Besteiro dimite como líder do PSdeG: "É o mellor para o partido e para o país"

Besteiro, anunciando a súa dimisión ante a prensa CC-BY-SA Praza Pública

"Xa non son secretario xeral do PSdeG". José Ramón Gómez Besteiro puxo fin este venres ao seu mandato como líder dos socialistas galegos. Unha semana despois de que a xuíza Pilar de Lara decidise citalo como investigado -antiga imputación- na 'Operación Pulpo' e seis días despois de renunciar á candidatura á Presidencia da Xunta o líder dos socialistas galegos dende 2013 considerou que "é o mellor para o meu partido e para o meu país" era abandonar o cargo. "Seguro" da súa "inocencia" nos delitos que lle imputa a maxistrada, afirma que non permitirá ser "utilizado como escusa" para para impedir o "cambio" de Goberno "en Galicia e en España.

Nunha concorridísima comparecencia ante a prensa Besteiro deu conta dunha decisión "libre e responsable", froito da "reflexión" e non de orde ningunha, di. O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, afirma, non fixo máis ca "respectar" un cesamento que el mesmo, así como o seu responsable de organización, César Luena, advertiron durante os últimos días que non era necesario para cumprir o código ético da formación, que fixa a fronteira na apertura do xuízo oral. Tampouco marcha, "en absoluto", polas presións dos críticos do PSdeG nin de sectores do partido como o representado pola presidenta andaluza, Susana Díaz.

Besteiro subliña que a decisión foi "libre e responsable", froito da "reflexión" e non de orde ningunha

Mentres Besteiro se despedía, un a un, dos xornalistas que seguiron a súa actividade como secretario xeral, a Executiva Federal do PSOE confirmaba o nomeamento da xestora que dirixirá provisionalmente o partido. Será presidida por Pilar Cancela, ata agora secretaria de organización e a quen algunhas das cábalas sitúan como posible candidata á Presidencia da Xunta. As vogalías deste órgano estarán ocupadas en parte por integrantes da Executiva de Besteiro: Luis Ángel Lago Lage, actualmente á fronte da xestora do partido en Lugo, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, a ata agora responsable de Pesca do partido, Carmen Casalderrey, e mais Margarita Iglesias, do PSOE coruñés. Completan a xestora o o senador Modesto Pose, a deputada Concepción Burgo, o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso e a concelleira en San Cibrao das Viñas Bibiana Iglesias.

Esta xestora será a responsable de organizar o calendario de primarias para a presidencia da Xunta e de convocar, "nun prazo de seis meses", o Congreso Nacional do que sairá a nova dirección. Igualmente, este será o órgano ante o que responda o Grupo Socialista no Parlamento e quen xestione a organización cotiá do partido. 

"Continuarei coa miña defensa"

Unha vez comunicada a dimisión, Besteiro disponse a "continuar coa miña defensa" mentres se reincorpora á actividade profesional como avogado e, no partido, pasa a ser "un militante máis". Na súa despedida evitou mencións directas á xuíza De Lara, toda vez que a súa "opinión", di, xa é coñecida. Non en van, tras anunciar que non concorrería ás primarias pola candidatura á Xunta Besteiro subliñou que "dezaoito anos despois de entrar en política" xa entende "de que vai isto", toda vez que a súa imputación no caso Pulpo, como antes a ditada no caso Garañón, se produciron en momentos políticos clave. "Primeiro impútaseme e despois, búscanse probas", lamentou daquela.

Nesta liña, este mesmo xoves o voceiro do goberno da Deputación de Lugo e do PSdeG lucense, Álvaro Santos, advertía de que se lle estaban a "atribuír" a Besteiro gastos en viaxes da institución provincial que foran aprobadas e pagadas polo goberno do PP, tal e como reflicten as datas das facturas e dos xustificantes de pagamento. A xuízo de Santos, Besteiro era o "mellor candidato á Xunta", pero bateu "coa xuíza máis politizada de Lugo", dixo.

Pouco máis de dous anos

Gómez Besteiro dimite pouco máis de dous anos despois de chegar á secretaría xeral da formación, na que substituíu a Pachi Vázquez. Aínda como presidente da Deputación de Lugo o socialista impúxose nas primarias de setembro de 2013 polo 77% dos votos. Tras aquel proceso, o primeiro con votación da militancia para designar liderado, o seu cargo foi referendado polo Congreso Nacional do partido.

A imputación no caso Garañón chegou xusto despois da súa saída da Deputación e a do caso Pulpo, tras recibir o aval de Sánchez para optar á Xunta

Escasos días despois de deixar a presidencia da Deputación lucense, na que renunciou a recuncar para "centrarse na construción dun proxecto para Galicia", a xuíza De Lara reactivaba a operación Garañón, arquivada anos atrás por outro xulgado, e baseándose nunha denuncia dun construtor citaba a Besteiro como imputado por catro presuntos delitos na devandita operación urbanística da súa etapa como edil de Urbanismo en Lugo.

Ante a ausencia de avances no proceso e o adiamento da súa declaración perante a xuíza Besteiro amosou á prensa o pasado agosto a documentación que, ao seu xuízo, probaba a falsidade das acusacións de De Lara. Foi un "striptease económico e patrimonial" ante o cal, sinalou daquela, non cabía outra posibilidade que o arquivo da causa. No entanto, o proceso seguiu practicamente no mesmo punto ata a pasada semana cando, vinte e catro horas despois de recibir o aval de Sánchez para optar á candidatura da Xunta, chegaba a imputación no caso Pulpo, na que a maxistrada lle atribúe seis supostos feitos delitivos.

Pilar Cancela dirixe a xestora do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.