Agora si, volve Besteiro. Quen fora presidente da Deputación de Lugo durante oito anos e secretario xeral do PSdeG de 2013 a 2016, cando dimitiu por mor das imputacións xudiciais ditadas contra el pola despois sancionada xuíza Pilar de Lara, será o novo delegado do Goberno de España en Galicia.
Fontes socialistas consultadas por Praza.gal dan por seguro que o que fora secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016 será nomeado polo Consello de Ministros este mesmo martes
Tres meses despois do arquivo da última daquelas causas sen que os xulgados que as herdaron apreciasen delito ningún na decena de imputacións que pesaban sobre el, Pedro Sánchez disponse a aproveitar a remodelación do seu Executivo para rehabilitar de vez a figura política na que o socialismo galego tivo postas máis esperanzas por retornar á Xunta dende a fin do Goberno de Emilio Pérez Touriño. José Ramón Gómez Besteiro substituirá no cargo a José Miñones, novo ministro de Sanidade.
Ata tres fontes socialistas consultadas por Praza.gal dan por seguro que a confirmación do nomeamento de Besteiro se producirá este mesmo martes, xornada na que Miñones toma posesión como ministro. Será, concretamente, na primeira xuntanza do Consello de Ministros na que participará o ata agora delegado gobernamental en Galicia.
O arquivo que puxo fin ao periplo xudicial sufrido por Besteiro durante máis de seis anos disparou a finais do pasado 2022 o debate sobre o seu eventual retorno á primeira liña política. "Estará onde queira estar", resumía daquela o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que mantén co lucense unha estreita relación política e persoal. Nesta liña, o propio Formoso admitía que, no caso de de optar Besteiro a ser candidato socialista á presidencia da Xunta nas eleccións previstas para 2024, contaría "con todo o apoio" pola súa banda.
De aí en diante, foron múltiplas as especulacións sobre o xeito en que se produciría o eventual retorno de Besteiro mentres medraban as voces que apuntaban a que a vía máis probable sería a dun nomeamento por parte do Goberno de España, como finalmente vai suceder. O seu nome mesmo chegou a soar como posible ministro, se ben finalmente a vía será a da delegación do Executivo, posto que leva consigo unha presenza practicamente continua no territorio e na vida política do país. A súa rehabilitación política definitiva tamén pode propiciar a participación activa en actos do PSdeG no intenso ciclo electoral que comeza coas municipais do 28M.
A elección de Besteiro como delegado gobernamental disparará outra volta, inevitablemente, o debate en torno á posibilidade de que acabe accedendo ao cartel electoral ao que non puido chegar en 2016. Así foi porque pouco despois de decidir en 2015 abandonar a política local en Lugo para "centrarse na construción dun proxecto para Galicia", chegaran as primeiras da serie de imputacións xudiciais que acabarían coa súa dimisión. Previamente, o PP evitara a súa elección como senador por designación do Parlamento de Galicia.
A elección de Besteiro como delegado gobernamental disparará outra volta, inevitablemente, o debate en torno á posibilidade de que acabe accedendo ao cartel electoral do PSdeG ao que non puido chegar en 2016
A cuestión da candidatura socialista á Xunta non é, en calquera caso, un asunto pechado. Non en van, este mesmo martes o nomeamento de Miñones fixo virar os focos tamén cara a el a respecto dun proceso que, estatutariamente, terá que dirimirse en eleccións primarias.
En calquera caso, o que si semella claro cos nomeamentos coñecidos este luns é que a dirección federal do partido que encabeza Sánchez, ao contrario doutras ocasións, si se implicará a fondo na primeira pugna electoral galega dende a fin da era Feijóo na Xunta. Con estes movementos aumentan tamén as posibilidades de que Formoso, que volve ser candidato á alcaldía das Pontes -onde goberna dende 2007-, non opte a aspirar á Xunta con independencia de que continúe como secretario xeral.
Besteiro retoma así, en calquera caso, unha andaina política que, no eido institucional, comezou no Concello de Lugo en 1999, como membro do primeiro equipo do goberno do alcalde socialista Xosé López Orozco en coalición co BNG. En 2007, tamén co PSdeG coligado co Bloque, accedeu á presidencia da Deputación lucense, que exerceu durante dous mandatos. Durante o segundo (2011-2015) accedeu á secretaría xeral do PSdeG na que foi a primeira ocasión na que o cargo foi elixido a través da votación directa da militancia.