Reclaman á Xunta que inicie un expediente sancionador e insisten en considerar ilegal a autorización de vertido outorgada en febreiro polo Goberno galego
A plataforma comarcal contra os vertidos da mina de San Finx, en Lousame, vén de divulgar un comunicado no que informa de que análises realizadas por técnicos de Augas de Galicia logo das súas denuncias amosan que "augas abaixo das balsas da mina os niveis de cadmio, substancia perigosa prioritaria e elemento canceríxeno, superan 78 veces o valor máximo permitido pola lexislación". Os movementos contrarios á mina teñen abertos varios procesos xudiciais, entre eles un que ten o foco no ex-director xeral de minas da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, investigado por ter presuntamente asinado informes con falsidades para beneficiar a mineira de San Finx.
Segundo o comunicado agora divulgado pola plataforma, ademais dos elevados niveis de cadmio "o mesmo sucede para outros metais pesados como o cobre ou o cinc, para os que se superan 48 veces e 8 veces respectivamente os valores máximos permitidos". Isto no que respecta ás análises realizadas augas abaixo da mina, porque "na mostra tomada augas arriba, na zona do museo, os valores encontrábanse dentro da legalidade, o que evidencia que a contaminación se produce polos vertidos ilegais e lixiviados que continúa causando a mina".
Tras estes resultados, a plataforma esixe á Xunta "que inicie os correspondentes expedientes sancionadores por vertidos ilegais e retire á empresa mineira a autorización de verteduras concedida ilegalmente no pasado mes de febreiro, por vulneración do condicionado". A plataforma tamén trasladou os resultados das análises ao xulgado de Noia ante o que xa se denunciara un posible delito contra o medio ambiente.