Formoso e Caballero acordan a transición no PSdeG ata o congreso nacional de decembro

Valentín González Formoso e Gonzalo Caballero saúdanse no Parlamento este 4 de novembro, á chegada do secretario xeral electo do PSdeG para expoñer os orzamentos da Deputación da Coruña © Deputación da Coruña

A campaña foi tensa e a xornada e noite electoral que non o foron menos. O PSdeG dá os primeiros pasos da súa transición interna tras o triunfo de Valentín González Formoso nas primarias á secretaría xeral fronte a Gonzalo Caballero, que optaba a reelección. 

A situación é inédita dende que o máximo cargo orgánico dos socialistas galegos é elixido a través de primarias. O primeiro foi José Ramón Gómez Besteiro en 2013 e daquela Pachi Vázquez non optara á reelección; o segundo foi o propio Caballero tras un longo período co partido nas mans dunha xestora pola dimisión de Besteiro-. Obriga a un mes de convivencia entre os rivais, agora como secretario xeral electo e saínte, respectivamente, ata que o Congreso Nacional que o partido celebrará o 7 e 8 de decembro elixa a nova Executiva e Formoso configure o seu equipo.

Comparecencia de Valentín González Formoso ante a prensa tras a súa vitoria nas primarias do PSdeG, o pasado 30 de outubro CC-BY-NC-SA PSdeG

A escenificación dese pacto de transición chegou este xoves no Parlamento, onde o novo secretario xeral tivo que acudir para comparecer á Comisión de Orzamentos na súa calidade de presidente da Deputación da Coruña. Un saúdo cortés ante os medios de comunicación -do que o propio equipo de Formoso distribuíu imaxes- e unha xuntanza posterior sentaron as bases dun acordo que pasa por que, cando menos de momento, Caballero continúe exercendo como voceiro parlamentario.

Quen foi xefe de filas do PSdeG nos últimos catro anos xa avanzou a súa intención de manter a súa acta de deputado xa que, vén subliñando nos últimos días, esa é a función para a que foi elixido nos comicios galegos de 2020. Dependerá da nova dirección determinar o papel que xogará nun grupo parlamentario no que Formoso avanza mudanzas que non terán, avanzou, un ritmo "acelerado", porque partirán da "reflexión".

No marco do seu primeiro encontro tras as primarias, Formoso considerou "correcto" que Caballero continúe como voceiro parlamentario do PSdeG ata o Congreso Nacional que o partido celebra en decembro, onde o novo secretario xeral configurará o seu equipo

Polo momento, o novo secretario xeral coida que o "correcto" é que Caballero siga sendo o voceiro (máximo responsable do grupo e interlocutor do presidente da Xunta nas sesións de control) ata o Congreso Nacional. Os cambios chegarían, daquela, contra finais de ano e mentres, aseguran ambos, primará a lealdade.

O secretario xeral saínte, pola súa banda, mantén a súa vontade de continuar confrontando as "políticas da dereita" dende o seu escano do Parlamento. Persoalmente, mantén, fará gala de "resiliencia". Na súa traxectoria política, explica, xa tivo "peores etapas" e "travesías" máis complexas.

Mentres o PSdeG principia a súa nova xeira con González Formoso á fronte, o PP deu en volverse mofar do proceso interno dos socialistas a través do seu secretario xeral. Segundo Miguel Tellado, "descubrimos que eses xogos do calamar socialistas aínda teñen unha segunda temporada á vista", ironizou o número dous de Feijóo no que pretendeu ser unha referencia á serie televisiva O xogo da lura. O número dous dos conservadores di estar seguro de que Caballero se "quere dedicar a facer oposición á outra metade do PSdeG".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.