"O 23 de xullo vai marcar un antes e un despois histórico e hai que mobilizar a esquerda para non volver atrás"

José Ramón Gómez Besteiro, en entrevista con Praza.gal CC-BY-NC-SA Praza.gal

José Ramón Gómez Besteiro regresou á primeira liña política o pasado marzo, cando Pedro Sánchez o nomeou delegado do Goberno de España en Galicia. Tras o arquivo de todas as causas xudiciais que o afastaran case sete anos atrás da secretaría xeral do PSdeG e da candidatura á presidencia da Xunta, o retorno de Besteiro electrizou e encheu de expectativas a nada desprezable parte do socialismo galego que ve nel o cartel electoral ideal para os comicios galegos. Aínda que non poida evitar realizar unha análise da situación en clave netamente galega, o lucense prefire non alimentar esa expectativa polo momento. Menos aínda tras encomendarlle o propio Sánchez que encabece a candidatura do partido pola súa provincia nas eleccións do 23X, unha cita á que adxectiva repetidamente como "histórica" durante esta entrevista con Praza.gal.

Volveu á primeira liña política no medio dunha espiral electoral que vai a toda velocidade. Gustaríalle ter máis tempo como delegado do Goberno de España en Galicia?

As cousas son así. O presidente do Goberno tomou a decisión de convocar os españois ás eleccións e eu afróntoo con moita ilusión. É un momento histórico no que se formula dar un paso á fronte ante o que nos expoñen do outro lado ou quedar quietos. E eu asumín o paso á fronte.

En todo caso, mantivo unha axenda intensa nestes dous meses. Institucional e de partido. Que mudanzas atopou a respecto do panorama que deixou hai case sete anos?

"É un momento histórico no que se formula dar un paso á fronte ante o que nos expoñen do outro lado ou quedar quietos. Eu asumín o paso á fronte"

Vivín dúas sensacións. A primeira, a máis positiva dende a Delegación, é a da potencia que tivo a presenza do Estado nestes anos por cifras e proxectos. É innegable que os fondos europeos de recuperación apareceron como un maná de case 2.800 millón e chegaron a todos os concellos. E como algo que antes de saír da política estaba moi en boga, que é a cogobernanza, isto foi un dos maiores exemplos en corenta anos. E para mal, aínda que non me colleu de novas, sorprendeume como dende o outro lado non se avanzou nesa cogobernanza leal, como todo o que se recibía era para intentar devolvelo con veleno, con mala fe, mesmo con mentiras. Pensei que a Xunta viviría esa gobernanza doutro xeito aínda que houbese rivalidade política. Todo, dende un papel de delegado que era moi institucional e que eu nunca entendín, porque se un é delegado dun Goberno que ten un determinado signo político o que ten que facer é representalo. Podería haber xente que se sorprendese diso, pero non hai nada malo en defender a política dende un posto institucional.

José Ramón Gómez Besteiro, cabeza de lista do PSdeG por Lugo o 23X, durante a entrevista con Praza CC-BY-NC-SA Praza.gal

De feito, o presidente Rueda díxolle que sería mellor non “politizar” ese posto...

Xa sabe o que dicía Franco: “Haga como yo, no se meta en política”. Esa é a mentalidade do PP, da dereita deste país. Teñen a tendencia a crer que só eles deben gobernar de forma natural e se goberna a esquerda é un accidente. Por iso din que non fan da política unha arma. Pero eu creo que é bo que a política estea presente na vida das persoas.

Agora encabeza a lista do PSdeG por Lugo ao Congreso, segundo soubemos, por unha preferencia expresa de Pedro Sánchez...

Si.

... é Lugo unha provincia clave nas eleccións xerais á hora de decantar a maioría cara á esquerda ou a dereita?

"A verdadeira batalla do 23X é se o presidente do Goberno é Pedro Sánchez ou Alberto Núñez Feijóo. E vaise decidir en provincias como Lugo"

Hai arredor de dezaseis ou dezasete provincias nas que se vai ver esta liorta, que eu creo que hai que contemplar neses termos, entre os proxectos do PSOE e do PP. Eu sei que isto se pode ver como unha visión subxectiva do meu partido, pero creo que esa vai ser a verdadeira batalla: o presidente do Goberno ou é Pedro Sánchez ou é Alberto Núñez Feijóo. E en provincias como Lugo vaise decidir. Por iso a todos os veciños cos que fale vounos centrar no importante, que é o que nos xogamos o 23 de xullo. E sobre todo, en que de nada valerá lamentarse despois ou dicir que hai que manifestarse. Porque o que viría é algo que xa sabemos, o que pasou na saída da crise financeira coa dereita, cunha Alemaña tamén de dereita dirixindo a operación, todo o relacionado cos recortes mentres nos inundaban coa palabra “austeridade” e facían crer á cidadanía que vivira por riba das súas posibilidades. Nesta crise saíuse dun xeito distinto; en parte porque había outra Alemaña? Si. Pero tamén porque había unha España que pesaba, cun Sánchez que apostou por unha saída dende a esquerda na que é posible que a economía vaia ben e creza mentres somos capaces de corrixir onde economía xera desvantaxes na vida diaria da sociedade. Somos sólidos na recadación porque temos unha formulación fiscal que afecta a quen ten que afectar e somos quen de levar ben as rendas económicas, que era algo que se cuestionaba dende a dereita. O 23 de xullo o que se vai marcar é se queremos que isto continúe ou teña data de caducidade.

Cre que será dabondo expoñer todo iso a respecto do labor do actual Goberno nun panorama xeral apunta a que o PP de Feijóo está xa, pouco menos, que repartindo ministerios?

Hai que dicirlle á xente que eles van ir votar todos e nós tamén temos que ir votar, poñer pé na parede para seguir cara a adiante. Está nas nosas mans. Que o presidente nos chame ás urnas é unha decisión valente e que vai facer pensar a moita xente que se cadra quedou na casa nas municipais. O 23 de xullo vai marcar un antes e un despois histórico.

Ata que punto o resultado das xerais abre ou pecha a oportunidade dun cambio político en Galicia?

"Vexo un Rueda debilitado, que non se ve lexitimado como presidente, que depende moito do exterior e cunha división do PP que cada día é máis evidente"

Non o sei. O que sei é que se está vendo que este presidente, elixido dixitalmente porque un día Feijóo dixo: “queda este”, demostra pouca fortaleza e depende moito do exterior. Mesmo a unha idea histórica do PP segundo a cal eles decidían o futuro de Galicia. Vese que agora hai unha maior dependencia dun PP de Feijóo que fai un fraco favor e que se ve agora coa elaboración das listas, cunha fuxida cara a Madrid na que parece que na Xunta non queda ninguén. Mesmo con feitos tan simbólicos como presentar a Pilar Rojo por Albacete. Vexo un Rueda debilitado, que non se ve lexitimado na súa elección como presidente e porque está dando bandazos constantemente. O último, cando saíu tras as convocatoria de eleccións do 23 de xullo para dicir que todo seguía igual. Iso amosa debilidade, como tamén a amosa a propia división que hai dentro do PP, que cada día é máis evidente.

José Ramón Gómez Besteiro CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

Son moitas as voces que o sinalan a vostede como candidato nesas eleccións galegas. Seguro que xa o pensou, pero pedíronllo?

"[Ser candidato á Xunta] nin pensado nin pedido. Estamos centrados no 23 de xullo, o momento non admite distraccións"

Non, nin pensado nin pedido. Todos estamos centrados no 23 de xullo porque é un momento que non admite distraccións con outras cousas, non admite que deixemos un só veciño sen resumirlle todo o que fixemos nun contexto sen parangón cunha guerra, cunha pandemia... E aínda así, revalorización e reforma das pensións, decisións de gran profundidade consensuadas con Europa e fronte a un PP e outras forzas que estiveron de costas... É histórico o nivel de execución, investimentos e actuacións.

Estamos en días de conversas, negociacións e pactos entre forzas políticas nos concellos. Cre que o clima nas negociacións pola esquerda pode contribuír a unha reedición dun goberno de esquerdas no Estado e a un posible goberno da esquerda en Galicia?

"Toda a esquerda sabe ou debería saber o que ten que facer nos concellos: unha fronte progresista ante a fronte reaccionaria"

A xente ten que velo. Este Goberno viu as comunidades autónomas de xeito distinto, con esa cogobernanza da que falabamos e para min é un avance histórico sen precedentes. Na formación dos novos gobernos ten que ser o mesmo porque a ameaza tamén vive no mundo local e xa se visualiza no que fai o PP con Vox. O PP está marcado nunha senda de dereitización e toda a esquerda sabe ou debería saber o que ten que facer na constitución dos concellos: presentar unha fronte progresista ante unha fronte reaccionaria que non vai ser boa tampouco para as vidas municipais.

Todo iso sucederá antes dunhas xerais nas que, en Galicia, o PSOE ten enfronte un partido encabezado por un ex-presidente da Xunta, con todo o que iso implica, pero tamén a un BNG que sinala que será quen mire mellor por Galicia no Congreso. Como se sitúa o PSdeG nese panorama?

Pero, ao final, son unhas eleccións xerais. A xente está decidindo, ao final, que presidente quere que dirixa o Estado os próximos catro anos. E eu non quero desprezar outras forzas políticas que son importante e colaboraron nestes catro anos. Houbo diferenzas nalgunhas cousas, faltou apoio noutras, pero colaboraron nese proxecto de España durante catro anos. Pero a situación é a que é: haberá un voto masivo para Pedro Sánchez e tamén para Alberto Núñez Feijóo. É a cuestión que se vai ventilar; aparecerán outros actores como colaboradores, pero o electorado está vendo dúas caras, ese é o partido.

É habitual ollar ao Goberno de España en clave de obras: A alta velocidade, as autovías pendentes... Que responde a quen di que Galicia segue fóra das prioridades do Estado?

"Todas as grandes obras viñeron a Galicia da man dos socialistas"

As grandes obras son as grandes reivindicacións históricas. Como tratar a AP-9 doutro xeito, que se reflectiu xa nos Orzamentos do Estado. Ou a mellora ferroviaria xa non só coa chegada do AVE, senón tamén coa electrificación de vías históricas como Lugo-Ourense; a conexión cara a Vigo, o remate das autovías... Todas esas grandes obras viñeron da man dos socialistas. E podémonos remontar ás épocas de Abel Caballero, de Felipe González coa chegada de autovía; ou á época de Pepe Blanco, a conexión coas outras autovías e o inicio do AVE a Galicia. E neste mandato de Pedro Sánchez, tamén, con maior carga de estaleiros para os estaleiros en Ferrol con contratos por máis de 8.000 millóns, investimentos en materia de industrialización, a rexeneración da ría do Burgo... Tamén foron obras históricas. Non me engano se digo que ademais, este Goberno contemplou o fenómeno periférico doutro xeito, foi un Goberno moi cara a fóra de Madrid.

José Ramón Gómez Besteiro, nun mitin do PSdeG lucense durante a campaña das eleccións municipais CC-BY-NC-SA PSdeG

Ese papel do Goberno de España pode beneficiar un aire de cambio en Galicia? Dito doutro xeito: estes días escoitabamos a José Luis Rodríguez Zapatero, que en 2004 dixo aquilo de “esta vez vamos en serio en Galicia”. A xestión do Goberno por unha banda e a da dirección federal do PSOE por outra pode beneficiar iso?

Totalmente. Estou convencido de que é así. Temos que negociar e compartir con outros territorios, pero a visión xeral do presidente do Goberno é moito máis aberta cara ás comunidades autónomas. Por exemplo, en ningún lugar da negociación con Europa puña que nos fondos de recuperación tivese que haber cogobernanza, pero fíxose. É un exemplo de que se valoran os territorios e hai unha relación de igualdade. Non o digo só dende a perspectiva galega, pero é que non todo pasa por Madrid, máis alá de que esixamos máis.

Na campaña electoral das municipais estivo moi activo, en boa medida na provincia de Lugo. Nesa campaña, o PP provincial xa disparou contra vostede e a súa presidenta veu dicir que volvería facer o mesmo, que o volvería incrementar onde fose preciso... Como o valora? Foi algo que sobrevoou inevitablemente a campaña...

"Afortunadamente, ao PP non lle foi ben en termos de gobernabilidade nas municipais e agora tampouco lle vai ir ben porque non entendeu a mensaxe de que esa non é forma de facer política"

Non ten moito sentido. Ao final, aí o que se ve é un PP desesperado. Eu entendo que non volvería facer o que fixo porque xa se viu que a resposta da cidadanía foi que non queren ese tipo de políticos e ademais, puxeron toda a carne no asador para o Concello e a Deputación de Lugo e foi un fracaso. Ese gran esforzo que din que fixeron, investidor, de gasto e de esforzo político foi estéril. Ao final, o gran éxito do PP foi recuperar Ferrol por 140 votos e a Deputación de Pontevedra, onde agora parece ser que hai unha serie de xente que ten que dimitir para que non entre a presidenta que parece que quería o presidente da Xunta, un guirigai. Afortunadamente, ao PP non lle foron ben as cousas en termos de gobernabilidade e en Lugo tampouco lle vai ir ben porque non entendeu a mensaxe, que é que esa non é forma de facer política.

Cre que cómpre poñer un punto máis nesa análise de que ao PP non lle foi ben en Galicia nas municipais? Na noite electoral, por exemplo, dende ámbitos do propio Partido Socialista se falou en termos de tsunami da dereita...

"Son de Lugo, sei que o PP no Goberno do Estado supón que os proxectos vaian ao caixón e non teñan interese mentres botan a culpa a quen sexa"

Os socialistas imos estar no goberno de cen concellos, os máis poboados. En poboación andaremos roldando o 55%. Ese suposto tsunami dende a perspectiva estatal foron 600.000 votos; para falar de tsunami tería que ser un millón e medio ou dous millóns. Iso quere dicir que para as xerais hai partido e eu voulle dicir a todo o mundo todos os días que hai que ir votar, que á dereita non fai falta mobilizala e que por iso hai que mobilizar a esquerda para non volver atrás. Eu son de Lugo, sei que o PP no Goberno do Estado supón que todos os proxectos vaian ao caixón e pasen a non ter interese mentres botan a culpa a quen sexa. Eu non quero que se volva a esa época, quero que o AVE chegue pronto a Lugo, que se aumente o investimento na liña de FEVE, que se remate a autovía de Santiago e comece a de Ourense que haxa axudas máis amplas para gandeiros e agricultores, que se aposte por un turismo sostible e unha rede de parques naturais que beneficie a quen alí vive... Iso é o que vou defender e é o que volvería atrás se goberna o PP. Por iso tamén é unha cita histórica para a nosa provincia, para o noso país, que é Galicia, e para o Estado español, que é o que nos une a todos nesa política progresista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.