En setembro do 2019 a asociación Teitos de Piornedo celebrou a súa primeira malla comunitaria, tras sementar centeo en dúas leiras; foi a primeira proba experimental para afrontar un grave problema, o custe de teitar unha palloza pode chegar aos cen mil euros
O luns dez de febreiro de 2020 Praza informa do SOS que lanza a veciñanza de Piornedo, aldea cimeira na que se conserva o meirande conxunto de pallozas de Europa, tamén o mellor conservado. Unha aldea prerromana que resiste malia o desinterese político e social, con unhas construcións habitadas fai poucas décadas e que agora precisan renovar os teitos de palla. En setembro do 2019 a asociación Teitos de Piornedo celebrou a súa primeira malla comunitaria, tras sementar centeo en dúas leiras; foi a primeira proba experimental para afrontar un grave problema, o custe de teitar unha palloza pode chegar aos cen mil euros. Si, cen mil.
Este xenial músico galego ensinounos os sons do pasado, un monólogo divertido e moi interesante no que nos mostrou unha colección de instrumentos coa que viaxamos no tempo, entre o fume da lareira, as risas e a incredulidade que nos xeraban as melodías
O venres vinte e tres de setembro de este ano chamoume José Luís López, un galego francés que vive en Agüeira, unha aldea de Becerreá na que hai dous habitantes; podo dicir por tanto que con este amigo meu dobrou a poboación deste lugar. Preto da súa casa está o bosque de Os Grobos, ao pé dos castiñeiros; integrado na Rede Natura 2000. O xoves dezanove proxectouse o filme O bosque do lobo, de Pedro Olea, dentro da programación da Semana de Cine de Lugo, protagonizado por José Luís López Vázquez, que debuxa unha Galicia dominada pola escuridade e a superstición, para desgusto de Carrero Blanco, empeñado inutilmente en difundir a imaxe dunha España moderna. Na película, con escenas filmadas nesta fraga paradisíaca, participou como figurante o avó de José Luís, mais non puido identificalo e dicirmo. Despedímonos como sempre fai el, persoa empática e agarimosa, cunha aperta. E chamoume, como dixen, o venres; quería compartir unhas entradas que reservara para a actuación de Abraham Cupeiro na Casa Vella de Perdigón no Piornedo, co obxectivo de xuntar fondos e sobre de todo alertar da situación de desamparo na que se encontra este conxunto etnográfico único. Alá fomos Teresa mais eu o día que entrou o outono con personalidade, que é como un debe chegar aos sitios, sendo un mesmo. Non vai frío, dixemos os dous ao unísono, só que o normal sorprendeunos en pleno cambio climático, cando a Terra, farta de berrarnos, nos brinda unha tregua. Refuxiámonos na Cantima Mustallar, no pico da aldea; pedimos algo para quecer, eu licor café. O noso amigo e as súas acompañantes, Karina e Marta, chegarían moi xustos para o inicio da actuación, inda que tampouco era problema, porque debido á masiva asistencia e ao aforo limitado programaron un segundo pase para as oito.
Este xenial músico galego ensinounos os sons do pasado, un monólogo divertido e moi interesante no que nos mostrou unha colección de instrumentos coa que viaxamos no tempo, entre o fume da lareira, as risas e a incredulidade que nos xeraban as melodías. A min, Abraham pareceume, antes que nada, un paisano, un home da terra aberto ao mundo e que honra aos seus. Claro, tamén un virtuoso; mais debo matizar: un virtuoso cos pés no chan.
Non faltou nada, agás que a Xunta de Galicia repare na necesidade de teitar estas pallozas e facilite axudas aos propietarios; sería imperdoable que non o fixese
Á saída, debaixo dun hórreo, agardaba por nosoutros un posto de hamburguesas e cervexa fría, a carne procedía da Cooperativa A Carqueixa, que ten por lema “o sabor dos Ancares, e que produce dun xeito sostible. Malia que era noite e chuviscaba algo, non puidemos resistirmos a un sabor así nun lugar así. Despois citámonos para outro evento en O Courel e démonos unha aperta e uns bicos. Non faltou nada, agás que a Xunta de Galicia repare na necesidade de teitar estas pallozas e facilite axudas aos propietarios; sería imperdoable que non o fixese.