Gonzalo Caballero terá cando menos un opoñente nas primarias nas que, o vindeiro 30 de outubro, a militancia do PSdeG renovará a súa secretaría xeral. Este xoves, 30 de setembro, o secretario provincial do partido na Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, confirmará a súa intención de concorrer ás eleccións internas formalmente convocadas dende finais da pasada semana e para as que o prazo de inscrición de candidaturas finaliza nesa mesma xornada.
O alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña formalizará a súa candidatura nun acto con militancia este 30 de setembro
Como adiantou a Cadena SER e puido confirmar Praza.gal, o formato elixido por Formoso para ratificar a súa candidatura é un encontro con militancia do PSdeG na vila onde o tamén presidente da Deputación da Coruña é rexedor dende 2007. No seu equipo coidan que este xeito de presentar a súa candidatura servirá para amosar a súa traxectoria no partido e a intención de contar coas bases. Evocan dende a contorna de Formoso que así o fixera tamén José Luis Rodríguez Zapatero cando, no ano 2000, aproveitou o congreso provincial do PSOE de León para anunciar que optaría á secretaría xeral.
O nome de González Formoso soa dende hai meses como posible contrincante de Caballero pola secretaría xeral, igual que xa soara como potencial aspirante antes das primarias de 2017, nas que o actual líder socialista se impulso a Juan Díaz Villoslada, considerado próximo ao mandatario das Pontes. Formoso, con ligazón estreita co ex-secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro, conta tamén con apoios no ámbito municipal, especialmente entre algúns cargos que actualmente gobernan e que se amosaron decepcionados cos resultados colleitados por Caballero nas eleccións galegas de 2020, así como coa súa xestión en clave interna.
Partidarios de Formoso manteñen que o lanzamento da súa candidatura ten o beneplácito da dirección federal do PSOE. Caballero reitera os chamamentos á "integración" e non ve proxecto "alternativo" con máis "capacidade e ilusión" ca o seu
Os partidarios de quen aspirará a remudar a Caballero manteñen que, ademais, o lanzamento da súa candidatura se produce porque conta con boas expectativas entre a militancia e tamén co beneplácito da dirección federal do PSOE. Os seus detractores, non obstante, consideran que o seu perfil pode ser do gusto da banda máis cara ao centro do electorado socialista, pero pouco axeitado para construír unha mensaxe nidiamente de esquerda. A súa eventual vitoria, consideran, suporía tamén retornar a un partido baseado en liderados locais e sen un proxecto en clave galega que, evocan, foi o que conseguiu levar o PSdeG á Xunta nos tempos do ex-presidente Touriño.
Sexa como for, o certo é que ambos enfoques confrontarán nunha campaña interna que desembocará nas urnas das primarias o 30 de outubro e despois, o 7 e 8 de decembro, no XIV Congreso Nacional do PSdeG. Con este pano de fondo, este mesmo luns Gonzalo Caballero reiteraba os chamamentos á "integración" que xa lanzou a pasada semana, cando confirmou que optará á reelección. Preguntado ante a posibilidade de ter rivais nas primarias, advertiu que ao seu xuízo non existe un "proxecto alternativo" que poida achegar máis "capacidade e ilusión" para "gañar" nos vindeiros comicios e "ser capaz" de construír unha alternativa ao PP.