Formoso ofrece a Besteiro ser o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta

Besteiro nunha imaxe de arquivo con Pedro Sánchez CC-BY-NC-SA PSdeG

O secretario xeral dos socialistas galegos di que “en boa medida” debe o seu posto ao lucense e “por lealdade” renunciaría ás súas propias aspiracións, pero que a decisión “tócalle a el”

José Ramón Gómez Besteiro, ex-presidente da Deputación de Lugo e ex-secretario xeral do PSdeG ata que dimitiu en 2016 tras a súa imputación pola xuíza Pilar de Lara, é a aposta, agora que vén de quedar libre de causas xudiciais, do actual secretario do partido, Valentín González Formoso, á presidencia da Xunta. Así o deixou claro este martes o propio Formoso, que admitiu que el mesmo debe o seu posto “en boa medida” a Besteiro e que “por lealdade” renunciaría ás súas propias aspiracións á presidencia da Xunta se Besteiro dá o paso. Pero a decisión, dixo, “tócalle a el”.

Besteiro e Formoso nunha imaxe de arquivo cando o primeiro era presidente da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

A pasada semana sóubose do arquivo da última causa xudicial contra Besteiro. Desde aquela, diversas voces autorizadas da dirección do PSdeG veñen lanzando todo tipo de gabanzas cara a el, entre elas a do secretario de organización da formación, José Manuel Lage Tuñas, que este luns cualificouno como o “Messi” da política. Un día despois, este martes o propio Formoso compareceu ante os medios de comunicación e deixou claro que Besteiro tamén é a súa aposta persoal, malia o risco que pode supoñer para o PSdeG se finalmente o lucense non acepta ser o candidato e dá ao PP a baza de criticar que os socialistas non presentan ao seu suposto mellor home senón a un suplente.

Formoso di que "na vida" competiría contra Besteiro e que se quere ser candidato "vai ter todo o meu apoio" 

Formoso foi preguntado directamente na súa comparecencia deste martes sobre se o candidato do PSdeG á Xunta vai ser Besteiro ou el mesmo. “Tocará no seu momento, temos que manexar os tempos con prudencia”, comezou dicindo de xeito cauto, para engadir que el mesmo “sempre” dixo que “ía ser candidato á Xunta, e mantéñoo”, pero que “en política a coherencia e a lealdade o é todo”. Besteiro, dixo, é un “amigo” persoal e “probablemente sexa Messi politicamente”, así que ante a pregunta de se competiría nunhas primarias contra el a súa resposta é que “na vida”. “Se algún día Besteiro quere ser candidato, vai ter todo o meu apoio”, dixo.

Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, con Begoña Rodríguez Rumbo, vicevoceira parlamentaria da formación, este 27 de decembro de 2022 durante un almorzo informativo no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

Formoso foi sendo aínda máis directo a medida que lle repreguntaron pola cuestión e a inminencia das decisións. Segundo dixo, a día de hoxe ten “a intención” de ser el o candidato á Xunta, pero se cando se decida esa candidatura, unha vez que pasen as eleccións municipais do próximo mes de maio, Besteiro decide dar o paso, el renunciaría. “Cando un ve como se perseguiu a Besteiro, como mínimo ten que ter esa lealdade e arriscar a súa posición persoal”, dixo. “Preferiría retirarme da política que ser unha persoa desleal”, sentenciou.

Este martes tamén o secretario provincial do PSdeG de Lugo, José Tomé, volveu expresar o seu apoio a Besteiro

O secretario xeral do PSdeG foi cuestionado polo feito de que, se finalmente Besteiro non é o candidato, o PP podería criticalo a el ou a calquera outro aspirante como un mal menor ou un suplente da suposta mellor baza socialista. “Son consciente dese risco”, dixo, pero asegurou que “o partido está por riba”. 

Tamén este martes se pronunciou o secretario provincial do PSdeG de Lugo e presidente da Deputación que antes ocupou Besteiro, José Tomé, para quen o seu antecesor “ten toda a liberdade para optar ao que considere e, dende logo, sabe que na miña persoa ten o apoio ata onde poida axudalo”.

Agora, a decisión está nas mans do propio Besteiro. Segundo Formoso, nas súas conversas con el aínda non falou “desa posibilidade”. “Tócalle a el” falar agora.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.