Valentín González Formoso: o triunfo do pragmatismo discreto

Valentín González Formoso, nun acto en Verín CC-BY-SA Candidatura G. Formoso

González Formoso acabou en 2007 coa maioría absoluta do BNG nas Pontes para logo colleitar tres maiorías absolutas consecutivas á fronte da alcaldía

Valentín González Formoso (As Pontes, 1971) adoita chegar aos sitios de maneira discreta, sen facer moito ruído. Sen forza de partido nin apenas afiliados -o PSdeG acadou un e dous edís en 1999 e 2003 respectivamente-, rematou coa maioría que o BNG tiña na súa localidade natal en 2007. Converteuse en alcalde para logo colleitar tres maiorías absolutas consecutivas desde 2011.

Malia a crise do carbón que levou ao inevitable anuncio de peche da central térmica, o gran motor económico das Pontes e da comarca, González Formoso consegue navegar entre difíciles augas. As que supoñen defender alternativas a un peche cantado, pedir dunha prórroga extra para Endesa, apoiar persoal e sindicatos e asumir a inexorable transición ecolóxica que o seu partido impulsa desde o Goberno central.

Valentín González Formoso, en 2017, nunha mobilización contra o peche dun colexio das Pontes CC-BY-SA Praza Pública

Formoso mantén unha estable coalición co BNG na Deputación ao tempo que non dubida en unirse a Feijóo para pedir que se manteña aberta a central térmica

Se cadra non hai mellor escola que a política local pontesa para este ex-empregado de Iberdrola marcado vitalmente por Endesa, que puxo en funcionamento a térmica na súa vila cando el era tan só un cativo.  Desde aquela, asistiu a unha axitada vida socipolítica no seu municipio e no seu camiño de ascenso no PSdeG, do que é secretario provincial desde 2017, unha década máis tarde de acceder á alcaldía, e dous anos despois de converterse en presidente da Deputación da Coruña. 

Alí mantén unha coalición estable de goberno co BNG e, ao tempo -ben como presidente provincial, ben como rexedor- fomenta un perfil dialogante que lle permite boas relacións coa Xunta ou unirse a Feijóo nas reivindicacións (e fotos) que cre xustas, como cando instou a manter a actividade da térmica. Unha actitude que aproveitou o seu rival nas primarias, Gonzalo Caballero, para atacalo, acusándoo de escorar á dereita e permitir "o abrazo do oso" por parte do presidente galego. 

Ten e tivo perfil propio, posto en dúbida por algúns e gabado por outros. Como cando nos primeiros anos á fronte da alcaldía das Pontes criticou o decreto do carbón que impulsaba o Executivo de Rodríguez Zapatero, puxo en dúbida o plan eólico do bipartito ou destacou o bo facer da Consellería do Medio Rural no incendio que afectara as Fragas do Eume. Logo, xa como secretario provincial e en pleno auxe das mareas e de Podemos, non dubidou en reivindicar a "vella política" e destacar figuras como Francisco Vázquez ou Felipe González. Pero tampouco en liderar en pantalón curto e altofalante en man unha marcha contra o peche dun colexio nas Pontes

Nesa adaptabilidade é no que moitos ven a súa principal baza á hora de impulsar o PSdeG en Galicia fronte á maioría de Feijóo. Esa capacidade para apañar votos a esquerda e a dereita. De garavata e vella política ou de reivindicación e pancarta. O pragmatismo, o dun alcalde que sumou nas Pontes máis do 65% dos votos nas últimas municipais de 2019 para o PSdeG, que nas autonómicas, na mesma localidade, non alcanzou o 20%. 

García Formoso e Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa para solicitar a reactivación da central térmica das Pontes © Xunta

Polo momento, nas primarias, sen moito ruído, foi apañando apoios á espera de confirmar a renovación completa no congreso de decembro. As alcaldesas e alcaldes de Santiago, Ferrol, A Coruña ou Lugo, entre outros, mais o presidente da Deputación lucense amosáronlle a súa sintonía. E foi nas dúas provincias do norte, onde a influencia económica das Pontes é moi marcada, onde asentou a súa clara vitoria, así como en todas as cidades, agás Pontevedra e Vigo. 

Agora, en Galicia o seu obxectivo será semellante ao que xa ten abordado a nivel local ou provincial: conseguir que o músculo que o PSdeG amosa nas eleccións municipais -goberna en cinco das sete grandes cidades- e nas xerais -en abril de 2019 o PSdeG gañou por primeira vez ao PP uns comicios no país- se traslade á loita autonómica. Alí, unha vez máis, Formoso deberá tirar da súa habilidade para gañar adeptos a un e a outro. E acertar co pragmatismo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.