A mina de Corcoesto suma 350.000 euros de subvencións en dous anos

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco © Monte Pindo Parque Natural

A polémica mina de Corcoesto acumula 350.000 euros en subvencións públicas. E todo malia que aínda non se comezou a extraer o suposto ouro que alí repousa. O proxecto a ceo aberto en Cabana de Bergantiños continúa adiante co apoio incondicional da Xunta, que o considera un stratéxico, pero tamén dun Goberno central que foi quen lle concedeu a última axuda, de 150.000 euros. Concretamente, á empresa Mineira de Corcoesto SL, filial do grupo Edgewater, para a investigación complementaria co obxectivo de definir novas reservas mineiras e para realizar estudos de hidroxeoloxía e xeotecnica no xacemento de ouro.

A última axuda de 150.000 euros súmase á de 200.000 euros que recibiu hai un ano

Foi o pasado 14 de marzo cando o BOE publicou esta subvención, que se suma aos 200.000 euros do pasado 22 de marzo de 2012 a Río Narcea Gold Mines SL. Tamén para un proxecto de investigación complementaria co fin de definir novos recursos económicos e para realizar probas metalúrxicas e de previabilidade.

"É difícil comprender como o Estado pode conceder semellantes privilexios mentres se pechan centros de saúde ou se afoga o ensino público", di Salvemos Cabana

"Neste momento de aguda crise económica, onde se están pechando centros de saúde, afogando a educación pública e centenares de persoas viven a diario o drama dos desafiuzamentos, resulta difícil comprender como o Estado pode conceder semellantes privilexios a unha empresa canadense para un proxecto inviable", denunciou Salvemos Cabana, unha das varias plataformas contrarias a mina á ceo aberto, nun comunicado.

Así, o colectivo social amosa o seu "firme rexeitamento" á última subvención pública e destaca que ten como obxectivo definir novas reservas mineiras e estudos adicionais, malia que o proxecto "aínda está pendente de licenza operativa". Tanto ten. O apoio da Xunta e do Goberno central parecen claros para un proxecto cunha forte contestación social e incluso de expertos.

De feito, Salvemos Cabana cre que é "urxente e necesario" un cambio a nivel lexislativo,"tanto na Lei de Minas como na de Fomento da Minería", xa que permiten subvencións previas como estas en base a "normas preconstitucionais" que "foron concibidas orixinalmente para unha época onde as circunstancias eran moi distintas".

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto
Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco Dominio Público @manuelanxoo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.