco de radioactividade durante dez anos, e agora Tahoces enfróntase a unha investigación por presunta falsificación de documento público para supostamente facilitar a explotación minimizando o seu risco ambiental, unha acusación pola que xa tivera que declarar a principios de 2022.
As eivas na protección ambiental da Xunta
Un mes antes daquela visita ao xulgado, outro xulgado de Santiago, o de Instrución número 1, arquivara outra causa contra Tahoces, por prevaricación ambiental e delito contra o medio ambiente noutra mina, a de Varilongo. A xuíza concluíu que non se podían probar os delitos dos que era acusado pola Fiscalía, pero que constatou que a Xunta reabre antigas minas como esa sen realizar unha avaliación ambiental se considera que non hai na nova explotación unha “modificación substancial” do que se facía décadas antes.
As sucesivas investigacións xudiciais ás que veñen facendo fronte Tahoces e outros cargos ou ex-cargos da Xunta con competencias sobre as explotacións mineiras supoñen un contrapunto aos reiterados intentos do Goberno galego por promover o sector e gabar o seu respecto ambiental. Mesmo en casos que acaban sendo arquivados a xustiza deixa en evidencia os procedementos da Xunta para autorizar as explotacións.