A aposta do novo secretario xeral por poñer en valor os gobernos municipais socialistas fai a Lara Méndez ‘número 2’ do partido, a José Manuel Lage secretario de Organización e a Carmela Silva presidenta
O presidente do Goberno de España e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, pechou este mércores o XIV Congreso do PSdeG que proclamou líder da formación a Valentín González Formoso sumándose á súa aposta por apoiarse na xestión dos gobernos municipais e provinciais socialistas para desde eles convencer á cidadanía de que tamén deben gobernar a Xunta. “Gobernamos a maior parte de concellos de Galicia, desde logo aqueles que se sitúan á vangarda”, -dixo Sánchez, aínda que a maioría dos concellos están gobernados polo PP e o PSdeG rexe os de maior tamaño-, “gobernamos a maior parte das deputacións provinciais, e dende logo pronto imos gobernar a Xunta”.
A aposta por poñer os gobernos municipais socialistas como exemplos da capacidade de xestionar tamén o Goberno galego reflíctese igualmente nunha composición da nova Executiva Nacional que encabeza Formoso na que a vicesecretaria xeral será a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o secretario de Organización José Manuel Lage Tuñas, portavoz municipal na Coruña, mentres que o posto máis simbólico da presidencia foi para Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra e man dereita do alcalde vigués, Abel Caballero.
“A socialdemocracia goberna mellor a economía que o neoliberalismo”, defendeu Sánchez
Na súa intervención final no congreso Pedro Sánchez gabou Galicia como unha “sociedade aberta” da que salientou o seu espírito emprendedor mesmo canto tivo que marchar á emigración. O presidente do Goberno central tamén salientou sobre a súa propia xestión os investimentos previstos en Galicia nos seus sucesivos orzamentos estatais, a chegada do AVE ou os esforzos por garantir prezos xustos na cadea agroalimentaria, pero fixo fincapé en mirar máis alá xa que “a pandemia non pode ser unha escusa para adiar as grandes transformacións que precisa o país senón ao contrario, debe aceleralas”.
Unhas transformacións que pediu que encabecen os socialistas xa que “crises hai moitas pero saídas só dúas, ou a socialdemócrata ou a neoliberal”. E, defendeu, “a socialdemocracia goberna mellor a economía que o neoliberalismo”.
Pola súa banda, o xa secretario xeral do PSdeG agradeceu a Sánchez as súas políticas para Galicia e ofreceu á sociedade galega tres “grandes acordos”: “polas políticas de innovación e transformación dixital, dos procesos produtivos” para “converter Galicia nun entorno innovador”, “pola economía e a industria deste país” para apostar pola reindustrialización”, e “pola defensa dos servizos públicos”.
Un Formoso que xa este martes apelara a que os socialistas "non podemos brindar as nosas diferenzas a un Feijóo que escolleu non ser o presidente dos galegos e galegas", senón que optou "polo papel de ser líder da oposición ao Goberno do Estado no peor momento", a pandemia. Tampouco "podemos brindalas ao nacionalismo que se deita de noite sendo amable e se ergue proclamando a república independente de Galicia", dixo en referencia ao BNG.
Leiceaga, integrado por Caballero no seu equipo hai catro anos, será agora responsable da área de política económica na nova executiva
Finalmente, e tras as protestas do anterior secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, polo suposto intento de Formoso de non querer integrar a todas as sensibilidades nos novos órganos de goberno do partido, as votacións e a conformación final deses órganos reduciron a relevancia das críticas. Se Formoso se impuxera nas primarias a Caballero por arredor do 60% dos votos fronte a un 40%, as votacións agora no congreso por parte de delegados e delegadas saídas daquelas primarias para a conformación dos novos órganos do PSdeG roldou o 80% dos votos a favor: a Executiva Nacional foi aprobada polo 81,47% dos votos (343 a favor, 78 en branco e tres nulos), o Comité Nacional polo 82,42%, a delegación galega no Comité Federal do PSOE polo 79,20% e a comisión de ética polo 79%.
Ademais, quen ata agora ocupaba a presidencia do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, integrado por Caballero no seu equipo hai catro ano tras inicialmente enfrontarse entre si polo liderado do partido, será agora responsable da área de política económica da nova executiva.
Na xornada de peche deste mércores tamén amosou o seu apoio ao PSdeG o primeiro ministro portugués, o tamén socialista António Costa, que nun vídeo apostou por “un futuro común” con Galicia e asegurou que “a afirmación do eixo atlántico é fundamental”.
O congreso rematou coa interpretación da Internacional e o Himno de Galicia.