O Instituto para o Estudo Avanzado da Sostibilidade, dependente da Universidade das Nacións Unidas, selecciona unha ducia de "boas prácticas educativas" a nivel mundial sobre a produción e o consumo responsables. Entre elas figura unha galega, A mina contamina
O Instituto para o Estudo Avanzado da Sostibilidade (Institute for the Advanced Study of Sustainability), dependente da Universidade das Nacións Unidas vén de seleccionar unha ducia de "boas prácticas educativas" a nivel mundial sobre a produción e o consumo responsables. Entre elas figura unha galega, A mina contamina, realizado polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade. Trátase dunha iniciativa de sensibilización social sobre os conflitos e impactos ambientais e socioeconómicos asociados ao extrativismo mineiro a partir da experiencia da mina de San Finx, en Lousame.
Na publicación que recolle as doce iniciativas saliéntase que dende o lanzamento do proxecto en 2019 ao redor 40 centros de ensino do país veñen empregando estes materiais educativos, ademais de ser empregados por asociacións de nais e pais, sindicatos educativos, organizacións ecoloxistas e outras entidades sociais.
O seu obxectivo é "fomentar unha actitude crítica e reactiva en relación á visión da minaría proxectada en Galicia polo lobby mineiro e a propia administración co obxecto de empoderar a sociedade para a defensa da súa terra, saúde e futuro"
Dende o Centro de Saberes para a Sustentabilidade destácase que "a necesidade de sensibilización e divulgación sobre a minaría desde puntos de vista alternativos e asentados nas evidencias históricas e científicas tórnase necesaria no momento actual ante a intensa actividade do lobby mineiro orientada a crear un 'estado de opinión favorábel' apagando toda negatividade asociada ao extrativismo.
O traballo é froito da colaboración desinteresada de educadoras ambientais, docentes de ensino primario, secundario e universitario, activistas ambientais e historiadoras. Partindo desde a óptica da educación para a sustentabilidade, o seu obxectivo é "fomentar unha actitude crítica e reactiva en relación á visión da minaría proxectada en Galicia polo lobby mineiro e a propia administración co obxecto de empoderar a sociedade para a defensa da súa terra, saúde e futuro".
O proxecto consta de varios materiais educativos. Por unha banda un libro infantil ilustrado e espectáculo de monicreques, cunha unidade didáctica asociada
O proxecto consta de varios materiais educativos. Por unha banda o libro infantil ilustrado e espectáculo de monicreques A mina contamina, que se pode descargar de balde en galego, portugués, inglés, castelán, euskera, catalán e asturiano. Está protagonizado por dúas personaxes, Pinga e Lavandeira, que debullan as consecuencias da minaría contaminante e animan a crianzas e persoas adultas "a se tornaren parte activa da solución aos problemas causados polo extractivismo".
Cando unha lavandeira chega á beira dun río, unha diminuta pinga de auga dille que non beba, pois a auga está contaminada con residuos mineiros. Así é como comeza A mina contamina.
A obra inclúe un bloque de 10 actividades pensadas para traballar individualmente, en familia ou en grupos e tamén a peza de teatro A mina contamina ou o que non vos queren contar, adaptación da propria historia do libro ilustrado.
O libro, pensado sobre todo para nenos e nenas entre 6 e 12 anos, ofrécese xunto cunha Unidade Didáctica específica que tamén pode ser descargada libremente. A obra, que xa recibira en 2019 o premio RCE da Universidade das Nacións Unidas para proxectos innovadores sobre educación para o desenvolvemento sostible, foi creada polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade e Montescola co apoio da Guerrilla Foundation.
Tamén forma parte do proxecto o documental San Finx 1960, producido polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade e dirixido por Irene Pin
Tamén forma parte do proxecto o documental San Finx 1960, producido polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade e dirixido por Irene Pin. A peza audiovisual deita luz sobre a rotura, en 1960, da presa máis grande da explotación de wolframio de Lousame, o que deixou baldíos todos os terreos ao seu paso, e afonda na historia de esta explotación mineira e as consecuencias medioambientais.
A peza audiovisual deita luz sobre a rotura, en 1960, da presa máis grande da explotación de wolframio de Lousame, o que deixou baldíos todos os terreos ao seu paso
O documental é apto para o público xeral e foi concebido para ser traballado con grupos de persoas de a partir de 12 anos a través dunha Unidade Didáctica específica que pode ser descargada de balde. Foron co-produtores asociados Montescola, a Sociedade Histórica Cultural Coluna Sanfins e a Plataforma en Defensa do Mar de Muros-Noia co apoio da Guerrilla Foundation.