Ángel Bernardo Tahoces, ex-director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta con Feijóo e logo recolocado como actual xerente da Axencia da Industria Forestal, compareceu este xoves ante o ante o Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, citado a declarar como investigado por varios delitos de falsidade en informes e documentos relativos á polémica mina de Lousame.
Fíxoo xunto ao xefe do servizo de minas das Coruña e decano do colexio de enxeñeiros de minas e outro funcionario do departamento, tamén investigados polo mesmo caso, nunha vista na que a súa declaración foi definida como “insulto á intelixencia” por parte da plataforma contra as verteduras da Mina de San Finx.
Todos declaran por unha causa penal na que exercen como acusación popular a Confraría de Pescadores de Noia e as entidades Ecoloxistas en Acción e Verdegaia. O proceso xudicial xorde das denuncias destes tres colectivos por numerosos informes asinados polos tres investigados malia conteren -segundo os demandantes- información falsa sobre diversos aspectos da mina de San Finx.
A plataforma contra a mina de San Finx define como "insulta á intelixencia" a declaración de Tahoces por dicir que as presas da mina eran para un "minúsculo muíño de millo"
Segundo este colectivo, ningún dos tres investigados aceptou responder ás preguntas da xuíza instrutora e da acusación popular que exercen as confrarías de pescadores de Noia e Portosín. Si o fixeron ás preguntas pactadas co avogado da Xunta para afirmar que as presas de residuos mineiros construídas polas concesionarias de San Finx entre 1928 e 1939, e que actualmente se encontran colmadas e en risco de colapso, non eran parte das instalacións da mina.
En base a esta "falsidade", afirma a plataforma comarcal, os altos cargos e funcionarios da Xunta "permitiron que a empresa mineira non tivese que incluír as presas no plan de restauración, evitando así responsabilidades multimillonarias tanto á hora de facer fronte á súa restauración como en caso do seu colapso e afectación ás zonas de marisqueo da ría de Muros e Noia, que se encontra a tan só seis quilómetros augas abaixo".
A plataforma explica que, malia que as presas, incluíndo a maior, de 14 metros de altura e máis de 50 de ancho, figuraban tanto nos plans de labores da mina nos anos 1980 e 1990 e no inventario de balsas mineiras elaborado pola Xunta en 1999, "os investigados intentaron convencer á xuíza de que se terían construído para un minúsculo muíño de millo que se encontra augas abaixo, logo de insinuar que pertenceron a unha central eléctrica inexistente".
Desde a plataforma contra as verteduras confían en que, "ante este argumentario absurdo, se abra a fase de xuízo oral". “Non se trata só de facer xustiza ante un caso tan groseiro de corrupción, senón de que quede demostrado en sede penal que se trata de instalacións de residuos mineiros e que, polo tanto, é a empresa a que debe facerse cargo”.
Foi esta mesma semana cando tanto as confrarías como as organizacións ecoloxistas presentaron ante a Consellería de Medio Ambiente o seu pronunciamento sobre a tramitación ambiental do proxecto para restaurar a zona afectada polas presas. Todas elas levan anos esixindo á Administración que se "eliminen as presas de residuos mineiros por supor unha enorme ameaza sobre a ría" e denuncian que o proxecto presentado pola empresa é “unha auténtica tomadura de pelo”, pois nin supón a eliminación das presas nin a retirada de todos os lodos tóxicos.
"A empresa só pretende extraer unha parte dos residuos acumulados para reprocesalos na planta da mina e sacar o estaño e volframio con valor comercial, máis o resto dos lodos quedarían expostos contaminando o río e a ría con metais pesados", di a plataforma, que cre que a Xunta busca aprobar unha autorización "encuberta" para o aproveitamento dos residuos mineiros, "sen tramitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria que esixe un proxecto deste tipo, facéndoa pasar por simples obras de dragado fluvial".
Por iso, esixen "seriedade á Consellería para asumir dunha vez a gravidade da situación producida polos vertidos da mina e os propios depósitos de residuos mineiros". Do contrario, advirten, "serán os funcionarios de Medio Ambiente os próximos a desfilar polos xulgados de Santiago para render contas".