"Volve o PSdeG!". O 29 de setembro de 2013, José Ramón Gómez Besteiro concluía así o seu primeiro discurso como líder dos socialistas galegos ante o Congreso Nacional que ratificara a súa elección, lograda tres semanas antes cunha vitoria por case o 80% nas primeiras primarias para a elección da secretaría xeral que celebrara o partido.
O primeiro intento de reinicio do PSdeG tras o período de Pachi Vázquez descarrilou cando Besteiro, que esta semana levou unha pechada ovación no congreso do partido, se viu forzado a dimitir polas imputacións da xuíza De Lara agora encamiñadas ao arquivo
Besteiro, naquela altura presidente da Deputación de Lugo, presentara a súa elección como un novo comezo. Un reinicio que permitise ao PSdeG chegar ás eleccións galegas de 2016 con opcións de presidir a Xunta, invertendo o acontecido na etapa de Pachi Vázquez, elixido ás présas por notables do partido para remudar ao ex-presidente Emilio Pérez Touriño tras perder o Goberno en 2009.
Nesa liña, na primavera de 2015 Besteiro anunciaba que deixaba de vez a política local para "centrarse na construción dun proxecto para Galicia". Ao tempo, dispúñase a ocupar a praza de senador por designación autonómica que lle correspondía ao PSdeG, mediante un acordo parlamentario que o PP frustrou in extremis apenas dúas semanas antes de que a xuíza Pilar de Lara o citase como investigado -antiga imputación- por unha operación urbanística do ano 2005, na súa etapa como concelleiro en Lugo
Outra imputación ditada por De Lara uns meses despois desencadeou a dimisión de Besteiro como secretario xeral e o descarrilamento definitivo daquel primeiro intento de reseteo do PSdeG tras a perda da Xunta. Tivo que esperar ata este 2021 para verse liberado da primeira daquelas causas, baseada en "meras sospeitas"; segundo o tribunal que a arquivou.
Formoso proponse liderar outro reseteo que permita ao PSdeG volver ollar á Xunta despois de que os ascensos electorais na etapa de Caballero freasen, precisamente, nos comicios galegos
O decaemento daquela causa e a confianza de que o que resta da outra seguirá o mesmo camiño -está pendente dun informe que acumula máis de seis anos de demora- permitiu que, esta semana, Besteiro sentase na primeira ringleira do Congreso Nacional que culminou a elección de Valentín González Formoso como secretario xeral. "É unha marabilla poder volver ver a José Ramón Gómez Besteiro en público", congratulouse o novo líder ante un plenario, que dedicou ao lucense unha sonora ovación.
A proximidade persoal e política do antigo secretario xeral co acabado de elixir é unha das claves do conclave socialista que vén de rematar, formulado polo propio Formoso -co claro aval do presidente do Goberno de España e líder do PSOE, Pedro Sánchez- como outro reinicio máis. Un reseteo -o terceiro- que permita ao partido volver ollar á Xunta tras non logralo naquel primeiro e tampouco no segundo, o encabezado por Gonzalo Caballero dende 2017, unha xeira de bos resultados electorais nas xerais (co fito de seren primeira forza en Galicia por primeira vez) e municipais que freou, precisamente, nos comicios galegos de 2020.
Na súa primeira Executiva Nacional, Formoso rodeouse de dirixentes con elocuentes significados políticos tanto orgánicos como cara aos vindeiros retos da formación. A nova xeira bota a andar coa vicesecretaría xeral para Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, nomeamento en clave municipalista pero tamén con fonda clave interna: Lugo foi clave no resultado das primarias e Méndez, crítica coa dirección de Caballero, apostou abertamente por Formoso.
A presenza de dirixentes como Méndez ou Silva en postos clave da nova Executiva teñen elocuentes significados nunha xeira sobre a que pairan interrogantes como o percorrido das tensións con Caballero ou a amplitude do eco do sonoro aplauso que acompañou a reaparición de Besteiro
A presidencia do partido, posto sen atribucións orgánicas pero moi simbólico, é para Carmela Silva. A presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra na Executiva, alén do compoñente municipal, é unha ponte co socialismo vigués que apostou por Caballero ou non pechou filas en torno a Formoso nas primarias. E tamén, por extensión, unha ligazón relevante co alcalde de Vigo, Abel Caballero.
A sala de máquinas da secretaría de organización é para José Manuel Lage Tuñas, ex-deputado, actual tenente da Alcaldía da Coruña, home de confianza de Formoso e veterano na fontanería interna. Lage, precisamente, foi sinalado nos últimos meses por partidarios de Gonzalo Caballero como orixe de movementos contra o xa ex-secretario xeral, a quen Formoso asegurou dende a tribuna do congreso que no partido "non sobra ninguén". A súa contorna sinala incorporacións á Executiva como a de Xoaquín Fernández Leiceaga como mostra de "integración".
Principia así o terceiro reseteo do PSdeG tras a perda da Xunta en 2009. No aire pairan interrogantes como se as tensións co sector de Caballero quedarán no plenario do congreso ou se reproducirán, por exemplo, na reorganización dun grupo parlamentario construído, en boa medida, ao xeito do ex-secretario xeral. Tamén o relativo á amplitude dos ecos do sonoro aplauso que acompañou á reaparición pública de Gómez Besteiro. A priori, o seguinte gran proceso orgánico nacional que o PSdeG terá que afrontar serán as primarias para a candidatura á presidencia da Xunta.