Quen seguise con certa atención a política galega da última década e media e este 10 de xullo de 2023 conectase co debate electoral cara a cara organizado polo grupo Atresmedia percibiu, case con total seguridade, a mesma sensación que calquera asistente a unha verbena ao escoitar os acordes dalgúns deses clásicos que soan en todas elas. Grandes éxitos imprescindibles para uns, aborrecibles composicións a extinguir para outros.
Sánchez afrontou o inicio do debate máis tenso ca Feijóo , que inzou o bloque económico de cifras sen contraste por parte da organización mentres o aspirante á reelección o acusaba de mentir
O ex-presidente Alberto Núñez Feijóo aproveitou o único debate electoral ao que accedeu a acudir nesta campaña das eleccións xerais para interpretar en prime time para todo o Estado gran parte dos seus clásicos no fondo e, sobre todo, na forma. Mentres, un Pedro Sánchez que principiou máis tenso ca o seu opoñente só logrou acantoar con claridade o aspirante popular ao afearlle os seus pactos coa extrema dereita de Vox e as súas consecuencias, especialmente no que atinxe á prevención e loita contra a violencia machista.
O encontro televisivo, presentado por uns Vicente Vallés e Ana Pastor practicamente ausentes a efectos de moderación, comezou cun bloque económico. Nel, Feijóo asegurou que os datos españois en múltiplos indicadores son os peores de Europa, ao que Sánchez respondeu en diversas ocasións advertindo de que "mentía", pero sen contraste das cifras en tempo real por parte da organización.
A maior incomodidade para Feijóo chegou no momento en que os contendentes foron interpelados a respecto das políticas contra a violencia machista: "Vostede pacta cun partido machista e iso non é un erro, chámase claudicación ante o machismo"
Ese contraste tampouco existiu no momento en que Feijóo achacou en exclusiva ao PSOE a fusión das desaparecidas Caixa Galicia e Caixanova, que Sánchez lle reprochou, nin cando o anterior titular da Xunta afirmou que o seu Goberno impulsou máis dun milleiro de vivendas protexidas en anos nos que foran apenas unha decena. O mesmo cando o popular afirmou que o seu partido apoiou a reforma para a revalorización das pensións de xubilación.
A maior incomodidade para Feijóo chegou no momento en que os contendentes foron interpelados a respecto das políticas contra a violencia machista. O candidato do PP abordouno reprochando a Sánchez reducións de condenas a "violadores" tras a entrada en vigor da lei de liberdade sexual, ao que o socialista respondeu censurando os pactos dos populares "cun partido machista, que non condena a violencia machista": "Isto non é un erro, chámase claudicación ante o machismo e é no que vostede está caendo" ao estar "cambiando dereitos por votos".
Tamén a respecto dos acordos con Vox o líder do PP botou man dos seus clásicos instando a Sánchez a asinar en directo un "pacto" para que goberne o "candidato máis votado", en referencia á lista con maior cifra de sufraxios e escanos no Congreso teña ou non maioría para formar Goberno. No caso de non aceptalo, advertiu, a culpa de que "teña" que pactar con Vox será do PSOE nun contexto no que acusa a Sánchez de chegar a acordos co "brazo político dos que planificaron" o asasinato de Miguel Ángel Blanco, cuxo aniversario evocou a modo de reproche. Evitou, non obstante, desmarcarse do uso partidario do lema "que te vote Txapote", autor dese e doutros asasinatos.
Feijóo alude ao asasinato de Miguel Ángel Blanco por ETA para contrarrestar as críticas aos pactos do PP coa extrema dereita
Nun contexto no que deu en atribuír ao candidato á reelección un "problema patolóxico" consistente en "non distinguir a verdade da mentira", o líder popular evitou responder tamén os momentos en que Sánchez procurou botar man da hemeroteca. Quer para lembrar o momento en que Feijóo secundou en 2006 a teoría da conspiración sobre os atentados do 11M, quer para aludir de maneira subliminar á súa relación co narcotraficante Marcial Dorado ao afirmar que, ao contrario que o ex-presidente galego, si pode explicar con "absoluta transparencia" todas "as viaxes por terra, por aire e por mar". Quer para aclarar canto cobra do PP en concepto de "sobresoldo".
Tras case dúas horas dun encontro televisivo por veces inaudible e tendente á lameira, chegou tras a última pasa publicitaria a quenda dos minutos finais. "Non nos estamos xogando a alternancia, estámonos xogando por primeira vez en corenta anos se España continúa avanzando" ou se o PP e Vox "nos meten no túnel do tempo", advertiu Sánchez.
"Voten masivamente" para que o PP logre unha "maioría forte", pediu Feijóo, que esgrimiu como aval as súas "catro maiorías absolutas" en Galicia. A parroquia do PP rematou o debate entusiasmada polo aproveitamento logrado nunhca cita televisiva marcada polos seus marcos e Sánchez dixo estar convencido da vitoria. Non haberá, en calquera caso, outra ocasión para velos debater antes do 23X.