Besteiro deixa a política local para "centrarse na construción dun proxecto para Galicia"

Un intre da palestra do secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Fin de ciclo. Sexa cal sexa o resultado das eleccións municipais, José Ramón Gómez Besteiro deixará a finais da vindeira primavera a presidencia da Deputación de Lugo. Oito anos despois de converterse no primeiro presidente socialista da institución -o primeiro presidente de esquerdas "dende o romanos", adoita ironizar- e desbancar o histórico e controvertido Francisco Cacharro Pardo á fronte da coalición de PSdeG e BNG Besteiro deixará a política local para, di, "centrar todos os meus esforzos na construción do proxecto do PSdeG para Galicia", proxecto que, en última instancia, pasaría por tentar optar á Presidencia da Xunta.

O líder dos socialistas aproveitou este mércores un almorzo informativo en Santiago para ratificar o que viña transcendendo dende hai días. "Considero que a política son ciclos e que os representantes públicos temos que ser coherentes coa vida e o compromiso que adquirimos en cada un deses ciclos", sinalou ante un auditorio formado por boa parte da cúpula dos socialistas e representantes do mundo empresarial. A decisión de "non concorrer ás eleccións municipais" e, polo tanto, de non optar a un terceiro mandato na Deputación tómaa, di, porque "creo que é posible recuperar o futuro", a comezar por "devolverlle o orgullo a todas as persoas que non tiveron culpa da crise pero que foron equiparadas en responsabilidade cos verdadeiros responsables".

Neste contexto, Besteiro debulla as liñas mestras do que, pretende, sexa o programa que basee a "tarefa de que a terceira xeración de socialistas chegue canto antes ao goberno", toda vez que "a estas alturas queda patente que as respostas da dereita", "baseadas en recortes, austeridade e estigmatización do público como sistema fallido, non cumpriron as expectativas e están a crear máis dano estrutural". "Galicia hoxe non ofrece oportunidades de desenvolvemento vital" para a poboación e por este motivo, di, o seu "compromiso firme" pasa por unha "aposta clara por recuperar o público como forma de organización económica e social". Este "compromiso" implica "trababallar para promover a creación de emprego estable e de calidade", "reter e facer retornar o talento formado con diñeiro público durante estes anos" e "facer da enerxía un verdadeiro sector estratéxico que favoreza a reindustrialización da nosa comunidade".

O líder do PSdeG deixará de presidir a Deputación lucense tras oito anos

O quinto piar deste xermolo de programa político é o que Besteiro nomea como "recuperar un galeguismo de base económica sobre a base das nosas potencialidades como territorio e da nosa identidade como país". Isto, di, non significa só unha reivindicación do propio en clave cultural, senón tamén "unha galeguización da nosa economía e das nosas empresas", de xeito que se poida "estruturar o desenvolvemento económico" das compañías galegas "baseándose nos grandes recursos dos que dispoñemos en Galicia". "Especializar xeograficamente o país é imprescindible -afirma-: non todos podemos facelo todo, pero entre todos seremos quen de levar adiante calquera proxecto".

Besteiro apela á "galeguización da economía" e a ver no galego "unha oportunidade en canto á nosa participación no contexto económico internacional"

Nesta liña, o líder do PSdeG coida que a lingua galega ten que ser vista tamén como "unha grande oportunidade económica", ademais de "constituír unha parte fundamental da nosa identidade". O galego, enfatiza, "ofrécenos numerosas oportunidades en canto á nosa participación no contexto económico internacional" por ser "porta cara a mercados de máis de 217 millóns de habitantes". Coa vista posta na lusofonía, a "identificación galega" e a "volta á galeguidade do noso sector produtivo e empresarial" deberan, ao seu xuízo, "significar parte fundamental da nova estrutura económica" do país. "Cómpre recuperar un galeguismo útil" que "permita xerar actividade, crear emprego, reter poboación" e, como horizonte, trazar "un camiño alternativo á gaiola da austeridade, débeda, empobrecemento e desigualdade an que nos pretenden manter pechados", conclúe.

Besteiro, durante a conferencia CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.