Tras meses de protestas previas e advertencias por parte do sector do mar e ecoloxistas e logo da constatación en agosto de que na contorna da mina de San Finx, en Lousame, hai niveis de metais pesados nas augas moi superiores aos permitidos, este mércores a conselleira de Infraestruturas e máxima responsable de Augas de Galicia, Ethel Vázquez, asegurou no Parlamento, a preguntas do BNG, que será en outubro cando se faga "unha nova inspección para verificar se a empresa cumpre co seu deber de execución da depuradora".
O Goberno galego admite que detectou "valores superiores aos permitidos" nas augas da contorna e abriu un expediente sancionador á empresa, pero dálle máis marxe antes de comprobar se está a cumprir "co seu deber de execución da depuradora"
Vázquez admitiu no Parlamento que controis de Augas de Galicia detectaron "valores superiores aos permitidos en varios parámetros na contorna da mina, o que motivou a apertura dun expediente sancionador á empresa Tugsten San Finx SL". Unha contaminación que se produciu despois de que a Xunta autorizase á empresa a instalación dunha depuradora para tratar as augas saídas dela e evitar que cheguen en mal estado á ría.
Agora, segundo dixo a conselleira, a Xunta, "no caso de constatar a reiteración do incumprimento das condicións de vertido establecidas, iniciarase o procedemento para facer efectiva a revogación da autorización para a depuradora".
O BNG acusa a Xunta de "permanecer cos ollos pechados e inoperante" ante a contaminación da contorna
A resposta da Xunta chega a preguntas do BNG, cuxa deputada Rosana Pérez acusou o Goberno galego de "permanecer cos ollos pechados e inoperante" ante a contaminación da zona.
A nacionalista reclama á Xunta que anule á empresa o permiso para verter augas e suspenda a súa actividade ata que non se faga un estudo de impacto ambiental. Tamén reprochou á conselleira "que a Xunta non esixa ningún aval para a actividade da mina, agora en mans dunha empresa recentemente creada cun capital de 3.600 euros e co mesmo domicilio no que residen os administradores da empresa anterior que o que buscou coa venta foi desfacerse de calquera responsabilidade”.
Por outra banda, hai unha semana o ex-director de Minas da Xunta con Feijóo, Ángel Bernardo Tahoces, compareceu no xulgado como investigado por varios delitos de falsidade en informes e documentos que facilitaron a volta á explotación da mina.