A executiva do partido seguirá contando coa presenza da galega Pilar Cancela, secretaria de Estado de Cooperación Internacional
O 40 Congreso do PSOE rematou este domingo en Valencia coa xa agardada revalidación de Pedro Sánchez como o seu secretario xeral, posto ao que chegou en xullo de 2014 pero do que estivo apartado durante oito meses entre finais de 2016 e mediados de 2017, cando o partido estivo ao cargo dunha xestora pola súa negativa a investir presidente do Goberno de España a Mariano Rajoy. Ademais de renovar os seus órganos de dirección, o partido aprobou unha ponencia na que reafirma a súa aposta por unha “cultura federal” do Estado.
Para o seu novo mandato Sánchez estará acompañado na dirección do partido por unha executiva na que continúan Cristina Narbona como presidenta, Adriana Lastra como vicesecretaria xeral e Santos Cerdán como secretario de Organización, tras substituír este último en xullo ao ex-ministro José Luis Ábalos. Na executiva, na que entran varias das novas ministras nomeadas por Sánchez hai tres meses, tamén seguirá a galega Pilar Cancela, secretaria de Estado de Cooperación Internacional desde xullo, que xa estaba na executiva e que continuará como responsable da estrutura exterior do partido.
Os novos órganos de dirección do partido recibiron un respaldo do 95%, fronte ao 70% do congreso de 2017 no que Sánchez volveu á secretaría xeral. Xa na xornada do sábado o congreso deixou unha imaxe de unidade con Felipe González e José Luis Rodríguez Zapatero amosando o seu respaldo a Sánchez, aínda que o primeiro reivindicando o seu dereito á crítica.
Tras o 40 Congreso estatal, o PSdeG afronta dentro de dúas semanas as primarias que decidirán se continúa á fronte Gonzalo Caballero ou o substitúe Valentín González Formoso
Tras a renovación da cúpula do partido a nivel estatal, agora tócalle a quenda ao PSdeG, que dentro de dúas semanas, o sábado 30 de outubro, celebrará primarias para decidir se continúa á súa fronte Gonzalo Caballero ou o substitúe Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes. Posteriormente, os días 7 e 8 de decembro, o congreso nacional da formación renovará a cúpula do PSdeG.