Pedro Sánchez clausura o mércores o conclave que fará secretario xeral a Valentín González Formoso, vencedor en primarias de Gonzalo Caballero, crítico co seu sucesor
O Pazo de Congresos de Santiago acolle o martes 7 e o mércores 8 de decembro o XIV Congreso do PSdeG que ratificará como o seu novo secretario xeral a Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, que o pasado 30 de outubro venceu en primarias ao seu antecesor, Gonzalo Caballero. O secretario xeral saínte, no cargo desde hai catro anos, vense amosando moi crítico co que considera pouco interese do seu sucesor porque as novas estruturas de dirección do partido integren a todas as sensibilidades da formación, mentres que desde a contorna de Formoso vense criticando que Caballero non soubo asumir a decisión da militancia nas urnas.
Ante este enfrontamento, o principal reto do congreso será a unidade interna do partido, mentres que de cara ao exterior a intención da formación é facer visible, fronte ao Goberno galego do PP, a “outra Galicia que sae dos gobernos socialistas nos concellos e as deputacións galegas” e da que Formoso sería un dos seus representantes. Así o sinalaron este venres Blas García, Teresa Facal e Ana Pena, representantes da organización do Congreso.
O lema do Congreso será “A Galicia que Avanza”, co obxectivo de “abrir unha nova etapa de modernización” das estruturas do partido e “poñer en valor aos máis de 10.000 militantes cos que conta, e que constitúen o activo máis importante” da organización.
O congreso comezará o martes con intervencións dos ex-presidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe e a el están invitados representantes dos sindicatos galegos e dos socialistas de Portugal. O mércores, tras a constitución dos novos órganos directivos do PSdeG, pecharán as intervencións o propio Formoso e o secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez.
Ante a división interna polas críticas de Caballero, este venres Blas García, tamén alcalde de Ames, salientaba de Formoso que “é unha persoa que ten unha destacada capacidade de diálogo e integración, como se verá no Congreso” e apelou a “un PSdeG no que todos rememos na mesma dirección”.