"A verdadeira batalla do 23 de xullo é se o presidente do Goberno é Pedro Sánchez ou Alberto Núñez Feijóo. E vaise decidir en provincias como Lugo". O cabeza de cartel do PSdeG ao Congreso pola provincia lucense, José Ramón Gómez Besteiro, resumía o pasado xuño en entrevista con Praza.gal un cálculo que vai máis alá do lugar común de cada campaña, no que as diversas forzas políticas sinalan cada territorio como determinante para o resultado final.
A dirección federal do PSOE sitúa Lugo entre as provincias decisivas para decidir se as xerais se inclinan á esquerda ou á dereita. Neste caso, a clave é o cuarto escano da circunscrición, que aspiran a que siga sendo o segundo para os socialistas
Os cálculos da dirección federal socialista teñen teñen o foco especialmente posto en arredor dunha quincena de circunscricións que, consideran, van ser decisivas para decidir se as xerais do 23X se inclinan á esquerda ou á dereita. Son, moitas delas, provincias que reparten catro escanos, como Lugo ou Ourense. No caso lucense, a clave é a pugna polo cuarto escano, isto é, manter o 2-2 actual e non regresar ao reparto de 3 escanos para os populares e un para os socialistas do ano 2011. En 2015 e nas xerais repetidas de 2016, ese escano final foi para En Marea e a el aspira desta volta tamén o BNG.
Con este pano de fondo, Besteiro reproduce en boa medida a intensa campaña que desenvolveu nas semanas previas ás pasadas eleccións municipais -cando ostentaba o posto de delegado do Goberno de España en Galicia, pero tamén unha ampla axenda de partido con actos coma o deste sábado en Piornedo, o lugar da parroquia de Donís, no Concello de Cervantes, coñecido polas súas pallozas. As mesmas pallozas que estiveron en risco de caer por falta de mantemento e en cuxa preservación, defende o candidato, foi clave tamén o labor do Goberno de Pedro Sánchez.
"A Xunta ten as competencias, pero foron os socialistas quen se comprometeron coa veciñanza para manter vivo este legado", afirma Besteiro nas pallozas de Piornedo, no Concello de Cervantes
Acompañado por membros da Asociación Teitos de Piornedo, Besteiro apunta que ata dezaseis destas pallozas "seguen en pé grazas á perseveranza dos veciños", pero tamén á colaboración do Concello, ás subvencións da Deputación de Lugo, máis recentemente, "aos traballos de rehabilitación feitos coas achegas dos fondos europeos" do Plan de Recuperación. "A Xunta ten as competencias, pero foron os socialistas quen se comprometeron coa veciñanza para manter vivo este legado".
"Máis de 150.000 euros" no mandato 19-23 da Deputación ou outros 160.000 no seu último mandato como presidente da institución lucense, destaca, serven para "manter vivo este legado histórico" mentres, lamenta, "a única palloza propiedade da Xunta está pechada e sen actividade". "As pallozas forman parte da nosa historia, non poden ir a un caixón", pero tampouco poden manterse, advirte, sen ter en conta de que mantelas custa entre 3.000 e 5.000 euros anuais.
A xuízo do cabeza de cartel socialista por Lugo, o que pode semellar unha cuestión estritamente local vai máis alá e ratifica, coida, que "cando goberna a dereita, Lugo perde". Xunto a Besteiro participaron na visita o alcalde cervantego, Benigno Gómez, e mais o rexedor de Navia de Suarna, José Fernández, integrante tamén das listas ás xerais pola provincia, no seu caso ao Senado.