"Isto non é unha campaña normal: ou goberna Pedro Sánchez ou retrocedemos vinte anos"

José Miñones, ministro de Sanidade e cabeza de lista do PSdeG pola Coruña, en entrevista con Praza.gal CC-BY-NC-SA Praza.gal

José Miñones atende a Praza.gal en Santiago a escasas horas do inicio da campaña electoral das xerais e apenas dous días despois de asinar a fin da emerxencia sanitaria pola COVID. O ministro de Sanidade mantén nestes días unha intensa axenda na súa dupla condición de membro do Goberno de España e de cabeza da lista do PSdeG ao Congreso pola Coruña. O que fora alcalde de Ames e delegado do Executivo de Pedro Sánchez en Galicia bota man da súa experiencia municipal para advertir de que a poboación está máis mobilizada do que poida semellar: "Á xente pregúntaslle e sabe a data das eleccións", advirte como sinal clave ante uns comicios para os que que, insiste, tan importante é "explicar" o balance do Goberno na última lexislatura como "poñer no espello o que temos enfronte", que é o que o PP de Feijóo "non quere, por iso non quere debater".

Vén duns meses ben intensos. Non sei se hai pouco máis de tres meses se vía asinando a orde que puxo fin á emerxencia da COVID como ministro de Sanidade...

Ese é un traballo que demostra o realizado estes anos, tamén de seguimento. No momento en que a información nos demostra que hai cifras positivas de contaxios e hospitalizacións, xunto á declaración da OMS da fin da emerxencia sanitaria, permítenos esta recta final e con isto, a fin de medidas como a cuestión das máscaras onde aínda eran obrigatorias.

Nos primeiros meses da pandemia, que vostede viviu como alcalde de Ames, dicíase que iamos “saír mellores” e que, entre outras cousas, política e socialmente a sanidade pública ía gañar valor... Pero máis ben semella que pasou o día e pasou a romaría ou quedou algo diso?

Queda, si. E queda unha España máis preparada para outras crises e niso tamén se estivo traballando todo este tempo. O Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias estaba conformado por catro persoas cando chegou esta crise e agora son 32, creouse a REDVACU para a coordinación de información sobre as vacinas coas comunidades autónomas, tamén se prorrogou a distribución de medicamentos hospitalarios directamente ás farmacias... Hai moita máis información e sabemos o que hai que facer. E a nivel europeo, coa vacina de HIPRA, permítenos afrontar o futuro no caso de chegar unha nova pandemia cun laboratorio que pode facer vinte millóns de doses ao mes.

José Miñones, nun intre da entrevista con Praza CC-BY-NC-SA Praza.gal

O Ministerio de Sanidade comezou a lexislatura no seu rol habitual, de coordinación dunhas competencias moi descentralizadas e tivo moitos focos enriba coa pandemia. E nos últimos anos, no caso galego, polo debate da carencia de persoal médico. A Xunta pon a responsabilidade no Ministerio, que pon o foco nos récords sucesivos de prazas MIR. Como o explicamos á cidadanía, que en todo caso o que nota é que falta persoal médico?

"Claro que falta persoal médico, o problema foi recortar prazas durante cinco anos. Nós batemos récords, pero tardan cinco anos en chegar ao sistema"

Claro que falta, porque o problema foi recortar prazas durante cinco anos. Hai que explicar á xente como funciona o sistema. As comunidades autónomas solicitan as prazas e o Ministerio acredítaas. Sempre acreditamos máis das ofertadas. Durante os goberno dos PP foron en torno ao 70% ou 80% e dende que chegamos nós, máis do 95%. Que pasou de 2014 a 2017, nos que xa sabemos que gobernou o PP? Saían 6.000, 6.500 prazas... as máis baixas da década. Tardan cinco anos, polo tanto chegan en torno a 2021, 2022, cunha pandemia que tamén tensionou todo o sistema e foron insuficientes. Ante esa problemática, este goberno que chega en 2018 e incrementa as prazas con récords todos os anos. Este ano sacamos case 12.000, o dobre. Pero tardan cinco anos en estar no sistema e agora non temos suficientes, porque tamén se xubilan. E aquí sempre digo: se a Consellería di que non son suficientes, que oferten máis. É unha problemática máis profunda que se van ir cubrindo con estes récords de prazas e tamén falta a coordinación entre as comunidades autónomas en canto ás nóminas e novas estruturas, porque os profesionais mozos o que din é que non queren máis cartos, queren tempo, por exemplo para conciliar.

Tamén lle correspondeu culminar dende o Ministerio a aprobación do dereito ao esquecemento oncolóxico. Por que é importante?

Sábeo perfectamente quen o sofre, quen tivo un cancro e curou. Por exemplo, quen tivo un cancro na infancia e quere, con 28 ou 29 anos, facer unha hipoteca, o banco pide un seguro de vida ou ben non llo dan, ou ben lle esixen un prezo superior ao normal. Unha discriminación en hipotecas, seguros, préstamos... Xente xa curada que ten que volver recordar o proceso e é discriminada. Con este dereito recoñecemos que, unha vez que pasan cinco anos dende que sufriu a enfermidade e ten que ter acceso aos servizos como calquera outra persoa, sen estar obrigada a dicir que tivo esa enfermidade. Ao final, a política está para isto, para solucionar os problemas e por iso as asociacións o agradecen, tamén que deamos un paso máis alá da directiva europea que esixía que fosen dez anos, pero nós baixámolo a cinco.

Nesta precampaña están sobre a mesa cuestións que tocan á sanidade, aínda que non teñan que ver só co eido sanitario. O PP promete recortar o dereito ao aborto para mozas de 16 e 17 anos e “revisar” a lei de eutanasia. Como o valora que volvan estar en cuestión?

"Non podemos retroceder nin na lei do aborto nin na da eutanasia, pero evidentemente están en risco. Recomendaría a Feijóo que as lea, porque o primeiro é saber do que se fala"

Para o PP isto sempre estivo enriba da mesa, recorreron ao Constitucional e aínda que a sentenza recoñeza a lei como todo un avance. Pois para o PP non é un avance. É unha lei e hai que cumprila, e non como acontece onde gobernan con Vox, poñendo trabas como en Castilla y León. Non podemos retroceder nin na lei do aborto nin na lei da eutanasia, que evidentemente están en perigo, estámolo a ver tamén no pouco que está dicindo Feijóo do que quere facer. En todo caso, si recomendaría ao señor Feijóo que lea as leis, porque no caso da eutanasia dixo nun programa que ás dúas semanas habería que facer unha revisión... Xa se fai a un mes vista. Primeiro hai que saber do que se fala.

Despois da pandemia falamos publicamente máis da saúde mental. A asistencia pública a estas doenzas está, de facto, privatizada por estar desbordada. Que se pode facer para que isto non suceda?

"A liña de atención ao suicidio recibiu 121.000 chamadas nun ano, 4.800 de risco alto"

O primeiro, recoñecer o problema e quitar o estigma, que é algo que non quixeron facer durante o Goberno do PP e paralizaron a estratexia de saúde mental impulsada no Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. Nós o que fixemos foi chegar ao Goberno, actualizar esa estratexia e facer un plan de acción 2022-24 con medidas, pero tamén dotado economicamente. Porque está moi ben facer plans, pero sen cartos son inviables. Puxemos 100 millóns de euros para as comunidades autónomas en tres anos para servizos, para loitar contra o estigma, para actividades e para infraestruturas. E no Goberno, con 3 millóns, puxemos en marcha a liña 024 de atención ás condutas suicidas, que nun ano tivo 121.000 chamadas tratadas por profesionais das que 4.800 se derivaron ao 112 por risco alto de suicidio, evidenciando que había que reforzar a liña e así o fixemos, por iso vai ser tamén unha liña de primeira atención. E tamén o que falabamos antes, habilitar máis prazas de psicoloxía e psiquiatría. 

José Miñones, comparecendo como ministro de Sanidade tras o Consello de Ministros do pasado 4 de xullo, que puxo fin á emerxencia sanitaria pola COVID © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

Estamos a falar de políticas, neste caso das que lle correspondeu abordar como ministro. Pero o certo é que nesta precampaña, agora campaña xa, semella que de políticas se está a falar máis ben pouco e que isto vai máis ben de emocións ou mesmo de medos...

"A política tamén son emocións: temos que contar o que fixemos e o que queremos facer, pero tamén poñer enriba da mesa que o que temos enfronte é o que estamos vendo cos pactos da vergoña"

Vai de todo, porque as políticas tamén son emocións. Temos que contar o que fixemos e o que queremos facer. Pero tamén hai que poñer enriba da mesa que enfronte temos a nada, o retroceso ao que eles chaman “derrogar o sanchismo”, retroceder vinte anos. Temos que trasladar á xente todas as medidas importantes que estamos facendo, pero tamén falar do que temos enfronte, que é o que eles non queren e por iso non queren debater. E o que temos enfronte estámolo vendo cos pactos da vergoña, está en xogo un retroceso de dereitos na loita contra a violencia machista, de dereitos LGBTI, das políticas de reto demográfico e cambio climático, non permitir manifestarse contra os asasinatos machistas... Temos que compararnos e poñelos no espello.

Noutras campañas falábase máis de economía. Agora as cifras macroeconómica son boas, como se poden conciliar ante a xente que o PIB medra, que o paro está máis baixo ca nunca, pero que sobe a cesta da compra ou que a gasolina e as hipotecas están máis caras? Que poden ofertar dende o Goberno de España para conciliar ambas vertentes?

"Sobe a luz e Goberno baixa os prezos; sobe a gasolina e abaratámola e puxemos bonificacións nun transporte público que bate récords: son medidas que van ao peto e nas que hai que seguir traballando"

O programa do Partido Socialista inclúe medidas realistas, non demagóxicas, no ámbito económico. En 2018 collemos un país con menos de 19 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social e neste 2023 hai 21 millóns, dous millóns máis de persoas traballando, más familias traballando, máis ingresos para a Seguridade Social. As cifras macro din que a economía española vai mellor que o resto de Europa e precisámolas para programar investimentos sociais. Á xente non lle escapa que todo isto pasa nun contexto no que vimos dunha pandemia e sabemos como saímos doutras crises. E tamén a xente sabe que cando veu a invasión de Ucraína houbo unha resposta por parte deste goberno. Eu sempre recordo que cando chegou a pandemia este Goberno puxo en marcha os ERTE e agora a xente dinos: “Grazas, porque o ERTE salvou o meu posto de traballo”. E a empresa diche: “Cos préstamos ICO saímos e co plan de recuperación agora medra o meu negocio”. Hai moitos exemplos que demostran como podemos incidir no día a día no peto das familias: é certo que sobe a cesta da compra, pero o Goberno baixou o IVE. É certo que sobe a luz, pero o Goberno baixa os prezos e pon o bono social; é certo que tivemos a gasolina máis alta, pero abaratámola e puxemos bonificacións nun transporte público que agora bate récords. Todas estas medidas tamén van ao peto e hai que seguir traballando.

Vostede é cabeza de lista do PSdeG – PSOE pola Coruña e foi delegado do Goberno ata hai poucos meses. Igual que outros candidatos, vén repetindo que a Galicia lle vai mellor cun Goberno socialista. En que o nota a xente?

"Temos unha bagaxe de grandes investimentos en Galicia: pódese facer demagoxia, pero os datos están aí"

Precisaría moito tempo para explicalo [ri]. A min gústanme as cifras fronte aos discursos ligados ao trumpismo de dicir un titular por dicilo, por exemplo, ofertar mil prazas de médicos de familia e aí vai: pois di dous mil, xa postos a dicir... Nós temos unha bagaxe, que é que os grandes investimentos en Galicia son con este goberno, eu vivino como delegado. A chegada do AVE, as bonificacións da AP-9, as estacións intermodais con cifras de récord, as autovías, investimentos ferroviarios como a conexión Lugo-Ourense, grandes proxectos en cada cidade, as fragatas en Ferrol... Pero tamén en concellos pequenos, ou tamén con programas para o reto demográfico, plans turísticos para os concellos ou levar a fibra óptica para o rural antes de 2025, que xa o estamos facendo. Todo isto se resume en 35.000 millóns de euros en cinco anos, con orzamentos de récords, co plan de recuperación e con transferencias históricas aos concellos e á Xunta. Contra iso pódese facer demagoxia, pero os datos están aí.

José Miñones, durante a entrevista con Praza CC-BY-NC-SA Praza.gal

O PP asegura que estiveron castigando a Galicia por ter un goberno do PP. E o BNG subliña que non cumpriron aspectos relevantes do acordo de investidura...

Titulares demagóxicos e maiores ataques da Xunta cantos máis investimentos se producen en Galicia. Onde estaban cando gobernaba o PP e o AVE non chegaba? Onde estaban cando se bloqueou a conexión ferroviaria de Lugo a Ourense? Onde estaban cando non se facía o enlace ferroviario dos portos exteriores? Onde estaban cando os estaleiros non tiñan traballo ou non saían adiante proxectos industriais? A xente entende cando un ataca o Goberno para non ter que xustificar a súa propia acción. Probablemente a xente non saiba que o Plan de Recuperación que agora tanto pide o PP para que veña en Galicia tivo o voto en contra do PP. Se chega a ser polo PP non hai un só euro e iso é importante explicalo tamén.

Nestas xerais teñen enfronte un ex-presidente da Xunta. Teñen máis responsabilidade os candidatos e candidatas do PSdeG que noutras ocasións por ser Feijóo o cabeza de cartel do PP? Pedíronlles máis información do habitual dende a dirección federal?

"Cando Feijóo dá o salto a Madrid vese que aquí estaba moi protexido. Alí non ten tan de man os medios e nótase"

Feijóo estivo aquí gobernando e a realidade é que cando dá o salto a Madrid vese que aquí estaba moi protexido. E alí, que non ten tan de man os medios nótase e sae á luz cada erro que comete, esa mala fe, esa mala intención ou esa falta de profesionalidade ao non coñecer temas económicos clave ou mesmo sobre o funcionamento do sistema sanitario. Nós, loxicamente, trasladamos sempre información das accións do Goberno da Xunta. O que no preocupa é o seu xiro á ultradereita e os pactos da vergoña que está a levar a cabo. Todos sabiamos quen é Vox, eu lembro a Feijóo criticar a Vox por presentarse ás eleccións autonómicas cando eles queren tirar abaixo as comunidades autónomas. Pois quen lles abre a porta é o señor Feijóo.

O PP está aplicando en boa medida o manual de campaña que aplicou en Galicia en 2009. Está a esquerda en xeral e o Partido Socialista en particular respondendo de maneira distinta?

"Agora tenta imitar co Falcon a famosa campaña dos Audi despois de destinar 3 millóns ao parque móbil con coches de luxo de 70.000 euros. As cousas hai que contalas"

Primeiro estamos falando do feito e do que queremos facer no futuro. Pero tamén estamos contrapoñendo ao PP e hai que dar contestación, non sei se distinta ou non, pero hai que contar as cousas. Cando Feijóo fala de reducir o número de ministerios, a todos os galegos nos soa: pasou no primeiro mandato de 13 a 10 consellerías e cando marchou deixou 12 consellerías con dúas vicepresidencias. Moi congruente non parece e se gobernase con Vox, os ministerios non lle chegarían. Tamén lembro cando falaba dos Audi, esa famosa campaña que agora tenta imitar co Falcon e xa se ten dito quen o mercou; que pasa, cando o utilizaba Aznar era normal? Pois tamén recordemos como marchou Feijóo, despois de destinar 3 millóns de euros ao parque móbil con coches de luxo de 70.000 euros. As cousas hai que contalas, é certo.

José Miñones, con integrantes das candidaturas do PSdeG ao Congreso e ao Senado na provincia da Coruña para o 23X, escasas horas antes do inicio da campaña CC-BY-NC-SA PSdeG

Estes días están a falar moito de “remonta”, do que adoita chamarse “dar a volta ás enquisas”. Dino porque é o que hai que dicir, ou realmente perciben un cambio de tendencia?

Percibímolo. En numerosas reunións e non só coa militancia; tamén con asociacións, colectivos, empresas... Todo o que está contando o presidente está desmentindo todas as falacias que levan dito sobre a súa persoa. Está explicando cun ton moi acertado as propostas, non entrando no insulto. E aínda quedan por diante dúas semanas clave nas que se van decidir moitos votos. Á xente pregúntaslle e sabe cal é a data das eleccións, eu que veño do municipalismo sei que é moi importante. E dinche: que vai pasar coas pensións, que vai pasar co salario mínimo? E nós dicimos que o que sabemos o é o que fixeron: votar en contra e á xente non hai que avaliala polo que di, senón polo que fai. Polo tanto, iso mobiliza e é a nosa obriga dicilo. Isto non é unha campaña normal, xogámonos moito máis e temos que cumprir e elixir que ou goberna Pedro Sánchez ou goberna o retroceso.

Ata que punto depende un eventual cambio de goberno en Galicia do que suceda o 23X?

"Cambia moito se Feijóo é presidente do Goberno e vén facer campaña a Galicia como tal ou se non vén porque xa se encargou o partido de que non siga"

Todo afecta. Ao presentaren un candidato como Feijóo ás xerais, cambia moito se Feijóo é presidente do Goberno e vén facer campaña como tal ou se non vén, porque xa se encargará o partido de que non siga. Cambia moito, pero aínda así queda tempo se cremos o que nos din. 

Ten un nome na cabeza para o cabeza de cartel do PSdeG? Todo o mundo pensa en José Ramón Gómez Besteiro...

A horas de comezar a campaña nin paramos a pensar niso. O mellor que se fixo foi poñer xa a data de setembro para as primarias e agora, centrarnos no que nos temos que centrar, combinar a campaña coa actividade do Goberno e xa veremos en setembro quen dá ese paso. Nese momento debateremos, que é o que facemos os socialistas, aquí non se elixe de forma dixital.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.