Valentín González Formoso, elixido novo secretario xeral do PSdeG con case o 60% dos votos

Valentín González Formoso, durante un acto polas primarias en Chantada CC-BY-SA Candidatura G. Formoso

González Formoso superou nuns 1.400 votos a Caballero, que venceu con claridade nas provincias da Coruña e Lugo

Valentín González Formoso foi elixido este sábado pola militancia novo secretario xeral do PSdeG con 4.336 votos, o 58,7% do total, fronte o outro candidato, Gonzalo Caballero, que obtivo 2.970 votos. En total, nas primarias socialistas participaron máis de 7.000 votantes dun total de 10.074 militantes que tiñan dereito a sufraxio. Unha elevada participación que superou o 72% do censo no socialismo galego. 

Formoso foi o máis votado nas cidades da Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo e Ourense, mentres que Caballero venceu en Pontevedra e Vigo. A ampla vantaxe nas provincias do norte, fronte á escasa marxe do seu rival nas do sur, decantou finalmente o resultado, no que o novo líder dos socialistas galegas superou en case 1.400 sufraxios ao que era ata este sábado secretario xeral. 

González Formoso, alcalde das Pontes desde hai 14 anos e presidente da Deputación da Coruña, pon fin así aos catro anos de liderado de Gonzalo Caballero, que en 2017 foi elixido malia non contar co apoio dos baróns do partido, dos que renegara. 

Tampouco desta vez tivo Gonzalo Caballero o apoio das principais figuras do socialismo galego, decantándose as alcaldesas de Lugo e da Coruña, así como os rexedores de Ferrol e Santiago, polo apoio a Formoso, xunto co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.  O seu tío, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quixo amosar unha neutralidade que virou nun apoio implícito ao sobriño.  

A militancia elixe así o cambio, unha vez máis, no PSdeG, que será liderado polo que é tamén secretario provincial do partido na Coruña. Será o quinto secretario xeral dos socialistas galegos en poucos anos. Desde a dimisión de Emilio Pérez Touriño, ocuparon ese posto Pachi Vázquez, José Ramón Gómez Besteiro e Gonazalo Caballero, o último deles logo de 19 meses coa formación sendo rexido por unha xestora. 

Ademais, e dende que o liderado do PSdeG se elixe en primarias, foi a primeira vez que un secretario xeral en exercicio se presentaba á reelección, xa que nin Pachi Vázquez nin Gómez Besteiro o fixeran.

"Que saiban que non lles imos fallar", dixo Formoso á militancia

"Que saiban que non lles imos fallar", dixo Formoso á militancia ao pouco de coñecerse os redsultados e agradeceu o apoio aos que viron na súa candidatura "un modelo que se identifica con Galicia". 

Ademais, lanzou tamén unha mensaxe á cidadanía. "O noso fin é servir a Galicia, esa Galicia que soña en mellorar, que aspira a non baleirarse; esa Galicia que marchou e quere retornar. Que é un país pequeno pero que chega ás estrelas: aquí tedes o partido ao voso servizo", asegurou. 

Pola súa banda, Gonzalo Caballero avanzou que non deixará o seu escano no Parlamento e desexou "todos os éxitos" a Valentín González Formoso á fronte do PSdeG. 

Agora, a renovación na dirección do PSdeG quedará agora completada a principios de decembro, os días 7 e 8, para cando está convocado o XIV congreso da formación en Compostela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.