A UE desvincúlase das minas de San Finx e Santa Comba e lembra que Xunta e Estado deben vixiar a súa sostibilidade

Contaminación polas verteduras da mina de San Finx CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

A Comisión Europea salienta que, tras avalialos, "ningún dos proxectos recibiu servizos ou apoio" da súa Alianza Europea sobre Materias Primas

"A Comisión non ten intención de apoiar ningunha actividade ilegal, incluídas as actividades mineiras ilegais". Así comeza a resposta oficial que a Comisión Europea dá á eurodeputada do BNG Ana Miranda ante varias preguntas que formulou sobre posibles apoios comunitarios aos proxectos de reactivación das minas de estaño e volframio de San Finx e Santa Comba impulsados por Rafaella Resources. O comisario de Mercado Interior, Thierry Breton, vai máis alá e di que a Alianza Europea sobre Materias Primas impulsada pola Comisión Europea "avaliou ambos proxectos" e "ningún" deles recibiu "servizos ou apoio", ao tempo que lembra que son Xunta e Estado quen deben vixiar a súa legalidade.

Sede da Comisión Europea en Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

Tras meses de incumprimentos e contaminación, o pasado abril a Xunta decidiu revogar a autorización de verteduras da mina de San Finx, en Lousame. Nese contexto, a eurodeputada Ana Miranda preguntou á Comisión Europea polo posible apoio da súa Alianza Europea sobre Materias Primas, lanzada en 2020, tanto ao proxecto de San Finx como a outro impulsado pola mesma empresa en Santa Comba e autorizado no seu momento pola Xunta sen avaliación ambiental.

A UE responde á eurodeputada do BNG Ana Miranda, que cuestionaba o posible apoio comunitario a dous proxectos con eivas ambientais

Miranda, que matizaba na súa pregunta que as dúas minas "permanecen pechadas e son obxecto dunha serie de procesos penais relacionados con acusacións de contaminación e corrupción", cuestionaba en todo caso á Comisión se estaba pensando en "apoiar" esas explotacións a través do regulamento europeo de materias primas fundamentais ou coa súa Alianza Europea sobre Materias Primas.

Resposta oficial da Comisión Europea sobre as minas de San Finx e Santa Comba CC-BY-SA Praza Pública

A resposta oficial da Comisión comeza sinalando que "non ten intención de apoiar ningunha actividade ilegal" e lembrando que "todo beneficiario de financiamento da UE debe cumprir determinados criterios e garantir un alto nivel de calidade no marco lexislativo nacional e da UE".

Nesa liña, a Comisión sinala que a súa Alianza Europea sobre Materias Primas "avaliou ambos proxectos no pasado antes de que as autoridades galegas tomaran medidas" que engade que "ningún dos proxectos recibiu servizos ou apoio da Alianza". A UE incide en que "o desenvolvemento destes proxectos de investimento está supeditado ao cumprimento de todos os requisitos legais necesarios".

Contaminación polas verteduras da mina de San Finx CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

A UE salienta que para declarar un proxecto como "estratéxico" a nivel europeo debe cumprir os criterios nunha "ampla gama de aspectos de sostibilidade social e medioambiental"

Canto á posibilidade de declarar un proxecto como "estratéxico" a nivel europeo, a Comisión di que estes deben cumprir os criterios nunha "ampla gama de aspectos de sostibilidade social e medioambiental". Nesa liña, a UE sinala que, "unha vez concedido o estatuto de proxecto estratéxico, o promotor do proxecto terá que obter os permisos necesarios para os investimentos". Uns permisos que lembra que non son da súa competencia sinalando que "as autoridades nacionais competentes seguirán analizando e avaliando se o proxecto cumpre con todos os criterios".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.