Un xulgado de Lugo arquivou esta semana a operación Pulpo, a última causa xudicial pendente contra José Ramón Gómez Besteiro. Permanecía nela como investigado dende 2016, cando a imputación ditada pola xuíza Pilar de Lara precipitou a súa dimisión como secretario xeral do PSdeG. Esa imputación sumárase a outra lanzada en 2015 pola mesma xuíza, a do caso Garañón, que xa quedara arquivada pola Audiencia de Lugo a principios de 2021.Todo, dende que De Lara foi sancionada polo Poder Xudicial e os casos pasaron a outros xulgados.
O que fora presidente da Deputación lucense de 2007 a 2015 -De Lara imputouno por primeira vez pouco despois de abandonar a política local- vén de quedar deste xeito limpo de causas xudiciais, toda vez que a resolución dun recurso ante a Audiencia do que estaba pendente tamén culminou xa. Esta é a razón pola que as voces máis ou menos baixas que nos últimos meses apuntaran á posibilidade do seu retorno á primeira liña política virasen agora xa en máis altas, a comezar pola propia dirección do PSdeG e o seu secretario xeral, Valentín González Formoso, quen afirma que Besteiro "estará onde queira estar".
Nestes case sete anos Besteiro abandonou os cargos institucionais e orgánicos, pero non a vida política nin a actividade interna no PSdeG, tendo en conta ademais a súa estreita relación con Formoso e tamén con Pedro Sánchez. Nos últimos meses, especialmente dende o arquivo do caso Garañón, reapareceu en significativos actos de partido, dende o congreso provincial de Lugo a, máis recentemente, na Festa Socialista do pasado outubro en Sigüeiro, onde compartiu lugar destacado nos actos políticos con Formoso, a ministra Pilar Alegría e diversos dirixentes locais e galegos.
Formoso ve a 'desimputación' de Besteiro como "un dos días máis bonitos dos últimos sete anos" e mantén que "estará onde queira estar" por ser "un activo imprescindible do PSdeG"
Con este pano de fondo, o secretario xeral celebraba este venres a desimputación definitiva de Besteiro como "un dos días máis bonitos dos últimos sete anos". "Non todo vale para destrozar politicamente unha persoa que tiña e ten unha capacidade enorme de achegar ao seu país", reflexiona Formoso, que lamenta a "clara persecución" sufrida por quen é "un activo político de excelencia" para o PSdeG.
"Primeiro, imos gozar da noticia e imos pasar un Nadal moito máis feliz" e despois, mantén, "Besteiro estará onde queira estar, é un activo imprescindible do PSdeG". Non en van, non son poucas as voces que o volven ver como posible candidato socialista á presidencia da Xunta.
Tamén a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosaba este xoves a súa "profunda alegría" polo arquivo da última causa contra Besteiro e non ocultou a súa aposta por que retorne. Que "volvese á primeira liña da acción política" é "unha cuestión que desexaríamos moitos", afirma a tamén vicesecretaria xeral do PSdeG, que eloxia a súa "inquietude e vocación de servizo".
Méndez e Tomé cren que a popular Elena Candia debera "pedir perdón"
Lara Méndez: "Esas causas foron inducidas por anónimos e hai que lembrar que a señora Elena Candia trasladaba eses anónimos ao xulgado para enturbar, debería pedir perdón"
Alén esa alegría, Méndez resalta que "por moito que se faga xustiza", Besteiro vén de pasar máis de seis anos "de calvario", cun "dano persoal tremendo" que cómpre "analizar e valorar", máis aínda "se temos en conta que esas causas foron inducidas por anónimos". "E hai que lembrar que quen era responsable do PP e voceira" do partido na Deputación naquela altura, "a señora Elena Candia, trasladaba eses anónimos ao xulgado para enturbar e tentar acadar nos tribunais o que non son capaces de acadar nas urnas". Por iso coida a rexedora lucense que a actual presidenta provincial do PP, tenente da alcaldía en Mondoñedo e candidata á alcaldía lucense debera "pedir perdón persoalmente a José Ramón Gómez Besteiro".
Nesta liña manifestábase tamén o presidente da Deputación e secretario provincial do PSdeG en Lugo, José Tomé. "É un día de satisfacción e alegría, sobre todo polo compañeiro Besteiro, que queda libre da clara inxustiza que veu sufrindo", pero tamén cómpre "lamentar que todo isto fose provocado politicamente por unha persoa que lle levou á xuíza uns anónimos autoinventados cunha evidente vontade de facer dano persoal e político" e "salvar o PP dunha derrota". "Diante da evidencia do auto xudicial de que nada daquilo era certo, quen foi correo deses anónimos debería dar explicacións e pedir desculpas a todos os galegos, especialmente aos lucenses"; defende Tomé.
Polo momento, unha das primeiras reaccións dende o PP foi a do presidente da Xunta e líder dos conservadores en Galicia, Alfonso Rueda, quen a preguntas da prensa asegura celebrar "sinceramente" o arquivo, "polo señor Besteiro e seguro que tamén pola súa familia". Afirma Rueda que "todos coñecemos o que sucedía hai uns anos" e "o resultado que tivo para moitas persoas", en referencia aos diversos sumarios de presunta corrupción finalmente arquivados. A respecto do posible retorno de Besteiro, o presidente dos conservadores di "non saber" como "van solventar esta situación" e interpreta que "xa se comeza a cuestionar o actual secretario xeral".