O socialista pide "perdón" polos accidentes ferroviarios e os casos de corrupción e o popular preséntao como "amoral" e indecente nun único cara a cara con máis sucesión de argumentarios que diálogo
Feijóo saíu ao ataque e logrou que Sánchez pedise "perdón" en dúas ocasións: polos accidentes ferroviarios e polos casos de corrupción de cargos socialistas. Esa pode ser unha das conclusións do debate televisivo deste xoves. Outra pode ser que fronte á habitual imaxe que tenta proxectar Feijóo como "xestor", desta volta foi Sánchez o que amosou esa faciana, como presidente dun goberno, fronte a un candidato da oposición desatado que tivo que recorrer a palabras como "amoral" e "orxías" ou acusar ao seu contrincante de soberbio e falto de decencia.
O único debate cara a cara entre Feijóo e Sánchez antes do 29N, organizado pola Academia de Televisión e emitido polas principais canles estatais e varias autonómicas pero non pola TVG, foi, como adoitan este tipo de eventos políticos, máis unha sucesión de argumentarios que un diálogo.
Pero, como no de 2023, amosou novamente a un Sánchez máis incómodo con este formato que cunha entrevista, sen rebatir datos falsos achegados por Feijóo e talvez apostando por unha imaxe de moderación que lle poida atraer votos centristas. En fronte estivo un Feijóo que cos argumentarios mellor preparados e vestidos logrou impoñer, fronte á xestión de Sánchez, un relato catastrofista co que talvez quixo evitar novas perdas en favor da extrema dereita.
O debate arrancou cunhas primeiras intervencións nas que Feijóo, citando a outros, chamou a Sánchez "amoral", dixo que non era un presidente decente e relacionou o seu Goberno con "orxías". Sánchez comezou xa nese momento a defenderse admitindo que o seu executivo "non foi perfecto". "Cometín erros e confiei en xente que non debía", dixo, pero asegurou que "todo o que fixemos, fixémolo en favor da xente de a pé" e agora ofrece "máis esperanza que o que ofrece a coalición de Feijóo con Abascal".
O primeiro bloque, sobre vivenda, permitiu a Feijóo reiterar a súa promesa de construír "un millón de vivendas", logo de que como presidente da Xunta reducise ao mínimo esa política pública. "Agora resulta que a culpa a teñen as comunidades autónomas", chegou a dicir o popular, ao que Sánchez lembrou que "as competencias son das comunidades" e "6 de cada 10 euros" dos plans autonómicos de vivenda "proveñen do Estado".
Sánchez insistiu en "perseverar" na "vía socialdemócrata" mentres Feijóo apelou ás rebaixas de impostos como gran solución
En materia económica e de servizos públicos Feijóo insistiu en presentar as rebaixas de impostos como gran solución para os problemas económicos das familias, fronte a un Sánchez que defendeu que os impostos, que quere subir ás grandes rendas e empresas, son os que pagan as prestación sociais.
Feijóo logrou centrar boa parte do debate sobre os servizos públicos en materia de infraestruturas, botando en cara a Sánchez as mortes nos accidentes ferroviarios de Urda e Adamuz. E logrou que Sánchez tamén pedise "perdón" por eles, contrapoñendo a súa asunción de responsabilidades con anteriores gobernos do PP. Pero insistindo en que son os impostos e os investimentos públicos os que garanten que as infraestruturas funcionen axeitadamente.
Sanchez tamén presumiu de subas de salarios e reprochou que a patronal non colabore. "Eu non controlo á patronal, vostede controla aos sindicatos?", retrucou Feijóo. Ao que o socialista contrapuxo a necesidade de "perseverar" na actual liña económica, "non dar un xiro" como quere o PP xa que ao seu ver "a vía socialdemócrata" funciona.
O bloque destinado á corrupción foi outro dos momentos nos que Sánchez pediu "perdón", pero rexeitando leccións do PP, "o partido máis corrupto". Feijóo respondeu que desde que el está á fronte dos populares non se lle pode reprochar nada mentres que ao seu ver sen Sánchez non se poderían producir os casos polos que se están a investigar aos socialistas.
O último bloque foi sobre política exterior e migracións, no que Sánchez aproveitou para presentar España como un exemplo na sociedade internacional fronte a gobernos como o de Trump en Estados Unidos ou Milei en Arxentina, aos que aventurou que se parecería un executivo de PP e Vox. Feijóo, pola contra, tentou presentar a inmigración como un problema para España, ligándoo coa criminalidade.
"España precisa funcionar, por iso che pido o voto, eu si cumpro", rematou Feijóo o seu minuto final, fronte a un Sánchez que pediu votar "con toda a túa alma, con toda a túa forza, ao Partido Socialista"
O minuto final para cada candidato iniciouno Feijóo asegurando que el non é "un candidato de manual, pero tampouco roubo, nen minto". "Sei o que é xestionar, xestionei, e é o que necesita España", engadiu. "España precisa funcionar, por iso che pido o voto, eu si cumpro", concluíu.
Pola súa banda, Sánchez comezou o seu minuto final salientando da dereita que "teñen o diñeiro, teñen os medios de comunicación" pero "trabúcanse porque en democracia o poder o tes ti, por iso te temen, por iso non queren que votes". Fronte a esa situación, Sánchez di que "chegou o momento de perseverar" e fronte ao "quen poida facer que faga" que pediu José María Aznar el reclama que "quen poida votar que vote". "Vota con toda a túa alma, con toda a túa forza, ao Partido Socialista", concluíu.